Venres 19 Abril 2024

Iván Fernández: “A figura do matemático Rodríguez debería estudarse nos colexios”

Iván Fernández Pérez é doutor pola Universidade de Santiago de Compostela. É co-autor, xunto con José Ángel Docobo, do libro ‘As matemáticas e a astronomía en Galicia”. Divulgador científico, investigador da historia da ciencia, Fernández Pérez fixo o máis completo estudo sobre o matemático Rodríguez, unha figura esencial e esquecida mesmo no seu propio país.

-Cal considera que é achega científica máis importante do matemático Rodríguez?

Publicidade

-Entre as distintas publicacións e escritos que deixou o matemático Rodríguez, é de salientar sen dúbida as “Observations on the measurement of three degrees of the meridian, conducted in England by Lieutenant Colonel Willian Mudge”, xa que axudou a pechar un debate sobre o achatamento da Terra entre científicos ingleses e franceses. Neste traballo, Rodríguez atopa un erro nunhas medicións realizadas por científicos ingleses, refixo de novo os cálculos, e os resultados que obtivo confirmaron unha Terra que estaría achatada nos polos tal e como propoñían os franceses. Con este traballo o matemático do Bermés conseguiu sona e recoñecemento en Europa, aínda que tamén houbo en Inglaterra a quen non lle gustou.

-Sorprende que, dende unha orixe humilde, no eido rural, conseguise chegar aos máis importantes centros científicos europeos… Como o conseguiu?

-No caso de Rodríguez, como doutros semellantes, teñen que darse varias circunstancias. As principais causas, dende o meu punto de vista, son os seus devezos e esforzos para aprender e superarse, xunto cunha gran capacidade para asimilar coñecementos. Pero só con iso non foi suficiente. Rodríguez puido estudar en Monforte grazas á axuda dun tío seu, e posteriormente en Compostela coa obtención dunha bolsa do Colexio de San Xerome. Sen estas axudas que lle permitiron finalizar os estudos e poder acceder á docencia na Universidade, non estariamos falando do gran científico que foi.

“Rodríguez era liberal, foi perseguido e tivo que escapar a Portugal ‘co posto’

-Se tivese nacido noutro lugar de Europa, tería sido máis recoñecido alí polos seus coetáneos?

Abofé que si. En Francia ou en Inglaterra apareceron no século XVIII institucións, como a Académie des Sciences ou a Royal Society, que se preocuparon do desenvolvemento e da divulgación dos coñecementos científicos, e os seus membros gozaban dun gran recoñecemento. Na época que viviu Rodríguez, non existía unha institución semellante en España, e os poucos científicos aos que se lles tiña unha certa admiración procedían principalmente no ámbito militar.

-Rodríguez foi un modelo para Domingo Fontán… Cal foi o seu legado cara ó autor da Carta Xeométrica de Galicia?

-Rodríguez sen dúbida tivo unha certa influencia en Fontán. En 1808, Rodríguez por encargo da Junta Central del Reino, elaborou unha Memoria para a formación do Mapa de España, unha vez concluídas as operacións xeodésicas da costa mediterránea nas que participou o matemático do Bermés. Fontán dispuxo dunha copia desta Memoria e baseouse nela para desenvolver o levantamento da Carta coas debidas adaptacións para o territorio galego. Ademais, tampouco se pode esquecer que varios dos instrumentos que utilizou Fontán para as operacións foron mercados en París polo seu mestre en 1817.

-De Rodríguez a Fontán… E de Baltasar Merino a Ramón María Aller e Antonia Ferrín… Non evidencia isto que a ciencia máis brillante en Galicia foi froito dunha certa xenialidade individual? Dunha liña que abre alguén e que a continúan os seus discípulos?

-Iso sempre que tivera continuidade! O caso de Rodríguez na Universidade de Santiago é un bo exemplo. Por unha banda Rodríguez tivo como estudante a Domingo Fontán, e este a súa vez a Casiano de Prado e Ramón de la Sagra como discípulos máis salientables. Estes últimos foron chamados para realizar tarefas para a Coroa fóra de Santiago, polo que houbo un momento en que se rachou a cadea e se perdeu a continuidade de seguir desenvolvendo unha traxectoria científica en Compostela, de aí a sensación de que os científicos galegos sobranceiros foron casos illados.

Hai que ter en conta que, ata non fai moito tempo, nas universidades e noutros centros de carácter académico ou científico, só había un único especialista nunha materia e non había unha “política investigadora”. Con sorte, este especialista podía formar a varios discípulos brillantes, pero poucos deles seguían despois unha carreira de éxito no mesmo centro, e dende logo, non era posible formar o que hoxe chamariamos como “grupo de investigación”.

-Tras unha carreira de éxito, o Matemático Rodríguez é marxinado e remata empobrecido en Portugal… Como e por que viviu esta marxinación?

-Aquí entran en xogo as cuestións políticas. Rodríguez foi deputado en Cortes e defensor das ideas liberais. Tras a finalización do denominado Trienio Liberal en 1823, os que defenderon estes ideais sufriron unha forte persecución, da que Rodríguez non se librou, polo que tivo que fuxir a Portugal “co posto”.

-Din as crónicas que a súa tumba no tiña unha inscrición… Como hai que interpretar este feito?

-Non teño estudado este episodio, pero creo que podería estar relacionado coas súas ideas e pola situación política do momento. Tamén puido influír que os calendarios publicados polo Observatorio de Madrid, cando Rodríguez era o seu director, tiveron o rexeitamento de varios membros do clero en Galicia.

“Rúas das principais cidades e vilas do país deberían levar nomes de científicos”

-Malia a súa notable carreira, semella un personaxe pouco recoñecido… Por que en Galicia non é popular a figura do Matemático Rodríguez?

Unha causa quizais é que, ao marxe de biografías, hai poucos traballos sobre a Historia da Ciencia en Galicia por falta de investigadores especialistas na materia. Neste sentido temos unha grande desvantaxe con respecto a outras comunidades como a catalá ou a valenciana, que teñen centros de investigación especializados neste ámbito.

Ademais, os libros que tratan sobre a Historia de Galicia, amosan fundamentalmente a súa evolución política e social, e tenden a esquecerse doutras cuestións como as científicas, que tamén deben estar presentes pola súa importancia na consecución dunha maior alfabetización da poboación, dunha mellor calidade de vida así como a modernización do país.

A figura de Rodríguez, como a doutros científicos galegos, sería máis coñecida e recoñecida se as cuestións relativas á Historia da Ciencia en Galicia estivesen máis presentes nestas publicacións de temática máis xeral, e tamén no currículo educativo.

-En Galicia, no currículo educativo escolar, están incluídos os literatos, pero semella que non aparecen científicos e outros protagonistas da historia… Hai un exceso ou unha certa exclusividade en transmitir a Galicia literaria? Deberíase facer algún cambio?

-Non se trata de darlle menos importancia aos movementos literarios e aos escritores galegos, porque si a tivo no devir dos acontecementos da Historia de Galicia, pero si teño a sensación de que a presenza da Ciencia en Galicia e dos científicos galegos no currículo escolar debería ser maior.

É fundamental a inclusión destes contidos no currículo para que os nosos fillos coñezan unha realidade histórica que por non comentada, ou por pouco difundida, parece que non existe. Non creo que sexa tan difícil que nos libros de texto, cando se trate a forma da Terra se mencione a Rodríguez, ou que cando se fale da súa representación nos mapas se mencione a Fontán.

Por outra banda, sería importante que rúas das principais vilas e cidades do noso país leven o nome dos científicos galegos máis sobranceiros.

E aquí podes ler a reportaxe en GCiencia
sobre o Matemático Rodríguez

historias-gc/jose-rodriguez-matematico-galego-metro/

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural

O matemático José Rodríguez, nomeado Científico galego do ano

Corroborou a teoría de Newton de que a terra era achatada polos polos e situou o quilómetro cero de Galicia en Lalín

O matemático Eduardo García Río ingresa na Academia de Ciencias 

O catedrático de Xeometría e Topoloxía da Universidade de Santiago incorpórase á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación

O outono comeza este sábado ás 8.50 horas

Na nova estación agárdase unha eclipse parcial de Lúa e choivas de estrelas como a das Xemínidas, unha das máis importantes do ano