Xoves 28 Marzo 2024

Escribiu unha muller as cantigas do pergamiño Vindel?

A investigadora e docente da Universidade de Poitiers (Francia), onde dirixe o Centro de Estudos Latino-Americanos, Ria Lemaire, e a catedrática xubilada de Literatura Portuguesa da Universidad Estadual de Campinas (Brasil) Yara Frateschi Vieira, comparten paixón pola literatura medieval, á que dedicaron a meirande parte dunha traxectoria profesional, que as acredita como dúas das maiores expertas internacionais na materia.

Ria Lamaire (foto: ponte nas ondas)
Ria Lamaire (foto: ponte nas ondas)

Lemaire e Vieira compartirán os seus coñecementos cas e cos asistentes ao Simposio Internacional ‘E irei madr’a Vigo’, que se celebrará os vindeiros 23 e 24 de novembro en Vigo, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega, con motivo da estadía na cidade do manuscrito que contén as cantigas de amigo de Martin Codax.

Publicidade

Pero, foi realmente o trobador galego o autor das sete cantigas de amigo recompiladas no Pergamiño Vindel? “A teoría da creación das cantigas por mulleres vai ser aplicada, si, ás sete cantigas do Pergamiño Vindel. E ….é esa abordaxe nova a que vai permitir tamén analizar, en definitiva, a personaxe da muller nas cantigas de amigo a partir desta teoría. Non como un dos temas dentro do conxunto dos temas presentes nas cantigas e imaxinados por homes escritores, senón como personaxe/protagonista dun moi antigo xénero literario: o da cantiga xuvenil das mozas namoradas”, explica Ria Lemaire, que ofrecerá no simposio un relatorio titulado As personaxes femininas nas cantigas de amigo.

A especialista holandesa sinala que o título da súa intervención fai alusión á maneira como tradicionalmente se presentaba na historia da literatura medieval á personaxe feminina da cantiga de amigo na que “ela era simplemente parte dun conxunto temático, ao lado de temas como o amor, o mar, a natureza, entre outros, no corpus das 500 cantigas de amigo conservadas nos dous cancioneiros do século XVI, todas escritas segundo os historiógrafos desa literatura por poetas masculinos”.

Ria Lamaire di que as cantigas presentan as mulleres como ‘figuras tristes’

Fronte ao discurso oficial que defende que os poetas/trobadores “terían espremido nesas cantigas sentimentos tipicamente femininos, que elas cantan con voz triste e chorona e ás que o seu amor infeliz e insatisfeito fai delas figuras tristes, vítimas pasivas de infidelidades masculinas e sempre á espera de regresos de amantes ansiosamente desexados”, Ria Lemaire construíu na súa tese de doutoramento en 1988 unha teoría propia.

“As 100 cantigas de amigo dialogadas, paralelísticas, presentadas e clasificadas xunto con 400 cantigas monologadas e aparecidas como cantigas de amor masculinas, no corpus das 500 cantigas de amigo, pertencen, en verdade, ao xénero antiquísimo indo-europeo das bailadas xuvenís das mulleres novas. Danzas xuvenís de rondas de mulleres só e, por ese motivo, só podían ser elas, orixinalmente as súas compositoras e poetas que memorizaban e improvisaban o son e a letra bailando”, explica Lemaire.

Yara Vieira.
Yara Vieira.

Para a especialista en literatura medieval este traballo de “arqueoloxía do saber (Michael Foucault), un saber feminino, obnubilado pola historia oficial”, esixirá ás e aos investigadores esforzos de multilingüismo importantes, cuxos resultados darán tamén resposta a preguntas sobre afinidades e diferenzas entre as tradicións doutras zonas de Europa. No caso de Lemaire a súa experiencia e coñecemento provén da análise comparativa da súa tradición xermánica (flamenga, holandesa e alemá) coa súa formación académica (francesa e ibérica e brasileira), o que lle fai apreciar paralelismos entre as tradicións oriúndas desas linguas e culturas.

Lemaire e Vieira terán ocasión con motivo da súa participación no Simposio Internacional ‘E irei madr’a Vigo’ de ver por primeira vez o Pergamiño Vindel. “Cando quixen aproveitar unha estadía en Nova York para ver o manuscrito, non estaba dispoñible. É un motivo máis para sentirme feliz e honrada de viaxar a Vigo para falar sobre el no simposio”, asegura a directora do Centro de Estudos Latino-Americanos da Universidade de Poitiers.

Pola súa banda, Yara Vieira afirma que “fico moito feliz de poder ver agora ‘en carne e óso’ ese documento de importancia crucial para a historia do texto e da música medieval galego-portuguesa, principalmente cando se atopa de volta ao se habitat natural, no Museo do Mar en Vigo”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila