Escavacións no castro de Armea, en Allariz.

Escavacións no castro de Armea, en Allariz.

As escavacións na ‘cibdá’ de Armea, en Allariz, amosan unha orixe romana

Datada no século I, continúan os traballos no lugar de culto das Pioucas da Santa

Desde o pasado 1 de xullo, un equipo de 20 persoas baixo a dirección do Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo traballa en diferentes puntos do Concello de Allariz co obxectivo de afondar no coñecemento histórico da “Cibdá de Armea”, que os arqueólogos datan no século I. A piques de chegar ao ecuador da intervención, xa está ao descuberto a zona da atalaia da finca municipal que forma parte do xacemento do castro e realizáronse as primeiras escavacións no lugar de culto das Pioucas da Santa. Os primeiros achados neste último enclave apuntan a que as pioucas datarían de época romana e que terían unha funcionalidade de lagar.

Traballos en Armea.

Traballos en Armea.

A campaña, que se desenvolve ao longo de todo o mes de xullo, está financiada polo Concello de Allariz no marco dun convenio asinado hai tres anos entre a entidade local e a Universidade de Vigo e está dirixida polo arqueólogo do Geaat Adolfo Fernández. O traballo de campo está coordinado pola tamén arqueóloga do grupo Patricia Valle. O obxectivo marcado para a campaña deste 2017, apuntan os seus responsables, é continuar sacando á luz un xacemento do que estiman só está descuberto arredor dun 5% da súa superficie. Tendo en conta este reto, nestes primeiros días de traballo o equipo centrouse en deixar totalmente ao descuberto a zona da atalaia do castro, de arredor de 200 metros cadrados de superficie, que está nunha finca de propiedade municipal. Unha vez aberta, os arqueólogos traballan agora na escavación de niveis inferiores deste espazo, comezando a descubrir estruturas asociadas a vivendas. Ademais, engade Adolfo Fernández, rematouse de escavar a rúa diagonal do xacemento.

Tal e como estaba previsto, comezaron tamén as actuacións de sondaxe na zona das Pioucas da Santa co obxectivo de afondar no coñecemento das estruturas circulares e muros que se observan nela, respectando a integridade deste espazo de culto. Segundo explica o responsable do proxecto, durante os primeiros días da campaña interviron no interior do recinto e no seu perímetro, sen afectar ás estruturas existentes, co obxectivo de avanzar na datación e identificación da funcionalidade deste enclave.

As probas de carbono 14 permitirán datar con exactitude os restos

Polo enlousado e por un tellado de tégula atopados ata o momento, Fernández sinala que as primeiras hipóteses apuntan a unha orixe romana do xacemento e a un uso de lagar, ou ben de aceite ou de viño. De todos os xeitos, a intervención continúa neste punto e realizaranse probas de carbono 14 con mostras da zona para concretar a súa cronoloxía. Ademais deste dous puntos principais de intervención, a atalaia e as pioucas, o proxecto tamén contempla levar a cabo actuacións de sondaxe en fincas privadas próximas co permiso dos veciños. Trátase, apuntan os responsables da campaña, de abrir novas áreas de escavación e posible musealización.

A intervención que se leva a cabo en Armea ten carácter de curso arqueolóxico, participando nela 14 alumnos e alumnas, entre eles estudantes en réxime de prácticas da Facultade de Historia do campus de Ourense, seleccionados entre as 150 solicitudes recibidas pola organización e procedentes de estudantes de boa parte das universidades de España e tamén do estranxeiro. Ademais do equipo técnico que participa na campaña e dos estudantes, o Concello de Allariz achega á intervención catro obreiros municipais que levan a cabo tarefas de apoio, entre eles dous canteiros. Os traballos da campaña teñen lugar pola maña e pola tarde os participantes realizan prácticas de traballo de laboratorio, aprendendo o tratamento básico do rexistro de materiais arqueolóxicos. Tamén se levan a cabo saídas para visitar xacementos da contorna.

Co obxectivo de facer partícipe á sociedade dos traballos que se realizan, as persoas interesadas en achegarse ao xacemento, especialmente os veciños e veciñas da zona, están convidados a facelo, sendo guiadas no seu percorrido por membros do equipo que realiza a campaña. Como peche da intervención, adianta Adolfo Fernández, están traballando na organización dunha visita teatralizada ao xacemento que permita dar a coñecer dun xeito divulgativo a historia deste enclave do Concello de Allariz.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.