Xoves 25 Abril 2024

1933: Galicia na Sociedade das Nacións

No marco da escalada de tensión en Cataluña, o debate sobre o concepto de nación, que nunca deixou de estar presente na opinión pública, é de novo un tema central de discusión na política estatal. Alén das consecuencias que este concepto poida ter na organización e administración das diferentes rexións do Estado español, é acaído lembrar que nestas mesmas datas, hai agora 84 anos, Galicia estivo presente nas reunións da Sociedade das Nacións, considerada como o organismo precursor da ONU.

Plácido Castro, representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Imaxe: Fundación Plácido Castro.
Plácido Castro, representante de Galicia no IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Imaxe: Fundación Plácido Castro.

Foi con motivo do IX Congreso de Nacionalidades Europeas (CNE), celebrado en Berna (Suíza), en setembro de 1933. Esta entidade, adscrita á SdN e fundada en 1925, tiña por obxectivo visibilizar a persistencia dos problemas nacionais existentes dentro dalgúns Estados europeos.

Publicidade

O CNE reivindicaba o dereito á autonomía, entendida como administración nacional propia, e ao libre desenvolvemento cultural. En 1928, o organismo aprobou unha normativa para regular a admisión de nacións, onde se demarcaban estes requisitos aos futuros membros: debían estar organizados nun país europeo; debían estar decididos a conservar e desenvolver a súa cultura nacional; esta vontade debía estar manifestada polo desexo de participar no CNE ou, cando menos, non opoñerse a estar representado nel; a parte solicitante debía achegar probas ou manifestacións que evidenciaran a súa existencia mediante signos dunha vida colectiva e con carácter duradeiro.

O xermolo para a entrada de Galicia nesta organización deuse o 16 de abril de 1933, cando Otero Pedrayo, naquel momento deputado do Partido Galeguista nas Cortes españolas, acudiu ao Aberri Eguna, día da patria vasca, en San Sebastián. Alí estaba tamén Ewald Ammende, secretario da CNE. Teceron uns lazos que desembocaron no convite a Galicia para a reunión do CNE que tería lugar en setembro en Berna.

Acudiu finalmente Plácido Castro, unha das figuras intelectuais claves para o galeguismo nos anos 30 e, posteriormente, un referente para a cultura galega no exilio durante o franquismo. Naqueles días de setembro en Berna, aprobouse en galego e en inglés seguinte declaración:

“O Partido Galeguista, partido nacional dos galegos, representado no parlamento español polos deputados Otero Pedraio, Castelao e Suárez Picallo, declara solemnemente (…) que conta con máis de dous millóns de almas e habita a totalidade do territorio de Galiza, é unha nación ben definida, que se diferencia claramente dos outros pobos que habitan España. A súa orixe, a súa historia, o seu idioma, e os seus costumes xustifican esta diferenza dunha maneira absoluta”.

Marco federal

Aquela declaración abría a porta a integración da nación galega no marco dunha federación “hispánica, ibérica, europea ou mundial, con todas se declara compatible o nacionalismo galego”, dicía Plácido Castro nun artigo publicado en El Pueblo Gallego ao seu regreso de Suíza, no que analizaba as causas e as consecuencias da pertenza de Galicia a esta entidade. E engadía: “É igualmente esencial lembrar que o Congreso non é un organismo para fomentar movementos políticos nacionalistas dirixidos contra os actuais estados, senón que procura soluciona-las cuestións minoritarias dentro de cada Estado“.

Castro insistía na vocación “universalista” da realidade nacional galega: “A declaración galega, feita de maneira que reservase ó pobo de Galicia a absoluta liberdade de dispor dos seus propios destinos, fai patente, sen embargo, con enteira claridade o espírito universalista do nacionalismo galego, apartado de todo separatismo“. E concluía: “Galicia, sendo galega, é máis universal e ten máis personalidade que se perde a súa identidade nun estado español uniforme”.

Non en tanto, o estourido da Guerra Civil e a disolución da Sociedade das Nacións trala Segunda Guerra Mundial, sendo substituída despois pola ONU, deixou no esquecemento este fito simbólico.

Notas:
– A Fundación Plácido Castro recolleu en 2013, con motivo do 80º aniversario do IX CNE, parte dos documentos sobre a participación de Galicia naquela reunión. Pódese consultar nesta ligazón.

– O ensaísta Xulio Ríos publicou en 1992 Galicia e a Sociedade das Nacións, un libro no que afonda no intento do Partido Galeguista por acadar o recoñecemento exterior da condición nacional de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea