Frederic Chopin / Manuel Vázquez Caruncho.

Frederic Chopin / Manuel Vázquez Caruncho.

Brañas e Vázquez, os galegos que descubriron a epilepsia de Chopin

Dous médicos do hospital de Lugo investigaron a doenza do xenial compositor polaco baseándose nas súas alucinacións

Máis de 150 anos despois da morte de Frederic Chopin, coñeceuse a causa do seu falecemento grazas á rocambolesca historia do seu corazón. Uns investigadores polacos revelaron que morreu por unha pericardite causada a raíz da tuberculose que padecía. Pero antes deste achado, dous médicos lucenses xa desvelaran outro feito importante sobre a vida do xenial compositor polaco. O radiólogo Manuel Vázquez Caruncho e o neurólogo Francisco Brañas diagnosticaron que Chopin tiña epilepsia.

As obras que falan da vida de Chopin contan varios episodios de alucinacións, que moitos asociaban á súa especial sensibilidade, plasmada nas obras maxistrais que compuxo. Naquel momento, aínda non estaba descrita a epilepsia, algo que faría o médico inglés J. H. Jackson anos despois da morte do pianista polaco. Atando fíos, estes dous galegos concluíron que o que realmente tiña Chopin era epilepsia, e así o contaron nun artigo publicado en Medical Humanities.

O doutor Vázquez Caruncho chegou ao asunto grazas á súa paixón pola música. “Son un gran aficionado á música e, en particular, á obra de Chopin. Ao ler ás súas biografías, chamoume á atención que era un enfermo crónico, e non puiden subtraerme polo feito de ser médico”, conta.

Vázquez estudou as cartas e biografías do autor e os libros de George Sand

Interesado pola historia da Medicina, e por como a enfermidade condiciounou a vida persoal e profesional de Chopin, Vázquez Caruncho púxose a investigar. Mergullouse nas biografías e as cartas escritas polo autor, e no libro Histoire de ma vie, de George Sand, a amante do músico. Non atopou ningún estudo científico que falase en concreto daquelas alucinacións de Chopin, aínda que si había “moitas referencias” a elas nas fontes consultadas.
Por tanto, Caruncho marcouse como obxectivo “tratar de xustificar algo que lle pasaba a Chopin e separalo da fantasía, da crenza de que se debía á súa sensibilidade especialmente acusada”.

Para o diagnóstico, Vázquez Caruncho fixo “o que todo médico fai cando ten a un enfermo diante”. Neste caso, “é obvio que nin se pode preguntar nada a Chopin, nin a ninguén que o coñecera, nin se lle pode explorar ou facer alguna proba complementaria, pero as referencias que tanto el como outras persoas que o coñeceron fan das súas alucinacións foron a base do artigo”, explica o radiólogo galego. Por tanto, coas debidas precaucións, “é moi difícil asegurar a enfermidade dunha persoa que morreu en 1849″; pero, non en tanto, “nós cremos que é unha explicación plausible para as súas alucinacións, e no artigo facemos un diagnóstico diferencial bastante amplio”.

Os episodios de alucinacións

Entre os episodios, estudados, o médico lucense destaca tres “moi relevantes“. O primeiro aconteceu en Valldemossa, na serra da Tramuntana da illa de Mallorca, onde Chopin pasou varios meses intentando curarse da tuberculose. “Chovía, e George Sand e os seus fillos tardaron en chegar á cartuxa. Ao chegaren, o músico estaba sentado no piano, e cando o viron, estaba pálido, e dixo, coa mirada perdida e un ton de voz raro: ‘Sabía que estabades mortos’. El cría estar morto nun lago, e que lle caía auga enriba”.

Outra alucinación tivo lugar en Manchester, “cando tivo que interrumpir o concerto – estaba curiosamente tocando a súa sonata nº2, “Marcha fúnebre” – porque saían do piano os demos que vira en Valldemossa.

O terceiro episodio foi cunha alumna súa, Madame Müller, que “describiu como Chopin ficou absorto, noutro mundo, mentres tocaba o piano. Cando a súa servente lle deixou unha carta, deu un berro, deixou de tocar e ficou arrepiado. O que Madame Müller consideraba ‘imposible’, viunos cos seus propios ollos”.

Cando obtivo todas as evidencias, Caruncho comentou co neurólogo Francisco Brañas a idea do seu artigo, e unha vez redactado o texto, ambos doutores discutiron e matizaron o traballo grazas aos coñecementos de neuroloxía de Brañas. E chegaron a unhas conclusións bastante claras.

Así foi como dous médicos galegos descubriron que o célebre Chopin tiña epilepsia.

Podes consultar o artigo publicado en Medical Humanities na seguinte ligazón.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.