Cista da illa de Arousa.

Cista da illa de Arousa.

Investigan as misteriosas cistas da idade de Bronce da illa de Arousa

Comezan as escavacións destas milenarias caixas funerarias, ameazadas polo efectos das mareas

Comeza a investigación sobre o terreo das misteriosas cistas funerarias da illa de Arousa, unha necrópole milenaria que agora está ameazada polo efecto do mar. A  Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta adxudicou a escavación arqueolóxica das cistas de Punta Riasón por un valor de 15.000 euros. Os traballos comezaron esta semana e terán unha duración de 10 días. As cistas son uns monumentos funerarios megalíticos, compostos normalmente por tres lousas que forman un cadrado. Este conxunto está moi pouco documentado e os traballos serán determinantes para resolver os seus misterios.

Traballos nas cistas da Illa de Arousa.

Traballos nas cistas da Illa de Arousa.

A actuación comprende a escavación arqueolóxica integral de tres enterramentos que se coñecen, a realización de sondaxes no espazo intermareal, para avaliar a posible presenza de materiais ou outras estruturas arqueolóxicas. Así mesmo, realizarase unha prospección superficial intensiva, con limpeza e documentación de perfís e recollida de material arqueolóxico en superficie na liña de costa contigua ao xacemento arqueolóxico, nunha extensión mínima de 600 metros lineais. Ademais, faranse traballos de divulgación na comunidade local. Mediante esta actuación procurarase recuperar toda a información arqueolóxica posible das tres cistas que se coñecen no xacemento arqueolóxico.

O xacemento arqueolóxico de Punta Riasón sitúase na liña de costa, en plena zona intermareal e documentouse por primeira vez no ano 2005. Polo que sabemos até o momento consiste nunha necrópole de cistas, caixas funerarias formadas con pedras, de cronoloxía indeterminada, probablemente do Calcolítico ou da Idade do Bronce. Coñécense unicamente tres destas cistas, que a acción de lavado do mar na liña costeira deixou á vista. Todas elas sitúanse na súa integridade no dominio público marítimo-terrestre.

O mar pode danar as cistas e os restos que se atopen no seu interior

A situación das cistas provoca que o mar as cubra por completo durante a marea alta. A acción de lavado, aínda que lenta, é moi evidente en dúas delas, moito máis expostas que no 2005. As lousas que as forman son visibles nuns 20 centímetros máis, o que supón que o mar fixo desaparecer esa mesma cantidade de terreo. Tamén é máis visible a terceira cista en planta, logo de que o mar erosionase o cantil da liña da costa baixo o que se atopa parcialmente sepultada. Se a evolución da erosión continúa, o mar, paseniño, irá retirando a terra na que están introducidas as lousas que forman as cistas, até derrubalas. Este fenómeno provocará tamén a desaparición dos eventuais restos dos enterramentos que poidan existir no seu interior.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural pretende realizar unha actuación arqueolóxica na zona para documentar integramente as tres estruturas antes de que sexan destruídas pola acción do mar. A actuación é de gran interese patrimonial xa que non se coñecen moitos xacementos deste tipo na nosa comunidade autónoma. Ademais, a cronoloxía deste tipo de estruturas non está perfectamente delimitada, xa que parece que se construíron tumbas deste tipo ao longo dun milenio.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.