Exeria é unha muller da Idade Antiga que describia as súas viaxes con minuciosidade.

Exeria, o enigma da gran viaxeira galega da Antigüidade

O primeiro relato de viaxes do que temos constancia no país é de finais do século IV: Itinerarium Egeriae. Foi escrito por unha muller que naceu na Gallaecia. Porén, deixou tras de si unha morea de misterios e mitos. A meirande parte dos datos dos que dispoñemos acerca deste persoeiro son difusos. Crese que o seu nome é Exeria. Aínda que tamén aparece retratada como Heteria, Echeria ou Eiheria, entre outros. Esta muller partiu das “ribeiras máis afastadas do océano occidental” cara o Oriente. Era unha persoa curiosa que quería comprobar que o que se relataba nas Sagradas Escrituras era certo. Algúns autores como Arturo Iglesias, escritor de Exeria. Nos límites do mundo. sosteñen que, máis que por un espírito relixioso, Exeria foi empuxada por un espírito científico.

A monxa viaxeira?

Retrato de Exeria, a gran cronista de viaxes galega.
Retrato de Exeria, a gran cronista de viaxes galega.

De Exeria dinse moitas cousas. Ao ser unha personaxe tan afastada no tempo, chéganos con interferencias. Moitos seguen a pensar que era unha monxa, mais nesas datas non existían. Deste erro conservamos un selo empregado en España en honra de “Exeria, a monxa viaxeira”. Pero o que si que se coñece é que era unha muller que presentaba certo interese pola relixión cristiá. Quizabes todo se debe a un malentendido. O seu relato, escrito en latín, é un recompilatorio de cartas. Nelas, diríxese a unhas “sorores”. Esta palabra pódese traducir por “irmás” ou por amigas. Pero naquel contexto, non era posible atribuírlle un significado relixioso. Quen era o destinatario de Exeria? 

O estilo de Exeria

Itinerarium Egeriae é un recompilatorio de cartas que Exeria destinaba as súas amigas.
Itinerarium Egeriae é un recompilatorio de cartas que Exeria destinaba as súas amigas.

Aqueles textos de Itinerarium Egeriae conformaban un latín coloquial e aportaban pistas sobre a personalidade e a procedencia de Exeria. O protogalego que utilizaba é un indicio claro da súas orixes galegas. Segundo o xornalista Carlos Pascual nunha entrevista para o diario ABC, “nese atropelo coloquial reside parte do encanto de Exeria”. Algúns lingüistas, como Leo Spitzer, defenden que Exeria mantiña un estilo “épico”.  A autora, pois, escribía como falaba, con numerosas repeticións. Facíao nun latín evolucionado ás linguas romances, cunha linguaxe coloquial que se empregaba na rúa: o sermo cotidianus. “Ao principio as súas cartas eran complexas, pero cando vai tomando confianza, demostra ser unha personaxe do máis atractivo”, explica Carlos Pascual.

As viaxes de Exeria

Na Antigüidade, chegaron a ser tradición as peregrinaxes de mulleres. Crese que Exeria era unha destas mulleres aventureiras. Todo apunta a que era unha persoa de mediana idade pertencente á nobreza. Viaxaba acompañada do que ela denominaba “santos varóns”. Eran presbíteros, bispos ou diáconos. Esta cronista de viaxes fixo algo extraordinario. Segundo Arturo Iglesias, a súa aventura pódese comparar a emprender unha viaxe espacial hoxe en día. Descubriu novos mundos: puido visitar lugares como Palestina, Xerusalén ou Exipto. Fíxoo atravesando a Vía Dominitia, unha das “autoestradas da época”. A xente empregaba estas vías para percorrer longas distancias.

A historia de Itinerarium Egeriae

O relato de Exeria fai algunhas referencias ao territorio de Gallaecia coma, por exemplo, na linguaxe.
O relato de Exeria fai algunhas referencias ao territorio de Gallaecia coma, por exemplo, na linguaxe.

O manuscrito chegou até nós de forma incompleta. Faltan follas do principio e do final. Do que se conserva, disínguense dúas partes: unha vencellada ás visitas aos Santos Lugares e outra que describe a vida litúrxica de Xerusalén. O diario de viaxes atopouse en 1884 por F. Gamurrini na biblioteca da Fraternidade de Santa María de Arezzo, en Italia. Este home atribuíu a súa autoría a unha muller italiana de Aquitania. En 1903 M. Férotin descartou esta teoría. De feito, V. Väänänen, un dos mellores estudosos da lingua, apunta a que hai máis indicios de que autora era galega.  

O espírito científico de Exeria

“Non é algúen que vai ao lugar e simplemente reza”

“Non é algúen que vai ao lugar e simplemente reza”, expón Arturo Iglesias, o autor do libro Exeria. Nos límites do mundo. O escritor defende así o espírito investigador deste persoeiro.  Desbota deste xeito todas esas teorías que defenden o seu papel de monxa viaxeira. Destaca, ademais, a importancia de Exeria para Galicia: “Si en lugar de ter nacido na Gallaecia tivese nacido en Londinium, os británicos daríanlle un carácter relevante a esta personaxe”. Exeria movíase coa Biblia e con algún outro documento. Viaxaba e comprobaba deste xeito a exactitude do que alí aparecía escrito. Incluso chega a pór en dúbida algún que outro dato. “Ela describe de forma obxectiva e sistemática todo que ve”, relata Arturo Iglesias. As brétemas da historia fan difícil coñecer mellor a Exeria. Porén, quedámonos coas certezas que nos deixou esta intrépida investigadora galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.