Xoves 28 Marzo 2024

Que foi Manuel (a) Blanco Romasanta? 2: A detención, a confesión e o xuízo

Capítulo 1: O sexo, os crimes e a fuxida

Deixamos ao Canicha fuxindo a Castela xunto a dous veciños de Vilariño de Conso. Conta Xosé Ramón Mariño Ferro no seu libro que Romasanta, agora Antón Gómez, segundo o seu pasaporte falso, chega o 20 de febreiro a Velada, na provincia de Toledo. En principio ía comezar a traballar como carboeiro nesta vila, mais finalmente convénceno para dedicarse a ser tacholeiro.

Tras un tempo exercendo este oficio, no verán busca traballo como xornaleiro na sega. Moitos galegos viaxaban a Castela con intencións máis nobres, a gañar o pan. E así foi como entre finais de xuño e comezos de xullo, varios veciños de Laza recoñecen a Romasanta nun dos trigais e presentan unha denuncia ante o alcalde da vila de Nombela. Diante das acusacións dos denunciantes, que narran ante o munícipe os crimes dos que se acusa a Romasanta en Ourense, o alcalde decide deter ao Tendeiro xunto a un compañeiro de viaxe, Manuel García, e tomarlles declaración.

Publicidade

Son trasladados ante o xuíz de primeira instancia de Escalona, que atopa varias contradicións nas súas declaracións e detén ao afiador Pedro Álvarez, que acompañou a Romasanta durante as súas primeiras semanas en Toledo. O xuíz non atopa indicios de que Álvarez e García teñan algo que ver cos crimes que cometeu Romasanta, así que os deixa libres. Non en tanto, ordena que o Canicha sexa conducido ao xulgado de Verín.

A terrible confesión

Mentres Romasanta fuxía, non deixaban de medrar as sospeitas e rumores en Ourense, polo que as investigacións avanzaron. Xa en Verín, o xuíz desta vila interrógao o 25 de agosto. Pronto chega a confesión. Consciente de que moita xente o coñece alí, xa non di chamarse Antón Gómez, senón Manuel Blanco Romasanta. E de súpeto, desvela a arrepiante historia que fai nacer a lenda do lobishome:

“Desde hai trece anos ata o día de San Pedro do corrente (1852) por efecto dunha maldición dalgún dos meus parentes, tal vez dos meus pais ou da miña sogra, trouxen unha vida errante e criminal, cometendo diferentes asasinatos e alimentándome da carne das vítimas, unhas veces só, outras con dous suxeitos que adoitaban acompañarme, un deles valenciano, chamado don Genaro, e un tal Antonio, do mesmo reino aínda que de poboación distinta”.

Ninguén tivo nunca nin a máis mínima proba sobre a existencia de Genaro e Antonio. A continuación, Romasanta engade:

“Eu e os meus compañeiros non nos valiamos de arma ningunha, pois polo efecto dunha maldición convertiámonos en  lobos (…) Unhas veces axiña volviamos tomar figura de homes; outras veces conservabamos a figura de lobo unha semana, aínda que polo xeral non pasabamos de dous días”.

Retrato de Romasanta realizado polo litografista Vicente Urrabieta e publicado na revista La Ilustración, de Madrid, en xuño de 1854.

Para reforzar a súa delirante confesión, Romasanta atribúese as mortes dun raparigo e dunha anciá, das que tivera noticia de oídas. Apareceran con síntomas de ser devoradas polos lobos. No caso da muller, o propio neto presenciara o ataque dos lobos e dera testemuño dos feitos, polo que a confesión do Canicha sobre esta morte non resulta crible.

O 28 de agosto de 1852 confírmanse as sospeitas. Nunha rolda de identificación, os irmáns García Branco e varios veciños confirman que o detido é Romasanta. Durante a investigación, tamén confesa os lugares onde cometeu os crimes, e mesmo se atopan un cranio e un óso que, segundo todos os indicios, pertencen a dúas das vítimas.

Axiña se filtra a historia á prensa, e a lenda comeza a circular polas aldeas e vilas en forma de cantar de cego. Xornais de Madrid e mesmo do estranxeiro comezan a falar do caso nas súas páxinas. A expectación era enorme, e a xustiza non escatimou en gastos. Tomouse declaración a unhas 140 testemuñas e fixéronse comunicacións e solicitudes a numerosos xulgados e concellos. A causa completa, de 1.878 folios, consérvase hoxe no Arquivo do Reino de Galicia.

O xuízo

Os xulgados de Verín, Trives e Allariz comezaron cadansúa instrución, mais para evitar atrasos, a Audiencia da Coruña decide unificar o proceso e centralo en Allariz. A acusación e defensa presentaron os seus argumentos, e os facultativos desbotaron a delirante xustificación do ‘lobishome’, acusando a Romasanta de ser un “ser perverso, frío e sereno, un consumado criminal que actúa con liberdade e coñecemento”. O 6 de abril faise pública a sentenza. Manuel Blanco Romasanta é condenado á pena de morte por garrote vil ao ser declarado culpable de nove homicidios.

A causa (cuxa reseña foi compilada dixitalmente por Cástor Castro Vicente) pasa á Audiencia da Coruña. Encárgase da defensa de Romasanta o avogado Manuel Rúa Figueroa, que logo escribiu a mencionada reseña sobre o caso. Cando o proceso xa estaba visto para sentenza, aparece a figura do doutor Phillips, unha peculiar personaxe coñecida por empregar a hipnose, que descobre polos xornais do caso do ‘lobishome’. Phillips, que en realidade é francés e chámase Joseph-Pierre Durand de Gros, envíalle unha carta ao Ministro de Graza e Xustiza para que conmute a pena de morte contra Romasanta e lle permita estudar ao Canicha. O francés considera que Manuel Blanco padecía un trastorno chamado licantropía, e que polo tanto non era consciente dos seus actos ao cometer os asasinatos.

Portada da reseña da causa contra Romasanta, publicada polo seu avogado defensor, Manuel Rúa Figueroa, en 1859.
Portada da reseña da causa contra Romasanta, publicada polo seu avogado defensor, Manuel Rúa Figueroa, en 1859.

Aínda que tanto a defensa como o fiscal desbotan os argumentos de Phillips por unha ou outra razón, o tribunal revoga a pena de morte e convértea en cadea perpetua nunha sentenza ditada o 9 de novembro de 1853. O fiscal recorre de novo en súplica, e o avogado defensor, Manuel Rúa, solicítalle o indulto á raíña Isabel II, xa que Romasanta “é un pobre enfermo” e os feitos que cometeu suscitan “cuestións de inmensa transcendencia no campo filosófico, médico, legal e xurídico”.

Dítase unha terceira sentenza, que emenda a segunda e condena de novo a Romasanta á morte por garrote vil. Pero en maio de 1854 faise pública a Real Orde que o indulta e conmuta a pena de morte pola perpetua. Romasanta ingresa no cárcere da Coruña, e a súa pista pérdese durante máis dun século, ata o ano 2011.

Capítulo 3: A morte e os misterios sen resolver.

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Atopan unha estela funeraria de 2.000 anos nun xacemento de Allariz

O xacemento de Armea amplía as súas dimensións cunha nova intervención arqueolóxica

O achado de restos de tres persoas mantén a esperanza na exhumación de Vilagarcía

Falta confirmar se a súa identidade se corresponde coa dalgún dos 18 represaliados polos golpistas, pero non se saberá "ata dentro de tres ou catro meses"

A ciencia ao rescate da memoria dos 18 asasinados na foxa de Vilagarcía

Un equipo interdisciplinar inicia os traballos de exhumación no cemiterio municipal, tratando de atopar os restos dos represaliados entre 1936 e 1937

Fernando Serrulla: “Poderíase abrir o sepulcro de Santiago O Maior e ver o que hai”

O científico é autor dunha investigación que confirma que a morte de Santiago O Menor non se corresponde coa descrita na historia sagrada