Venres 29 Marzo 2024

Atopan en Castro Caldelas o que podería ser o gravado máis antigo en galego

Un gravado en dúas tellas que foron atopadas no casco histórico da vila de Castro Caldelas podería ser a testemuña epigráfica máis antiga escrita en lingua galega. Existe, con todo, debate sobre este feito, xa que algunhas fontes sinalan que outras inscripcións escritas tamén en galego son anteriores a este rexistro, que é de comezos do século XV. O achado, anunciado pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega Núñez, está sendo estudado polos investigadores Jorge López Quiroga e Natalia Figueiras.

Segundo conta a rexedora en conversa con GCiencia, estase a completar a transcrición do gravado. O contido da inscrición – aínda que por agora non se pode confirmar totalmente – viría a certificar a data e a autoría das tellas. “Debían de pertencer a algún edificio senlleiro da época”, explica Sara Inés Vega.

Publicidade

As tellas xa formaban parte do patrimonio conservado no museo etnográfico da localidade, pero foi hai uns meses cando o Concello se puxo en contacto cos especialistas e buscou financiamento para facer a investigación. Agora, coa colaboración da Deputación de Ourense, Jorge López Quiroga está realizando a análise histórica e Natalia Figueiras, a analítica de laboratorio. Estanse a facer, neste senso, estudos históricos, organolépticos, microscópicos, químicos e paelográficos para identificar con claridade as datas e os materiais empregados.

Castro Caldelas e o galego

Tal e como lembraba a alcaldesa do municipio, o achado deste gravado viría a situar unha vez máis a Castro Caldelas como referencia na historia da lingua galega. En 1228 redactouse o Foro do Bo Burgo do Castro Caldelas, considerado o texto máis antigo datado e escrito en galego, e que foi atopado polo filólogo Henrique Monteagudo. Outro veciño da localidade, o maxistrado Claudio Movilla, xunto a Ricardo Leirós e Gonzalo de la Huerga, ditou en marzo de 1985 a primeira sentenza contemporánea en galego. Outro caldelao, o xuíz Orencio Pérez, foi tamén o primeiro en celebrar un xuízo en galego na nosa época, e Manuel Casado Nieto, veciño tamén da vila, foi un dos primeiros tradutores da Biblia ao galego.

Unha vez rematado o estudo destas tellas, serán cedidas ao Museo Antropolóxico Olegario Sotelo Blanco, bautizado na honra do intelectual caldelao, que abrirá nos vindeiros meses en Castro Caldelas.

7 COMENTÁRIOS

  1. Como vai ser a primeira epigrafía en galego? eu non son especialista mais esta claro que na igrexia de Santa Maria a Nova en Noia, do século XIV, hai unhas clarísimas inscripcións en pedra, en galego, todo ao redor da igrexia. Amais diso as inscripcións en pedra do sepulcro de Fernan Peres de Andrade, de finais do século XIV tamén estan escritas en galego. E, sen dúbida, hai moitas mais.
    Por outra banda pareceme alucinante que se siga decindo que aprimeira sentencia ou primeiro xuizo en galego foi en 1985 ou datas similares cando todo o mundo minimamente ilustrado sabe que durante varios séculos, sobre todo o XIV e XV, todos os documento oficiais en Galiza estaban redixidos en galego e polo tanto os xuizos, actas notariais, etc eran feitos en galego. Sería correcto unicamente decir que eses foron os primeiros xuizos ou sentenzas en galego na época contemporánea mais soamente iso.

      • E verdade que poñedes o de “contemporanea” e “da nosa época” co cal admito que debería ter lido o artigo un pouco mais a modo (como esta teima de decir que as primeiras sentenzas, etc en galego se fixeron no século pasado sen mais precisións e moi frecuente pois pensei que esta era unha mais). As miñas disculpas polo tanto.
        O que si que non parece certo polo que dixen no meu artigo é o da epigrafía que é o cerne do artigo. Que opinades entón sobre iso?
        Saude

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades
00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo