Xoves 28 Marzo 2024

Os galegos que morreron no inferno de Mauthausen

“Que veñen os alemáns!” Moitas noites do resto da súa vida, Francisco Pena espertaba berrando e bañado en suor. Nunca puido esquecer o inferno que viviu de 1940 a 1945, confinado nun campo de exterminio nazi. “Cos amigos, chanceaba, porque rir ao contar ese drama lle servía de terapia, pero a verdade era distinta”, lembraba o fillo do sobrevivente. Natural de Cabo de Cruz, Pena foi un dos centos de republicanos galegos que padeceron o holocausto. Deles, 106 morreron en Mauthausen.

A historia dos galegos no holocausto comeza en febreiro de 1939, cando longas columnas de refuxiados cruzan os Pireneos. Fuxindo dunha guerra perdida, van atoparse co comezo doutra.

Publicidade

Os republicanos son mal recibidos en Francia. O Goberno galo decide internalos en campos como Carcasson, Argelès Sur Mer ou Septfonds, en condicións precarias. Moitos son recrutados para traballar nas Compañías de Traballadores Estranxeiros, destinadas a reforzar a Liña Maginot, a “defensa infranqueable” que en poucos días de 1940 sería esmagada pola Wehrmacht.

Tentando derrubar a águia nazi tras a liberación.

Durante a invasión alemá, morren moitos galegos. E os prisioneiros van se converter nun problema. Cando os nazis preguntan ao réxime de Franco se desexa a súa devolución, o ministro Serrano Suñer responde: Non nos interesan, non son españois. Nunha visita a Berlín, afirma que son apátridas e deixa o caso en mans de Himmler. E o ideólogo da ‘solución final’ para os xudeus dedide ampliar a súa política tamén para os republicanos.

As palabras do director de Mauthausen, Franz Zieireis, serían lidas no xuízo de Nuremberg: “Para estes prisioneiros recibín ordes especiais: Os españois xa non debían existir”.

Tratados como unha incómoda mercadoría, aplicóuselles o decreto “Nacht und Nebel“, “Noite e Néboa”, nome en clave para a ‘solución final’. Entrarían nos campos de exterminio e só poderían saír “polo fume da cheminea”.

O 6 de agosto de 1940 aparece na estación de Mauthausen o primeiro tren cargado con prisioneiros republicanos, moitos deles galegos. Van no convoi Agustín Cameselle e Francisco Pena. Xunto a eles, veciños de Bueu como José Fernández Pastoriza ou Manuel Rey Cruz. Outro vigués: Manuel Fernández Gutiérrez; pontevedreses como Antonio Gómez Torres ou Claudio Tizón; e coruñeses como Adriano Castelo Soutelo ou Luís Rafales Lamarca.

Cando viron as chemineas dos fornos crematorios pensaron que era a calefacción

Sucesivos trens van descargando presos. O 13 decembro de 1940 chega o maior continxente de galegos. A viaxe foi terrible. “Os da Gestapo metéronnos en vagóns de carga. Foron tres días e tres noites pechados, sen auga nin comida, facendo as nosas necesidades nun recuncho do vagón, que estaba precintado; viaxamos entre vómitos e diarreas, sen saber onde iamos”, explicaba nas súas memorias José Jornet, un catalán que viaxaba a bordo.

Pero a viaxe non lles fixo sospeitar a magnitude do horror: “Cando chegamos ao campo, vimos unha alta cheminea da que saían fume e labaradas. Despedía un cheiro nauseabundo. Pensamos que era o sistema de calefacción”, afirmaba o tamén preso Eugenio Batiste, na súa autobiografía “O sol extinguiuse en Mauthausen”.

“O meu avó só resistiu dez meses”, contoume nunha entrevista Fernando Villot, neto de Cameselle: “A miña familia soubo da súa morte por unha carta dun sobrevivente exiliado en México, que o vira morrer nos seus brazos”. Cameselle, un vigués da céntrica rúa do Príncipe, rematou morrendo nun campo de exterminio. E a súa viuva viviu con medo toda a vida, ata a súa morte aos 102 anos. Como paradoxo do destino, mesmo foi emigrante a Alemaña, onde fora asasinado o seu marido, cando a pobreza empurrou a miles de galegos a buscar traballo en centroeuropa.

A vida dos galegos en Mauthausen foi literalmente o horror. O mesmo que viviron os xudeus. Tatuóuselles o seu número de preso, vestíuselles co drilich -o famoso “pixama de raias“- e identificóuselles cun triángulo azul e unha ‘S’, correspondente a ‘spanien’ malia ser considerados ‘apátridas’. Un contrasenso no medio dunha tolemia.

