Lope de Vega presumía de ter combatido na Armada Invencible, que recalou en Vigo e na Coruña.

Lope de Vega presumía de ter combatido na Armada Invencible, que recalou en Vigo e na Coruña.

Lope de Vega, un crápula na Coruña

O Fénix dos Enxeños presumía de ter embarcado na Armada Invencible e chegou a Vigo ou á Coruña na súa época máis gallofeira

A finais de agosto de 1588, desembarcaba dun galeón de guerra quen chegaría a ser o Fénix dos Enxeños, o dramaturgo máis prolífico do Século de Ouro, autor de centos de comedias e renovador do teatro barroco. Daquela xa era un escritor con certa fama literaria en Madrid, aínda que as súas grandes obras aínda estaban por escribir. Pero, sobre todo, era un mozo impulsivo e aventureiro con moitos problemas persoais por resolver. Resumíndoo nunha soa palabra: un auténtico crápula.

A Armada Invencible ante Lisboa.

A Armada Invencible ante Lisboa.

Félix Lope de Vega y Carpio chegaba tras sobrevivir ao fracaso da Felicísima Armada, hoxe coñecida co irónico nome da Armada Invencible. O que se descoñece é o porto onde tocou terra firme tras da súa dramática aventura. Puido ser A Coruña, onde chegaron os restos de boa parte da frota. Pero tamén Vigo, onde José de Santiago e Gómez, na súa obra “Historia de Vigo e a súa comarca”, afirma que chegaron varios galeóns: “A Vigo arribaron varios navíos conducindo, entre outras tropas, ao valente Terzo de infantería de Córdoba, que os gornecía, e que con tanto brío como desgraza combatese na batalla de Portland o 6 de agosto de 1588, onde perdeu a flor dos seus soldados, conseguindo, por último chegar en cadro ao porto de Vigo a fins de agosto do mesmo ano, sendo aloxados na vila”.

Era Lope de Vega un daqueles soldados que regresaban da frota do rei Felipe? Recollemos a luva que nos lanza Xosé María Álvarez Blázquez dende a súa obra ‘A cidade e os días’: “A vila, como sempre, acudiu ao auxilio dos soldados e mariñeiros. Viría entre aqueles o Fénix dos Enxeños, Lope de Vega y Carpio, gañador de glorias militares na famosa Armada”

O máis probable é que o noso protagonista arribase á Coruña e non a Vigo, aínda que así o sinalen algúns cronistas. Pero o que resulta seguro é que Lope presumiu sempre, con abundantes mencións na súa propia obra, das súas aventuras na Armada.

Se Lope estivo na Armada, estivo na Coruña ou en Vigo na súa época de crápula

A peripecia militar de Lope foi, en realidade, o seu segundo grande intento de gañarse un brillante porvir. O primeiro foi o de iniciar carreira eclesiástica, unha tentativa na que fracasou por completo. Aínda era moi novo para entender que a posteridade o admiraría por aquilo que facía de forma natural, parecía que case sen esforzo: escribir.

Lope era dunha humilde familia de Cantabria. Pero foi un neno brillante, que xa lía latín e castelán aos 5 anos. Aos 6, xa escribía versos. E, con 12, era alumno do Colexio Imperial e discípulo de Vicente Espinel, o creador daquela métrica chamada ‘Décima ou Espinela’.

Con 15 anos, entrou na Universidade de Alcalá de Henares e parecía destinado a facer carreira na Igrexa. Pero a súa gran afección persoal, aquilo polo que realmente devecía, era a esmorga. Tivo unha vida realmente desordenada, na que houbo incontables relacións amorosas. Así que foi expulsado da carreira eclesiástica, abandonou os estudos e rematou como secretario de aristócratas. Pero os seus escándalos foron tantos que se viu na obriga dea desaparecer por un tempo. Por iso decidiu enrolarse na Armada para loitar na batalla da Illa Terceira, ás ordes do seu futuro amigo Álvaro de Bazán.

Firma de Lope de Vega.

Firma de Lope de Vega.

Ao seu regreso, namorouse de Elena Osorio e as súas leas continuaron. Porque esta muller estaba casada cun coñecido actor da época. Cando a moza o abandonou por un nobre, Lope escribiu uns versos satíricos dunha crueldade absoluta, dirixidos a ela e a toda a súa familia. O resultado foi unha condena de cárcere por difamación.

Ao saír de prisión, volve Lope de Vega contra a Osorio e a súa familia: “Unha dama véndese a quen a queira./ En almoeda está. Queren comprala?/ O seu pai é quen a vende, que aínda que cala, /a súa nai serviuna de pregoeira” Denunciado por segunda vez, é obrigado ao desterro, fóra de Madrid.

Antes de abandonar a capital aínda tivo tempo de se namorar de Isabel de Urbina, filla nada menos que do pintor de cámara do rei, Diego de Urbina. E Lope de Vega toma un decisión tremenda: xa que ten que saír a vivir fóra de Madrid, rapta á rapaza, co consentimento dela e o escándalo da familia.

Din que o alistamiento de Lope na Armada Invencible foi a condición que lle puxo o seu sogro para limpar a aldraxe de deshonrar á familia. Pero sexa certo ou non, a realidade é que Lope fai o petate e marcha para Lisboa, dende onde partirá a frota armada polo rei Felipe II. En textos posteriores, xa sendo un famoso escritor, sinalou que foi enrolado no buque “San Juan”, o segundo máis grande da expedición. Pero non hai nada documentado.

Supostamente, pasou pola Coruña antes de partir cara ó Canal da Mancha. E, tras as sucesivas batallas en Portland, o paso de Calais ou as illas Gravelinas, volvería cos restos da frota que sobreviviron ao mal tempo e ao ataque da escuadra inglesa. A pesar da lenda, hoxe sabemos que a maior parte dos galeóns se salvaron. Os afundidos polos elementos foron sobre todo buques de transporte. E a expedición rematou non tanto en derrota senón máis ben en empate. O seu fracaso foi o dun rei Felipe que pensaba que Deus ía resolver ao seu favor todas as súas imprevisións. Todo o mal que prantexou o seu desafío. E hoxe sabemos que Deus, por moito que se lle rece, nin sequera dá a vitoria nunha final da Champions League.

Así que, a finais de agosto de 1588, baixo unha meteoroloxía terrible, chegan aos portos galegos os restos soltos da Felicísima Armada de Felipe II. Talvez, como suxire Álvarez Blázquez, Lope de Vega chegou a Vigo a bordo dun daqueles galeóns, “sendo aloxado na vila”. Pero o máis probable é que chegase á Coruña. De feito, está documentado que o San Juan estivo na cidade da torre de Hércules.

Así que non sabemos máis porque non hai documentos. Somentes podemos imaxinar a esmorga de Lope de Vega polas calexas da Coruña de hai case cincocentos anos. É un territorio indicado para novelistas: o das memorias dun auténtico crápula en Galicia, nos tempos da Armada Invencible.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.