Sábado 20 Abril 2024

Homenaxe ao pergamiño Vindel antes do seu regreso a Nova York

A Universidade de Vigo recibiu este xoves unha visita especial, a das académicas e académicos da Real Academia Galega, institución que quixo tamén sumarse ás diferentes celebracións organizadas con motivo dos últimos días en Vigo do Pergamiño Vindel. Foi unha xornada académico-literaria organizada de xeito conxunto entre ambas institucións, celebrada no paraninfo da Reitoría viguesa e contou coas achegas da catedrática emérita Camiño Noia, e dos académicos Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo; a participación do reitor, Salustiano Mato; o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e o artista galego Roi Casal, que foi o encargado de pór o toque musical coa interpretación de varias composicións do xograr homenaxeado.

O músico Roi Casal interpretou unha das cancións do xograr homenaxeado. Foto: Duvi.
O músico Roi Casal interpretou unha das cancións do xograr homenaxeado. Foto: Duvi.

“É unha verdadeira honra e un pracer ter con nós a Real Academia Galega, non sabedes o verdadeiramente agradecidos que vos estamos por estar na nosa casa, que é tamén a vosa, e máis cando representades o berce máis importante da nosa identidade, que é a nosa lingua”, subliñou o reitor na apertura do evento. “Este é un acto para lembrar, para homenaxear, para reflexionar xuntos e para compartir a alegría de ter podido traer a Vigo desde Nova Iork ao pergamiño de Martin Codax”, subliñou o presidente da academia, Víctor Freixanes, que fixo tamén referencia ao ano 1998 cando a RAG decidiu dedicar o Día das Letras aos trobadores do mar de Vigo, Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax, tres dos nomes que mellor representan a extraordinaria eclosión de creatividade que estourou en Galicia no período medieval. “Este é un acto que nos permite sentirnos orgullosos do que somos, orgullosos do noso pasado, da nosa orixe e tamén con ganas de fabricar un futuro mellor para a nosa identidade propia, a nosa cultura e a nosa lingua”, recalcou Mato.

Publicidade

Na quenda dos relatorios, a catedrática Camiño Noia convidou a repensar o feito de como chegaron á escritura as cantigas de amigo, cuxa procedencia é fundamentalmente popular e feminina, defendeu. “O mundo das mulleres, das mozas, que se reflicte nas cantigas paralelísticas é unha proba de que son imitacións das cantigas de muller, do pobo. Disto xa falou a finais do século XIX dona Carolina Michaëlis de Vasconcelos con moita claridade na introdución que fixo á edición do Cancioneiro de Ajuda, mais foron poucos os estudos que salientaron este aspecto”, repasa.

A profesora falou da orixe deste grupo de cantigas e subliñou que as cantigas de amigo, despois de seren interpretadas na oralidade, serían pasadas á escritura por encargo dalgún nobre, con capacidade de afrontar o custo dese traballo, da tinta e do pergameo. Un proceso “que non é de autor a lector” e realizado no momento da interpretación. Por outra parte, na Idade Media, as sinaturas non garanten a súa correspondencia co autor do texto, engade. “De quen é a rúbrica final? Quen escribiu a cantiga, quen a compuxo ou quen a interpretou? Todo isto coido que é moi inseguro e, polo tanto, pregúntome se detrás dalgunhas desas rúbricas está o traballo dunha muller, unha das soldadeiras ou xograresas das que nos falan os documentos. Por que non? A documentación que se conserva di que as soldadeiras e cantareiras interpretaban as cantigas, por que non puideron crealas o mesmo que os homes?”, expresa Camiño Noia, que recorda que naquela época as mulleres non eran consideradas suxeitos de razón, e sería imposible que na sociedade medieval galega unhas mulleres puidesen asinar as súas cantigas.

Esta falta de recoñecemento, abonda, estendeuse durante séculos e padecérono artistas e intelectuais que só hoxe empezan a ser visibilizadas, como Camille Claudel, escultora que traballou xunto a Rodin, entre outras, pon como exemplo.

A diferenza entre ‘mirar’ e ‘ver’

Xa deténdose no caso concreto das cantigas de Martín Codax, o académico Henrique Monteagudo explorou o vocabulario máis específico do xograr. É o caso, entre outras, das palabras mar e ondas. A primeira substitúe as fontes doutras cantigas como subministradoras de auga, símbolo erótico e da fecundidade, e aparece como un trazo que Martín Codax “comparte cun elenco reducido de poetas, case todos galegos e varios deles da ría de Vigo e a súa contorna”, explica. Menos frecuente é a mención das ondas, pero, en calquera caso, a presenza do mar e as ondas “é avasaladora na cantiga máis próxima en inspiración ao noso Codax”, engade en referencia ao único texto legado polo xograr chamado Mendiño (Seý-m eu na ermida de San Simion…).

Henrique Monteagudo chamou a atención sobre un vocábulo que a primeira vista pode pasar desapercibido, “pero que resulta ser do máis peculiar “ das cantigas de Martín Codax. Na derradeira cantiga do ciclo (Ay ondas que eu vin veer / se me saberedes dizer / por que tarda meu amigo sen min? / Ay ondas que eu vin mirar / Se me saberedes contar / por que tarda meu amigo sen min?), xógase con dous pares de sinónimos: dizer/contar e veer/mirar. Este último verbo, explica, é completamente insólito no galego medieval, que tiña outros dous para expresar ese significado: veer e ollar. “É así que no conxunto dos cancioneiros só empregan mirar outros dou autores: Pay Gomez Chariño e Pedro Eanes Solaz. Cómpre subliñar o feito rechamante de que os tres únicos trobadores que o usan procedían da contorna de Pontevedra. Esta é xustamente a área onde, na actualidade, se emprega mirar por ver. Xa que logo, ofrecen os testemuños máis antigos da primitiva difusión de mirar en galego”, detalla Henrique Monteagudo.

Xesús Alonso Montero foi o encargado de pechar a quenda de relatorios profundando nas sete cantigas recollidas no Pergamiño Vindel en conxunto, que para o académico conforman “unha noveliña dramática de amor”. “As sete cantigas aparecen na mesma orde tanto nos cancioneiros apógrafos como no Pergamiño Vindel, polo que todo fai supoñer que esta é a orde en que o autor, Martín Codax, as escribiu”, expón o académico. “Neste macrotexto certa hai unidade e, polo tanto, para min cada unha das cantigas é un capítulo dunha historia amorosa dramática protagonizada por unha muller que está agardando o seu amigo, o seu amado”, continúa.

Con todo, o profesor considera que a primeira cantiga tamén podería ser en realidade o final da historia. “Nela a namorada interpela as ondas do mar, e un interpela a natureza cando xa non ten unha resposta satisfactoria dos amigos, veciños, parentes. Polo tanto a primeira composición nesta historia unitaria ben podería figurar como última”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Os homes len en galego 27 palabras máis por minuto que as mulleres

A filóloga Carme Hermida cre que elas son menos veloces porque practican unha lectura máis atenta ca eles

“Idadismo”, “trans” ou “cis”: o Dicionario da Academia incorpora 400 novos termos

Tamén entran voces que designan realidades, produtos ou servizos como “deporte electrónico”, “alfábega” ou “tren de proximidade”

‘Candorca’, ‘ecocidio’, ‘comadre’, ‘inflación’, ‘autoestima’ e ‘resiliencia’ optan a Palabra do Ano

A votación temática promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié permanecerá aberta ata o 25 de decembro