Venres 29 Marzo 2024

Parga Pondal, un científico pegado á terra

Xosé González, o reitor Juan Viaño e o historiador Ricardo Gurriarán.
Xosé González, o reitor Juan Viaño e o historiador Ricardo Gurriarán, na presentación da biografía.

“Probablemente o científico galego máis importante do século”. Así cualifica o historiador Ricardo Gurriarán a Isidro Parga Pondal no seu volume Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal, que edita a Deputación da Coruña e que se presentou este martes en San Xerome nun acto no que interviñeron ademais o reitor Juan Viaño e o presidente do Foro Peinador, Xosé González Martínez, promotor da iniciativa.
O Foro dedicoulle a Parga Pondal o seu Día da Galeguidade Empresarial, instituído para “recuperar a memoria de todos aqueles que concibiron o progreso económico de Galicia inculturizada na súa historia e tradicións”, por seren unha “personalidade sobranceira nos eidos da investigación científica e na planificación económica”. “Foino como profesor –sinala González– e autor de moitos estudos de investigación, como o transcendental mapa xeolóxico de Galicia”.
Como explica Gurriarán no volume, logo de cursar Ciencias en Madrid e de varias estadías científicas no estranxeiro Parga Pondal volveu a Galicia para estudar os seus recursos minerais coa fin de explotalos industrial e comercialmente e así contribuír ao desenvolvemento económico do país. Formado no Seminario de Estudos Galegos, no que traballou en proxectos relacionados co solo e subsolo de Galicia, é o responsable de que hoxe exista o Mapa Xeolóxico de Galicia.
O seu interese pola cultura galega viña xa dende o berce. Porque o apelido Pondal coincide co do seus tío avó, o poeta Eduardo Pondal, autor de ‘Os Pinos’, que actualmente é a letra do himno de Galicia.

Trazou o Mapa Xeolóxico de Galicia e era sobriño neto do poeta Eduardo Pondal

Profesor da Universidade de Santiago, levou a cabo a recuperación dos vellos laboratorios herdados de Antonio Casares e puxo a andar o de Xeoquímica, disciplina na que é considerado como un dos principais especialistas españois. No 36 foi expulsado da Universidade “por esquerdista e galeguista”, institución que en 1982 o nomeou doutor honoris causa. Para o reitor, Parga Pondal representa “moi ben” a etapa de florecemento da USC, “coincidente coa reitoría de Rodríguez Cadarso” a principios do século XX e “el mesmo é o resultado” do apoio das institucións gobernamentais á innovación.
Da súa traxectoria empresarial poderían salientarse numerosas iniciativas, como a súa participación nunha sociedade dedicada á extracción de calizas para a fabricación de aditivos agrícolas e insecticidas para a empresa agro-farmacéutica Zeltia ou o achado da caliza do Val do Mao (Sarria) que deu en Cementos do Noroeste, S.L., a primeira cementeira galega para producir cemento artificial tipo Port-Land por ‘vía seca’.
A presentación deste volume, co que se pretende mostrar a traxectoria vital dunha personaxe pouco coñecida –“porque a historia oficial deixouno de lado” en palabras de Gurriarán–, foi o primeiro dos actos cos que a USC homenaxeará o que fora o seu profesor. Será o xoves 15 cando se descubra un busto na Facultade de Química, onde logo terá lugar un acto académico.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto

A calidade do aire en Santiago, no límite das recomendacións da OMS segundo un estudo

ConBici presenta os resultados dun proxecto no que colabora a USC e que mediu a calidade do aire en 18 cidades españolas durante dous anos

Cabo Ortegal é declarado Xeoparque Mundial da Unesco

A denominación pon en valor o enclave dende o punto de vista xeolóxico, paisaxístico e natural, con rochas de máis de 400 millóns de anos

Achados casualmente fósiles de hai 480 millóns de anos no Xeoparque do Cabo Ortegal

Pénsase que pertencen aos crinoideos, que hoxe se coñecen vulgarmente como lirios de mar