A tortura do campo é coñecida. Vímola en ducias de películas, sen sospeitar que, entre as vítimas, había galegos. Para todos, o peor era o “Appell”, o reconto de prisioneiros. Mercedes Núñez Targa, natural de Bergondo, e sobrevivente de Ravensbruck, contoullo centos de veces ao seu fillo, Pablo Iglesias, un vigués que foi o delegado en Galicia da Amical de Mauthausen, a asociación que honraba en España ás vítimas do holocausto: “A miña nai estaba marcada polo Appell. Formaban no patio, en posición de firmes; estaban entre unha e doce horas así. Vían caer a compañeiros e non podía axudarlles; quen movese a cabeza era mallado ata a morte”. O récord foron 40 horas seguidas, baixo cero. Ese día houbo 500 mortos, que ían caendo na formación.

Presos co ‘pixama a raias’.

“Por calquera parvada, eran sometidos a sesións de lategazos”, explicou en entrevista Pablo Iglesias, “tiñan que contar cada golpe e, de trabucarse, volvían empezar”. Mercedes Núñez, que sobreviviu e faleceu en Vigo en 1986, “sabía contar ata trinta en alemán”. Do mesmo xeito que o resto de sobreviventes, rematou dominando a lingua de Johan Sebastian Bach e de Enmanuel Kant.

Pero o drama dos galegos en Mauthausen non rematou coa súa liberación. Paradoxalmente, en España os heroes eran aqueles que loitaran man a man cos nazis na División Azul, mentres que as vítimas dos campos non podían regresar a Galicia. Os sobreviventes non puideron contar o seu drama. Ninguén escoitou como eran sometidos a traballos forzados na veciña canteira de Mauthausen, coa súa escaleira de 186 banzos, pola que cada preso debía subir con 20 quilos de rocha. Moitos deron fin ao suplicio botándose ao baleiro.

Buscan vítimas galegas do nazismo para devolverlles obxectos roubados

Boa parte dos centos de galegos que entraron en Mauthausen foron trasladados ao campo auxiliar de Gusen, coñecido polos presos como “o inferno dos infernos”. A maioría morreu alí. De 3.846 republicanos que entraron en Gusen desde xaneiro de 1941, só quedaban 444 vivos en 1944.

En Gusen, operaba o “Doutor Morte”, Albert Heim, que experimentaba cos presos e os liquidaba cunha inxección de bencina no corazón. Xamais capturado tras a derrota de Hitler, ata data recente sospeitábase que o Doutor Morte aínda vivía, polo que sempre foi un dos nazis máis buscados.

O grovense Ramón Garrido Vidal escribiu un diario sobre a súa estadía en Mauthausen

Un total de 106 galegos morreron en Mauthausen. Pero se estima que puideron ser máis. Moitos ocultaban a súa procedencia para protexer ás súas familias en Galicia, porque sabían da colaboración entre o Franco e o III Reich.

Sobreviventes documentados hai menos de medio cento. Un deles, Ramón Garrido Vidal, do Grove, salvou a vida porque non foi detido ata mediados de 1944. Ata entón loitara na resistencia francesa. O grovense escribiu un diario, que narra que a crueldade chegou ata o último día: “Amence chovendo. Durante a noite, morren dúas ou tres persoas por extenuación”. Está a narrar o mesmo día da liberación, o 5 de maio de 1945: “Escóitanse tiros e disparos de canón por todas partes. Eses fillos da gran puta instalan unha batería á beira do campo, que fai varios disparos. Os americanos abren fogo e causan algunhas vítimas no campo dos xudeus”.

Por fin, aparecen os aliados. É a Undécima División Acoirazada dos Estados Unidos, ao mando do xeneral Dager. E neses tanques van republicanos que loitaran xunto ás tropas de liberación. Todos quedan atónitos co que atopan en Mauthausen. “Moita xente chora”, escribe o grovense Ramón Garrido no seu diario: “Había moitos que crían que os americanos traerían as mans cheas, pero nin sequera chegaron aínda medicamentos. Xa hai varios casos de tifo”, lamenta ao remate desa xornada.

En Mauthausen, os presos republicanos reuniron valor para recibir aos seus liberadores cunha pancarta. “Os españois antifascistas saúdan ás forzas liberadoras”, rezaba o cartel. A foto, xunto aos carros blindados da División Acoirazada do xeneral Dager, é xa clásica.

