Anuncio da marca de gasolinas La Viguesa.

Anuncio da marca de gasolinas La Viguesa.

As primeiras gasolinas de Galicia: La Torre, Motorina e La Viguesa

Dúas marcas na Coruña e Vigo foron pioneiras da gasolina en Galicia, que se vendía en latas como 'a máis pura das esencias'

En Galicia hai rexistradas case novecentas estacións de servizo. Con todo, hai pouco máis dun século apenas había un par de opcións para encher o depósito de gasolina: a que ofrecía na Coruña a marca ‘Motorina‘ e a que en Vigo distribuía a marca ‘A Viguesa‘. Ambas foron as pioneiras dun sector que naceu como unha rareza. Pero que rematou por alimentar a millóns de vehículos.

Lata de Motorina.

Lata de Motorina.

Que a gasolina xa por entón era case un artigo de luxo demóstrano os anuncios de ‘A Viguesa’, que publicitaba a súa bencina como ‘a máis pura e económica das esencias’. O lema parece propio dunha marca de colonias. Pero non desentoaría co que acontece na actualidade, cando a Súper 95 segue a venderse case a prezo de perfume.

A chegada da gasolina a Vigo está asociada á familia Babé, unha auténtica dinastía do carburante en Galicia, que vai por cinco xeracións e 130 anos de historia. O cal ten moito mérito. Foi o empresario Evaristo Babé y Gely quen en 1887 creou en Vigo a empresa, cun capital inicial de 300.000 pesetas, que se foi ampliando ata chegar ás 800.000 en 1914.

Na Coruña, a gasolina chegou seis anos antes, en 1881, coa empresa Mesa, Marchesi e Cía, situada na Gaiteira, barrio que entón pertencía ao municipio de Oza. Esta refinería comezou distribuindo a marca La Torre e foi promovida por José Marchesi Dalmau, cun capital social de 300.000 pesetas. E prosperou ata o punto de que, no exercicio de 1920, os seus beneficios ascenderon a máis de 145.000 pesetas. A súa marca de gasolinas máis afamada foi Motorina, que comezou a venderse en latas, que o cliente levaba a bordo do automóbil e ía enchendo cando lle conviña.

Os automobilistas mercaban a lata de gasolina e repostaban pola súa conta

En Vigo, tampouco a refinería estaba na propia cidade. Porque se instalou no  barrio de Guixar, entón no concello de Lavadores. Babé y Cía importaban o petróleo dende os Estados Unidos nun bergantín-goleta ao que bautizaron ‘La Viguesa’. Curiosamente, a orixe da familia era coruñés, ata o punto de que o fundador foi alcalde da Coruña. Mentres o seu pai, Gregorio Babé Ochoa, fora impulsor do Banco da Coruña e, posteriormente, da caixa de aforros que, moito tempo máis tarde, e tras sucesivas fusións, remataría sendo a base de Caixa Galicia. Mesmo se di que o estadio de Riazor está construído en terreos que foron da súa propiedade.

Evaristo Babé y Gely foi un empresario cun carácter visionario. Porque tamén participou na Sociedade Azucreira Galega que, desde Caldas de Reis, quixo crear en Galicia un sector ao redor da remolacha, xunguindo o mundo agrario coa industria. E súa foi tamén a primeira fábrica de xeo que houbo no país, e que abriu en Vigo.

“Usade nos vosos coches a máis pura, homoxénea e económica das esencias”, publicítase a bencina ‘La Viguesa‘. Mentres tanto, na Coruña a outra distribuidora galega vende a bencina marca ‘La Torre‘ e a esencia para automóbiles ‘Motorina‘.

Os primeiros usos destas gasolinas eran para iluminación pública e doméstica, aínda que pronto o motor de explosión vaise facer dono do transporte e o automóbil se converter no principal cliente.

O escritor coruñés Francisco Tettamancy escribía en 1900: “Ambas as fábricas, admirablemente montadas, fornecen a toda a rexión galaica, e parte da leonesa e castelá, dese líquido de tanta utilidade no fogar doméstico”.

Deixaron de refinar petróleo canco chegou a poderosa Standard Oil de Rockefeller

Posteriormente, as dúas empresas deixarían de refinar petróleo. Dende a década dos anos 20, a todopoderosa Standard Oil converteríase na subministradora de gasolinas e o negocio pasa a ser só a distribución. Non esquezamos que a empresa norteamericana foi fundada por John D. Rockefeller. E nos antigos libros da casa Babé consérvase a correspondencia co imperio petroleiro estadounidense.

Coa chegada do monopolio de Campsa, en 1927, as empresas pasarían por completo da distribución, o que farían con notable éxito. Non esquezamos que en 130 anos os Babé mantiveron o seu negocio en pé mesmo durante un guerra civil, dúas guerras mundiais e nada menos que unha guerra contra os Estados Unidos.

Actualmente, Babé y Cía segue a ser unha empresa familiar, que hoxe distribúe Cepsa, ademais das marcas Galp, Shell e BP. Tamén está presente no sector do transporte de contedores.

Pero todo comezou con aquelas primeiras marcas ‘A Viguesa’ e ‘Motorina’, que se publicitaban como un delicado perfume: “A máis pura, homoxénea e económica das esencias“. Un lema que segue vixente: ao prezo de encher hoxe o depósito, dan ganas de poñerse unhas pingas detrás da orella.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.