A nova da manda de leóns que aterrorizou Vigo deu a volta ao mundo.

A nova da manda de leóns que aterrorizou Vigo deu a volta ao mundo.

Leóns soltos polo centro de Vigo

Hai trinta anos, as feras dun circo escaparon fronte ós estaleiros Barreras e vivíuse un 'safari' único en Galicia

Hai trinta anos, un día Vigo pasou a ser unha sabana africana. Ao amencer do xoves 20 de xaneiro de 1983, os teléfonos da Comisaría de Policía comezaron a soar sen descanso: “Hai unha manda de leóns fronte aos estaleiros Barreras”, alertaban os obreiros que acudían ao traballo. Así se desataba un auténtico safari en pleno centro de cidade. Que se saldou cun león morto a balazos, un domador ferido grave e un asno devorado polas feras.

Meses antes do suceso de Vigo, Ángel Cristo era noticia por ser atacado polos seus leóns.

Meses antes do suceso de Vigo, Ángel Cristo era noticia por ser atacado polos seus leóns.

A insólita historia comezaba ás tres da madrugada. A esa hora, todos durmían nas caravanas do circo “Jumbo“, que viña de erguer a súa carpa en Beiramar. Pero o silencio non era completo. Uns pavorosos ruxidos saían da gaiola dos leóns. Nada que rache o sono dun domador e máis sabendo que as feras acababan de entrar en celo.

Non obstante, alguén cometera un grave erro: a cadea da gaiola quedara aberta. Así que, nalgún momento da noite, os catro leóns decidiron saír a coñecer Vigo e o seu famoso porto pesqueiro.

As alarmas saltaron tras da saída do sol. Luigi, o domador, contemplou atónito que a gaiola estaba aberta e que as súas feras desapareceran. Ao tempo, veciños da zona, obreiros dos estaleiros, traballadores portuarios e calquera que circulaba pola avenida de Beiramar comezaron a chamar ao 091, cunha alerta difícil de crer: “Hai leóns soltos na rúa!“.

A zona quedou colapsada. O tráfico foi cortado pola policía e centos de veciños e obreiros das fábricas próximas botáronse á rúa. De nada servía que un coche patrulla alertase polos seus altofalantes: “Non saian das súas casas! É moi perigoso!”.

“Non saian das súas casas! É moi perigoso!”, advertía a policía

Ao principio, segundo as crónicas dos xornais da época, ninguén sabía atopar os leóns. Asustados con tanta expectación, pasaron algún tempo agochados. Pero ás 10 da mañá irromperon os catro en Beiramar, provocando o pánico. A xente fuxía espavorecida á carreira. Nos estaleiros Barreras, pechaban as portas de acceso. E só os máis destemidos quedaban na zona, moitos deles subidos ao teito dos coches e furgonetas aparcados.

O domador, Luigi, intentaba sen éxito reducir os seus “gatiños“. E parecía conseguilo cando os leóns regresaron á zona onde estaba instalado o circo. Pero as súas intencións non eran as de someterse. Atado a un poste, había un asno que acompañaba á caravana nas súas viaxes. Ante os ollos aterrorizados da xente, os leóns abalanzáronse sobre o onagro e devorárono alí mesmo.

A tensión disparouse cando un dos leóns comezou a correr en dirección á entrada dos estaleiros Barreras. Moi nerviosa, a fera saltou sobre un Citroën Visa aparcado e rompeu a súa lúa traseira. Foi nese momento, cando un policía sacou a súa pistola e abateu o animal de tres disparos. Pouco despois, chegaba o director do parque zoolóxico da Madroa, Víctor González, cunha carabina de dardos narcotizantes. Disparando por dúas veces, logrou durmir outro león, que quedou tendido na rúa Coruña. Os outros dous animais foron reducidos finalmente polo domador, que logrou devolvelos á súa gaiola.

A nova do suceso en Vigo foi primeira páxina en toda España.

A nova do suceso en Vigo foi primeira páxina en toda España.

“Se me tivesen chamado a tempo, e non tan tarde, tería impedido a morte do león”, lamentábase o señor González. E o alcalde accidental, José Martínez Torea, -Manoel Soto estaba de viaxe en Madrid- apresurábase en culpar de todo á dirección do Porto de Vigo: “Non hai comunicación con eles, nunca nos avisan cando se instala aquí un circo e son terreos baixo da súa xurisdición”.

O safari aínda tería un epílogo sanguento. Cando o domador Luigi metía na súa gaiola o león sedado, o animal revolveuse e, dunha poutada, provocoulle graves feridas no brazo e a cara. Evacuado ao centro hospitalario Povisa, houbo de ser operado durante catro horas. O seu pai, o dono do circo, que esperaba no hospital, desculpaba a fera: “O león estaba drogado, se non nunca atacaría a Luigi, tería recoñecido a súa cara”.

O domador Luigi resultou ferido gravemente e un león foi abatido a tiros

A noticia dos leóns de Vigo deu a volta ao mundo. E en España, foi moi popular, pois un ano antes, en 1982, o domador Ángel Cristo copaba as revistas do corazón, hospitalizado dúas veces tras ser atacado polos seus leóns en Zaragoza e Girona. A foto coa súa amante esposa, Bárbara Rey, coidando del ao lado da cama, facía as delicias dos paparazzi.

O ‘safari’ de 1983 non foi o primeiro incidente con leóns en Galicia. Unha década antes, en 1974, un león e unha leoa escaparan do zoolóxico da Madroa, tamén en Vigo. A femia, chamada “Diva“, foi capturada nos montes próximos. E o león, “Chato“, non logrou saír do recinto, aínda que tivo tempo de devorar uns cervatos nos dous días que estivo solto, sen que lograsen reducilo ata que chegou de Madrid un veterinario con dardos anestésicos.

Pero nada foi nunca comparable ao día en que no porto de Vigo se viviu un safari. Como en Masai Mara ou o cráter do Ngorongoro, catro desgraciados leóns, moi lonxe do seu fogar e do seu hábitat, saíron de cazaría e sementaron sen pretendelo o pánico na cidade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.