Pero a ledicia tornou en decepción cando descubriron que os aliados non seguirían a guerra en España. Franco gobernaría trinta anos máis. Os galegos sobreviventes ao inferno nin sequera puideron volver a casa.

Galegos asasinados en Mauthausen

Esta listaxe é a transcrición literal da elaborada polos servizos alemáns do campo de Mauthausen, polo que pode conter erros na nomenclatura dos lugares de orixe ou a denominación de parroquias ou municipios, tomados de ouvido polos axentes nazis. 

A CORUÑA:

Albedro Vilaverde, José: Natural de A Coruña. Morto o 24-1-1943 en Mauthausen.
Batalla Caule, Fernando: Natural de A Coruña. Morto o 22-09-1941 en Gusen.
Castillo Soutelo, Adriano: Natural de A Coruña. Morto o 24-4-1941 en Gusen.
García de la Cruz, J. Clemente: Natural de A Coruña. Morto o 29.9.1941 en Gusen.
García Lagares, Arturo: Natural de A Coruña. Morto o 12-7-1941 en Gusen.
González del Valle, Juan: Natural de A Coruña. Morto o 26-9-1941 en Gusen.
López Criado, Leopoldo: Natural de A Coruña. Morto o 3-11-1941 en Gusen.
Martínez Arias, Julio: Natural de A Coruña. Morto o 7-9-1941 en Gusen.
Martínez Cacheira, José: Natural de A Coruña. Morto o 23-11-1941 en Gusen.
Rafales Lamarca, Luis: Natural de A Coruña. Morto o 9-9-1941 en Mauthausen.
San Miguel Prada, Víctor: Natural de A Coruña. Morto o 10-1-1942 en Gusen.
Taller Charlón, Enrique: Natural de A Coruña. Morto o 7-12-1941 en Gusen.
Becerra Linares, José: Natural de Arantón. Morto o 19-11-1941 en Gusen.
Ramos González, Valentín: Natural de Bardomil. Morto o 9-9-1941 en Mauthausen.
Seijas Insua, José: Natural de Carral. Morto o 6-7-1942 en Gusen.
Fidalgo Antelo, Daniel: Natural de Castrarón. Morto o 3-2-1941 en Gusen.
Seijas Aller, José: Natural de Castro. Morto o 28-11-1941 en Gusen.
Villar Piñón, Manuel: Natural de Cervo. Morto o 27-12-1941 en Gusen.
Romero Rebón, Carlos: Natural de Cervás. Morto o 9-2-1942 en Gusen.
Rodríguez Trillo, Juan: Natural de Cordeira. Morto o 22-9-1942 en Gusen.
Piñeiro Agulleiro, Manuel: Natural de Cumbria. Morto o 16-2-1942 en Mauthausen.
Gómez Iglesias, Francisco: Natural de Ferrol. Morto o 30-12-1941 en Gusen.
Rodríguez Louro, Manuel: Natural de Ézaro. Morto o 16-9-1941 en Gusen.
Pontes Palmeiro, Manuel: Natural de Ferrol. Morto o 4-7-1941 en Gusen.
Lamela Marcate, Ramón: Natural de Fisterra. Morto o 4-2-1942 en Gusen.
Peña Losada, José Andrés: Natural de Franza. Morto o 16-10-1941 en Gusen.
Peña Martínez, Manuel: Natural de Freixeiro. Morto o 24-11-1941 en Gusen.
Permuy Pérez, Manuel: Natural de Iglesia. Morto o 7-4-1942 en Mauthausen.
Rey Lago, Juan: Natural de Lampo. Morto o 9-11-1941 en Gusen.
Fariña Choufino, Antonio: Natural de Malpica. Morto o 6-5-1941 en Gusen.
Fernández García, Manuel: Natural de Mugardos. Morto o 24-12-1941 en Gusen.
Pereira Pérez, José: Natural de Mugardos. Morto o 30-12-1941 en Gusen.
Romaní Abeijón, Eduardo: Natural de Muros. Morto o 8-7-1941 en Gusen.
Albite Miranda, Silvestre: Natural de Olveira. Morto o 9-11-1941 en Mauthausen.
González Regueiro, José: Natural de P. Das Viñas. Morto o 26-7-1941 en Gusen.
Caamaño Fernández, Francisco: Natural de Pobra do Caramiñal. Morto o 3-11-1941 en Gusen.
Cameán San Isidro, Juan: Natural de Pobra do Caramiñal. Morto o 29-9-1941 en Gusen.
Millán Martínez, José: Natural de Poboa do Caramiñal. Morto o 15-1-1942 en Gusen.
Mínguez Castro, José: Natural de Poboa do Caramiñal. Morto o 10-1-1943 en Gusen.
Naveira Couso, José: Natural de Poboa do Caramiñal. Morto o 18-12-1941 en Gusen.
Fernández Prada, Manuel: Natural de Ribeira. Morto o 13-5-1942 en Gusen.
López Rama, José: Natural de Vilasantar. Morto o 21-12-1941 en Gusen.
Naveira Campos, José: Natural de Betanzos (?). Morto o 12-8-1941 en Gusen.

LUGO:

Bailín Pérez, Liberio: Natural de As Nogais. Morto o 13-9-1944 en Mauthausen.
López López, Ricardo: Natural de Belcigán. Morto o 11-9-1942 en Mauthausen.
Murado Sazoy, Jesús: Natural de Bol Ría Juan. Morto o 6-11-1941 en Gusen.
Fidalgo Pérez, José: Natural de Castiñeira. Morto o 6-4-1941 en Gusen.
Gómez López, Ramón: Natural de Buisán. Morto o 24-11-1941 en Gusen.
Fernández Pérez, José: Natural de Estremar. Morto o 26-2-1942 en Gusen.
López Digón, Jesús: Natural de Freijó. Morto o 26-7-1942 en Gusen.
Pardo Vallés, Rafael: Natural de Laxosa. Morto o 7-1-1942 en Gusen.
Fernández Fernández, Manuel: Natural de Lugo. Morto o 29-12-1941 en Gusen.
Díaz Ortaz, Victoriano: Natural de Mosteiro. Morto o 6-1-1942 en Gusen.
Alonso Losada, Andrés: Natural de Peites. Morto o 6-1-1942 en Gusen.
Fernández Santín, José: Natural de San Miguel. Morto o 20-12-1941 en Gusen.
Souto Millares, Agustín: Natural de Santín. Morto o 9-12-1941 en Gusen.
Arias López, Jesús: Natural de Sarria. Morto o 14-2-1941 en Gusen.
Santín Aria, Balbino: Natural de Sobras. Morto o 10-12-1941 en Gusen.
Martínez Parada, Casto: Natural de Trascastro. Morto o 28-7-1941 en Gusen.
Méndez López, Jesús: Natural de Vilar de Cucos. Morto o 8-7-1941 en Gusen.
López Raimóndez, Octavio: Natural de Villabol. Morto o 16-11-1941 en Gusen.
Cañeda Macía, José: Natural de Vilar de Donas. Morto o 7-1-1942 en Gusen.
Lamelas, Manuel: Natural de Viveiro. Morto o 2-4-1943, en Mauthausen.

OURENSE:

Suárez Gallego, Alberto: Natural de A Veita. Sen data da morte.
García Rodríguez, José: Natural de Baltar. Morto o 19-12-1941 en Gusen.
Rajo Lorenzo, Julio: Natural de Carbonillo. Morto o 1-10-1942 en Mauthausen.
González Prada, Isauro: Natural de Castro Caldelas. Morto o 2-11-1941 en Gusen.
Castro Morales, Domingo: Natural de Cebral. Morto o 2-2-1942 en Mauthausen.
Fernánzez Lorenzo, Tiberio: Natural de Corzos. Morto o 11-12-1941 en Gusen.
Fernández Rodríguez, Jesús: Natural de Cotaróns. Morto o 7-11-1941 en Gusen.
Vázquez Valdominos, Jesús: Natural de Cujas. Morto o 26-20-1941 en Gusen.
Pérez Rodríguez, Avelino: Natural de Entrimo. Morto o 5-8-1941 en Gusen.
Diéguez Blanco, Antonio: Natural de Freijido. Morto o 3-1-1942 en Gusen.
Folía Arias, Benedito: Natural de Freijido. Morto o 13-10-1942 en Gusen. Morreu electrocutado ó botarse ós aramados.
Conde Ramos, Ramón: Natural de Maceda. Morto o 1-12-1941 en Gusen.
Álvarez Fernández, Abilio: Natural de Olelas. Morto o 2-?-1942 en Mauthausen.
Formoso Fernández, Eligio: Natural de Riobodas. Morto o 3-12-1941 en Gusen.
Rei Domínguez, Demetrio: Natural de Santa Comba. 17-7-1942 en Gusen.
Bilar Febrero, Antonio: Natural de Santomé. Morto o 11-8-1941 en Gusen.
Pérez López, Magín: Natural de Sarreaus. Morto o 8-11-1941 en Gusen.
Yabra Dacoba, Manuel: Natural de Seijo. Morto o 10-1-1942 en Gusen.
Araujo González, Antonio: Natural de Ourense. Morto o 11-10-1941 en Gusen.
Soutullo Iglesias, Manuel: Natural de Ourense. Morto o 20-?-1942 en Mauthausen.
Vázquez González, Antonio: Natural de Ourense. Morto o 22-7-1941 en Gusen.

PONTEVEDRA:

Fernández Pastoriza, José: Natural de Bueu. Morto o 20-9-1941 en Gusen.
Rey Cruz, Manuel: Natural de Bueu. Morto o 30-5-1941 en Gusen.
Quíntana Romero, Antonio: Natural de Carril. Morto o 19-3-1942 en Gusen.
García Rodríguez, José: Natural de Carril. Morto o 15-10-1941 en Gusen.
Otero Avión, Marcial: Natural de Covelo. Morto o 28-09-1941 en Gusen.
Piñeiro Otero, Antonio: Natural de Chapela. Morto o 24-02-1942 en Gusen.
Rodríguez Fernández, Ricardo: Natural de Vigo. Morto o 7-02-1941 en Mauthausen.
Coto Martínez, Manuel: Natural de Marcón. Morto o 2-06-1942 en Gusen.
Sanmartín Abilleira, Urbano: Natural de Mourente. Morto o 24-11-1941 en Gusen.
Gómez Cortés, Ángel: Natural de Camposancos. Morto o 14-01-1942 en Gusen.
Tizón Vázquez, Claudio: Natural de Pontevedra. Morto o 2-02-1942 en Mauthausen.
Ferreiro Álvarez Martín: Natural de Pontevedra. Morto o 23-11-1941 en Gusen.
Gómez Torres, Antonio: Natural de Pontevedra. Morto o 17-02-1945 en Gusen.
González Vázquez, José. Natural de Quintela. Morto 18-01-1942 en Gusen.
Miguel Pazos, Olimpio: Natural de Redondela. Morto o 18-04-1943 en Mauthausen.
Cameselle Fernández, Agustín: Natural de Vigo. Morto o 1-11-1941 en Gusen.
Fernández Gutiérrez, Manuel: Natural de Vigo. Morto o 4-11-1941 en Gusen.
María Díez, Camilo: Natural de Vigo. Morto o 1-11-1942 en Gusen.
Varela Loreino, Francisco: Natural de Vilagarcía. Morto o 6-04-1941 en Gusen.
Rodríguez Abad, Antolín: Natural de Vilanova de Arousa. Morto o 1-12-1942 en Gusen.
Martínez Pereira, Jaime: Natural de Panxón (Nigrán). Morto o 2-12-1941 en Gusen.

7 COMENTÁRIOS

  1. Souben por comntarios de xente maior que, algún galegos participaran en Francia na Resistencia contra o Nazismo,pero non sospeitaba,que eran tantos,e de tantos sitios coñecidos.Isto unha gran parte da xente na propia Galiza non o sabe, e a Historia cumpre sabela,ou podemos correr o risco de repetila.Gracias po la información a G Ciencia.

  2. Hai dous erros na provincia da Coruña: 1. Onde di “Cumbria” é “Dumbría”. 2. Onde di “Lamela Marcate” (Fisterra) é “Lamela Marcote”.
    E unha matización: O Ézaro pertence ao concello de Dumbría.

  3. Camenar San Isidro, Juan está mal escrito. O apelido é Cameán, era o irmán do me avó que chorou toda a vida a súa morte.

    • Moitas grazas pola túa mensaxe, Toña. Procedemos a corrixir o apelido. Algúns deles veñen mal polo feito de que foron rexistrados dende os propios campos, onde os funcionarios nazis tomaban mal moitos nomes. Grazas de novo e saúdos dende GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sobrevivente a un campo de exterminio

Mercedes Núñez Targa, con rúa dedicada en Vigo, pasou polo inferno de Ravensbrück e foi secretaria de Pablo Neruda

Buscan vítimas galegas do nazismo para devolverlles obxectos roubados

O servizo ITS de Alemaña quere contactar con familias como a do coruñés Emilio Rodríguez, que morreu en Buchenwald

Os pesqueiros galegos afundidos na II Guerra Mundial

Buques de guerra aliados atacaron a barcos galegos durante a contenda temendo que os mariñeiros espiasen para Hitler

Fernández Albor: ex presidente de la Xunta y ex piloto de la Luftwaffe

El ex presidente de la Xunta de Galicia cumple cien años, un siglo que incluye su formación en Alemania en la aviación de Hitler