Venres 29 Marzo 2024

José Rodríguez: o matemático galego que definiu o metro

O metro, como unidade de medida, debe moito a un home nado nunha aldea de Lalín. Tiña un nome do máis común: José Rodríguez González. E, como acontece en tantas ocasións, foi máis apreciado fóra que dentro do seu propio país. Porque o ‘Matemático Rodríguez’ foi unha autoridade científica dacabalo entre os séculos XVIII e XIX, impulsor da cristalografía, protagonista de achados astronómicos e, sobre todo,  un dos pais do Sistema Métrico Decimal. Este galego xenial foi tamén mestre doutro personaxe capital na historia de Galicia, o seu primeiro cartógrafo científico: Domingo Fontán.

Libro sobre Rodríguez escrito polo astrónomo Ramón María Aller.

Pedro Joseph Rodríguez González naceu en Bermés (Lalín) o 25 de outubro de 1770. A súa foi unha historia de superación persoal, forxando unha carreira científica internacional dende unha orixe moi humilde. Os seus pais eran labregos e conseguiu estudar grazas á protección dun tío eclesiástico. Obtivo os títulos de bachiller en Filosofía, Teoloxía e Matemáticas, e con 28 anos xa exercía como catedrático suplente na Universidade de Santiago de Compostela. En 1800 xa era titular da cátedra e o tribunal quedou abraiado cos seus coñecementos, ata o punto de enviar unha carta ao rei Carlos IV louvando as súas capacidades.

Publicidade

A súa carreira internacional comeza en París, en 1803. Con 33 anos aproveita a súa estadía para ampliar os seus coñecementos de astronomía e matemáticas como discípulo de Jean-Baptiste Biot. Xunto con este científico, sae en 1806 para a medición da medida do arco do meridiano de París entre Dunkerke e Barcelona ata a illa de Fomenteira. As guerras napoleónicas dificultan o seu traballo, pero os resultados serán fundamentais para o establecemento da lonxitude do metro e a implantación do Sistema Métrico Decimal. En Francia, Rodríguez obtivo -segundo algunhas fontes- o recoñecemento dun dos grandes matemáticos do momento e de toda a historia, Pierre Simon Laplace.

En 1809, o Matemático Rodríguez desprázase a Londres, onde realiza estudos sobre o meridiano de Greenwich. Na súa investigación, logra corrixir a un prestixiado xeógrafo da época, William Mudge, quen pensaba que a Terra era achatada polo Ecuador e non polos polos. Tamén, grazas as súas medicións do arco do meridiano demostra empíricamente que a teoría de Newton era certa. O seu traballo é presentado diante da célebre Royal Society en 1812, baixo o título: “Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge”.

En Londres fixo achegas sobre a forma da Terra e o meridiano de Greenwich

En 1814 prosegue o Matemático Rodríguez a súa andaina internacional, afincándose en Alemaña, onde estuda cristalografía na Universidade de Gotinga. Aquí se relaciona con Werner e con Gauss.

A Universidade de Santiago pídelle en 1817 que regrese a París para mercar novos instrumentos para o gabinete de Física da institución compostelá. E regresa a España en 1819 para asumir a dirección do Observatorio astronómico de Madrid e será máis tarde un dos fundadores da Universidade Central de Madrid, xerme do que hoxe é a Universidade Complutense. De feito, cambiaría a súa cátedra de Santiago pola madrileña.

A experiencia europea do Matemático Rodríguez permitiulle contactar coas máis adiantadas ideas políticas e filosóficas da súa época, en contraste co atraso existente en España. Deste xeito, fixo carreira e foi deputado en Cortes por Galicia durante o Trienio Liberal (1820-1823). A represión desatada despois polo rei Fernando VII, na chamada Ominosa Década, fixo que lle fora retirada a súa cátedra en Madrid. Empobrecido e enfermo, o Matemático Rodríguez viaxou a Portugal, onde traballou coas universidades de Coimbra e Lisboa. Finalmente, regresou a Compostela, onde morreu en 1824. A súa tumba na igrexa de San Agustín non leva inscrición ningunha.

Do legado do Matemático Rodríguez queda en Santiago a súa colección de minerais, que se conserva no Museo de Historia Natural da USC. Boa parte deste tesouro mineralóxico provén do feito de que Rodríguez coñecera en Francia a Haüy, o pai da cristalografía moderna. Ademais, os seus instrumentos de traballo están nunha sala do actual Museo de Ciencias Naturales de Madrid.

Pero, malia o seu grande prestixio, poucos recordan ao Matemático Rodríguez. O galego que axudou a crear o Sistema Métrico Decimal.

Iván Fernández: “A figura do matemático Rodríguez debería estudarse nos colexios”

9 COMENTÁRIOS

  1. Donde están calles con el nombre de estas personas tan importantes, matemáticos, científicos, etc,, o libros de texto donde hablen de ellos?, Está visto que los superdotados de entonces no interesan,

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O matemático José Rodríguez, nomeado Científico galego do ano

Corroborou a teoría de Newton de que a terra era achatada polos polos e situou o quilómetro cero de Galicia en Lalín

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

Así eran os exorcismos en Galicia: os arrepiantes audios dos ‘posuídos polo demo’

O antropólogo danés Gustav Henningsen rexistrou durante tres anos como se exorcizaba na década dos 60 no santuario do Corpiño

Elena V. Cendón: “As científicas temos que asumir que merecemos recoñecementos”

A matemática e investigadora da USC repasa a súa traxectoria após de recibir o premio María Josefa Wonenburger pola súa carreira