Vista do porto de Vigo no século XIX.
Vista do porto de Vigo no século XIX.

Galicia nos tempos do cólera

Nicolás Taboada Leal.
Nicolás Taboada Leal.

Un cidadán vigués, Fernando Conde, pasou á historia en 1833. Para a súa desgracia. Porque este veciño do barrio do Areal foi a primeira persoa en España que enfermou nunha das epidemias máis devastadoras da historia da Humanidade. Conde abriu a lista de máis de 300.000 vítimas que se cobrou a primeira ondada colérica. E, ao longo do século XIX, case un millón de españois morrerían por unha bacteria que chegou ao porto vigués como un pasaxeiro máis.

Está certificado que a epidemia entrou por Vigo. Pero hai dúas teorías. A primeira afirma que chegou nun barco de repatriados da Guerra Civil portuguesa. A segunda sinala que foi no buque “Isabel La Católica“, que arribou en xaneiro con tres tripulantes enfermos de fortes diarreas. O certo é que o bacilo vibrio cholerae chegou para quedar.

Tras a estraña morte de Fernando Conde, o cólera estendeuse con rapidez. Aos poucos días, xa había doentes en RedondelaTui,Pontevedra e case toas as vilas desta provincia. Restrinxíronse os movementos de poboación en Galicia, adoptáronse medidas profilácticas e illouse os contaxiados. Pero o bacilo era imparable. Tres meses máis tarde, na primavera de 1833, xa estaba en Madrid, provocando unha hecatombe.

Mentres a epidemia avanzaba dende Vigo, outros focos apareceron en meses sucesivos. Buques con enfermos comezaron a chegar a Cataluña e Andalucía. E en 1834, había 1.394 poboacións afectadas en España.

O mérito de facer o primeiro diagnóstico do cólera en España foi dun galego, o viveirense Nicolás Taboada Leal. Este médico destinado en Vigo soubo identificar uns síntomas que nunca antes se viran. E adoptou as primeiras medidas para evitar contaxios.

A devastación do cólera morbo asiático non foi, non obstante, unha sorpresa. As autoridades esperábano. Sabían que o desastre era só cuestión de tempo. Porque o primeiro brote xurdira na India en 1817. E, en anos sucesivos, fórase estendendo polo mundo, ata que chegou a Inglaterra, en 1832. Así que todos sabían que, antes ou despois, a epidemia chegaría. Un porto como o de Vigo, cun intenso comercio internacional, era a perfecta porta de entrada. E así aconteceu no Areal en xaneiro de 1833.

Formáronse guetos nas cidades, houbo revoltas e desbordáronse os cemiterios urbanos

A enfermidade provocaba mortes fulminantes por deshidratación tras terribles diarreas. E desatou unha auténtica histeria, coas autoridades desbordadas polos acontecementos. A vida económica quedou paralizada en moitas zonas. E establecéronse os chamados “cordóns sanitarios” para illar enfermos ou barrios enteiros das cidades.

Ata medio século máis tarde, en 1884, non se soubo que a enfermidade era provocada por un bacilo, que foi bautizado como vibrio cholerae polo seu descubridor, Robert Koch, o mesmo que identificou a orixe da tuberculose.

A “teoría miasmática”

Así que a loita contra a epidemia foi un despropósito durante décadas. Os enfermos eran sangrados, o que aceleraba a súa morte por deshidratación. Os médicos, que seguían a “teoría miasmática“, aplicaban tamén lavativas. Administrábase aos pacientes quinina, benceno e alcanfor. Non faltaban ensalmadores, que dicían curar a enfermidade con estraños ritos e oracións. E a picaresca vendía calquera aguachirle como un remedio milagroso.

A epidemia que chegou dende Vigo provocou ademais un auténtico estourido social. As clases máis pobres foron as máis afectadas. E chegaron a formarse auténticos guetos nas cidades, para impedir que propagasen unha enfermidade que, a través das feces, infectaba as augas e, con elas, se estendía a gran velocidade.

Houbo motíns en varias poboacións. En Madrid, está documentado o asasinato por linchamento de sacerdotes, aos que se chegou a acusar de provocar a enfermidade. Sospeitouse dos dos boticarios, dos soldados, dos mariñeiros… E no novo brote de 1865 algunhas cidades quedaron case baleiras, ao fuxir os veciños ao campo, deixando os seus negocios abandonados.

Antigo mapa coa expansión da epidemia de cólera desde India.
Antigo mapa coa expansión da epidemia de cólera desde India.

Outra consecuencia da epidemia de cólera foi o peche dos cemiterios nos adros das igrexas. En Vigo, orixe do foco epidémico, clausurouse o da colexiata de Santa María, a igrexa principal da cidade. Os camposantos comezaron a afastarse do centro das cidades, mentres se di que, durante os peores meses da enfermidade, as tumbas non se pechaban. Esperábase a entrada dun novo familiar, porque había enterros todos os días.

Sen coñecer a bacteria, boa parte dos médicos si entendían que estaban ante unha doenza contaxiosa. Pero existiu tamén certa polémica. O doutor Taboada Leal escribiu neses tempos “que los medios únicos, seguros e infalibles para impedir la introducción del cólera en cualquier país, son el aislamiento, la completa incomunicación con los lugares y personas infectadas, como también con sus efectos”.

Pero outros doutores, animados por intereses económicos e políticos, opóñense a declarar que existe a epidemia, temendo o peche dos portos ó comercio. Este grupo, chamados “anticontaxionistas”, defenden que os brotes son illados e que non se pode diagnosticar cólera. Esta disputa foi máis dura na segunda ondada epidémica, en 1855. Nicolás Taboada Leal, que xa tiña experiencia do brote de vinte anos atrás, e que defendía que era cólera, foi apartado do seu posto na Xunta de Sanidade de Vigo. Tardáronse meses en facer xustiza, cando a realidade dos mortos fixo imposible seguir agochando a enfermidade.

En Vigo, a crise sanitaria propiciou a construción do lazareto de San Simón, unha década máis tarde, en 1842, para que os barcos pasasen corentena.

A primeira epidemia durou un ano, cinco meses e 22 días. Deixou máis de 300.000 mortos en España, un 3 por cento da poboación. Tras ela, virían novos brotes en 1855, 1863 e 1873, todos de gran virulencia. Ao termo do século XIX, morreran por cólera morbo asiática case un millón de españois.

Foi unha auténtica hecatombe sanitaria. Que só remitiu a finais do século XIX, cando foi creada unha vacina e un antibiótico. Pero todo comezou por un diminuto pasaxeiro que chegou ao porto do Areal un día de xaneiro de 1833. Chamábase vibrio cholerae e, dende Vigo, pasaría unha factura dun millón de vidas.

3 COMENTÁRIOS

  1. Moi interesante, só podo porlle un pero… Cando escribas un nome científico debe ir en cursiva, e co xénero (a primeira palabra) coa primeira letra maiúscula, a especie (segunda palabra) todas minúsculas.
    Un saúdo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.