Aproximación facial de Romasanta, realizada por Fernando Serrulla e Marga Sanín.

Aproximación facial de Romasanta, realizada por Fernando Serrulla e Marga Sanín.

Que foi Manuel(a) Blanco Romasanta? 1: o ‘home do unto’ que puido nacer muller

As investigacións sobre a figura do lendario ‘lobishome’ descríbeno como un asasino en serie que, moi posiblemente, tiña unha alteración hormonal

Non. Romasanta non foi un lobishome. A lenda sobre esta personaxe do século XIX só foi unha argucia empregada para defenderse cando ía ser xulgado pola morte de 13 persoas. Porén, arredor del aínda xiran moitas máis incógnitas. O que se sabe, aínda que coa debida cautela, é que foi un vil asasino en serie. As investigacións de decenas de expertos de diversos eidos contribuíron a aportar luz sobre unha inquietante figura moitas veces deformada polas lendas e a imaxinación. En GCiencia quixemos abordar, en tres entregas, unha truculenta vida que se fixo un oco na cultura popular galega:

O sexo de Romasanta

Para achegarse á súa vida hai que comezar pola súa partida de bautismo, un documento clave nesta historia. Primeira sorpresa. Cando era unha crianza, Blanco Romasanta non era Manuel, senón Manuela, xa que así foi bautizada. No ano 2007, no seu libro libro Manuel(a) Branco Romasanta, o lobishome asasino, o antropólogo e profesor da USC Xosé Ramón Mariño Ferro deu a coñecer un documento clave, datado o 18 de novembro de 1809. No rexistro do seu bautismo pódese ler, por letra do párroco do Regueiro de Esgos: “Bauticei solemnemente a unha nena que naceu o mesmo día, filla lexítima de Miguel Blanco e María Romasanta, veciños de Rigueiro (…) e púxenlle por nome Manuela“. Isto reforza a hipótese, segundo os investigadores, de que o ‘home do unto’ puido nacer muller.

Non en tanto, algo aconteceu entre o seu bautismo e a súa confirmación: en 1825, ao confirmarse xunto aos seus irmáns, xa era Manuel. E en 1831 casou con Francisca Gómez, da que enviuvou tres anos despois. Por tanto, debería ter, canto menos, aparencia de home. Iso si, tanto os seus modos e os seus costumes (bordaba, calcetaba e facía de criado), como algúns trazos da súa morfoloxía e a súa estatura (apenas chegaba aos 1,37 metros de altura) eran máis ben femininos, de aí que lle puxeran por  alcume “O Canicha“.

Segundo os datos tirados dos testemuños que declararon no posterior xuízo contra Romasanta, tanto Mariño Ferro como o resto dos investigadores coinciden en sinalar que, con moita probabilidade, a causa deste cambio é unha síndrome adrenoxenital. Este é un trastorno causado por un déficit de xeración de cortisol na glándula suprarrenal. Provoca un exceso de hormonas sexuais masculinas. Nos homes apenas produce efectos, pero nas mulleres ocasiona un crecemento anormal do clítoris, que toma unha forma semellante a un pene; e, nalgúns casos, a fusión parcial dos beizos da vulva. Deste xeito, ás veces é complicado distinguir o sexo das crianzas. Antigamente, por tanto, ás veces eran criados como nenos e outras veces como nenas.

Único exemplar conservado dun romance popular sobre a historia de Romasanta. Imaxe: Arquivo Castro Vicente.

Único exemplar conservado dun romance popular sobre a historia de Romasanta. Imaxe: Arquivo Castro Vicente.

O médico forense Fernando Serrulla, autor da aproximación facial que lle puxo cara a Romasanta, é unha das persoas que coñece de preto a historia. Conta que a patoloxía que presuntamente tiña Romasanta era considerada “vergoñenta” naquel tempo, e ocultábase. Hoxe existe tratamento, pero ata os anos 50 do século XX non se tomaba ningún tipo de medida. “Nacen con aparencia de nena, con xenitais externos de aspecto feminino, pero a partir dos oito anos, comezan a virilizar. Non lles medra o peito, empézalles a saír pelo por todo o corpo e transfórmase a voz”. Engade Serrulla que esta doenza, aínda sendo pouco habitual, é das máis ‘frecuentes’ entre as enfermidades raras. “Na provincia de Ourense, con 300.000 habitantes, existen hoxe en día uns 30 casos“, conta.

De ser así, aquela situación tivo que resultar canto menos complicada para a familia Blanco Romasanta, toda vez que en pleno 2017 aínda persiste a intolerancia dalgúns sectores da sociedade contra casos semellantes. No seu libro, Mariño Ferro lembra historias tráxicas debido a problemas coa identidade de xénero, como os de Herculine Barbin ou David Reimer, que acabaron en suicidio.

Con todo, o forense Fernando Serrulla cre que é complicado facer un diagnóstico claro do que era Romasanta e cal era o seu trastorno, xa que non hai ningún resto biolóxico que se poida analizar para confirmalo. Si que se pode concluír que “roubaba para sobrevivir e mataba para ocultar os roubos”. Mais non se pode ir moito máis alá. “Naquel tempo non existía a medicina forense como tal, e todas as valoracións están feitas cos criterios e coñecementos do século XIX, que son notablemente distintos dos actuais”, explica Serrulla.

A historia criminal

A súa relación co crime comeza, segundo os datos recollidos no xuízo, no 1834, ano no que queda viúvo. Non hai sospeitas de que puidera ter relación coa morte da súa muller. Xa levaba tempo traballando como vendedor ambulante, e de aí lle ven un dos seus alcumes, ‘O Tendeiro’. Marcha cara a zona de Chaves con Manuel Ferreiro, vendedor de panos, ao que lle fai uns pantalóns. Meses despois, Romasanta regresa á casa de Ferreiro, en Maceda, para pedirlle á súa familia que lle dean roupa para levarlla de volta. Manuel Ferreiro nunca regresaría a casa.

Nada se sabe de Romasanta ata agosto de 1843, cando foxe de León acusado de asasinar un alguacil que lle reclamara unha débeda. Na aldea de Pardavé, ante varias testemuñas, o suposto homicida págalle seiscentos reais e as costas. Pero aos poucos días, un arrieiro atopa o cadáver do funcionario nun monte preto de Pardavé. Roubáranlle, ademais dos cartos, un reloxo de prata e a capa que vestía.

Romasanta regresa a Ourense, pero non a Esgos, onde seguramente irían na súa procura. Instálase en Rebordechau, no actual termo municipal de Vilar de Barrio, onde comeza a tecer confianza co crego Pedro Cid. Esta relación segue sendo un dos puntos enigmáticos da súa biografía. Máis adiante falaremos del.

A partir de 1845, e repetindo un mesmo modus operandi, Romasanta traba relacións íntimas con mulleres de controvertida reputación. Promételles un emprego como criadas en Cantabria e convénceas para levalas ata alí. Primeiro convence a Manuela García Branco e á súa filla Petra, que parten cara Santander en 1846. Regresa a Rebordechau pregoando a suposta ventura que Manuela e Petra atoparon en Santander, e así convence a comezos de 1847 a Bieita, irmá de Manuela, e ao seu fillo Francisco. Intenta que outra irmá, María, siga o mesmo camiño, mais non o consegue. Si que o logra, en 1850, con Antona Rúa Carneiro, que leva consigo a súa filla Peregrina, de apenas tres anos. Ademais, o Tendeiro consegue que Antona lle venda todos os seus bens antes de marchar. María, a filla maior de Antona, de once anos, vai vivir con Romasanta na casa que este lle mercou a súa nai, ata que meses despois, segue a mesma sorte que a súa nai e a súa irmá. Ante as preguntas dos veciños, Manuel Blanco di que a mandou coa nai a Cantabria. No mesmo ano, en novembro, convence a outra irmá García Branco, Xosefa, de levala canda Manuela, Bieita e as súas fillas. Marcha primeiro con Xosé, fillo de Xosefa, e regresa a pola nai, coa que sae de Rebordechau o día de Ano Novo de 1851. A eles dous tamén os traga a terra. Xa son 11 as presuntas vítimas de Romasanta. Demasiadas para manterse a salvo das sospeitas.

Pasaporte falso co que Romasanta fuxiu a León. Imaxe: Arquivo Castro Vicente.

Pasaporte falso co que Romasanta fuxiu a León. Imaxe: Arquivo do Reino de Galicia.

Despois da desaparición de cada unha das vítimas, Romasanta vendía as súas pertenzas noutras localidades da provincia. Ao ser preguntado, O Tendeiro dicía que o facía por vontade das propias mulleres, co obxectivo de conseguir aforros para a súa nova vida. E cando lle pedían información sobre o destino que correran en Cantabria, repetía unha e outra vez que se atopaban ben, servindo en boas casas. Chegou a falsificar cartas das súas vítimas para entregarllas aos seus familiares.

Con todo, a desconfianza e as probas contra o sospeitoso proceder de Manuel Branco acaban agromando. Bárbara, unha das irmás García Branco que quedara a salvo das garras do Canicha, recibe noticias de que Romasanta vendeu roupas delas en Augas Santas e en Castro de Laza. O crego de Castro de Laza pregúntalle a Romasanta polas irmás e el responde que están na vila de Potes. O párroco escribe por carta ao seu homólogo deste pobo cántabro, e recibe resposta de que nada se sabe alí, nin nos pobos da volta, das mulleres e dos seus fillos. O outro irmán das desaparecidas, Xosé, observa como O Tendeiro corta o pan cun coitelo que pertencía a Xosefa. En setembro de 1851, un pastor de Rebordechau atopa unha caveira na serra de San Mamede.

Naquel tempo comeza a circular o rumor de que Romasanta matou ás mulleres e aos fillos para quitarlles a graxa e vendela en Portugal. Segundo sinala o investigador Cástor Castro, un dos principais estudosos, xunto ao seu irmán Félix, da figura do Tendeiro, “o unto humano é un ben estimado e un compoñente máis de distintos preparados que aparecen descritos nos libros de mediciña e botica do século XVIII” en toda Europa. Sobre isto tamén afondaremos.

Así, o Canicha comeza a preparar a súa fuxida a Castela, onde estaría a salvo dos rumores e das sospeitas. Faise pasar por Antón Gómez, natural de Xinzo de Limia, e vaga durante varios meses entre Montederramo, Allariz e Vilariño de Conso. Neste último municipio acaba obtendo un pasaporte falso, coa conivencia dun cómplice aínda hoxe descoñecido, e consegue pasar por fin a Castela o 9 de febreiro de 1852 acompañado de dous veciños do pobo.

Capítulo 2: A detención, a confesión e o xuízo.

Capítulo 3: A morte e os misterios sen resolver.

Unha resposta a “Que foi Manuel(a) Blanco Romasanta? 1: o ‘home do unto’ que puido nacer muller”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.