Un buque inglés de 32 canóns similar á fragata Lively que loitou en Vigo.

Un buque inglés de 32 canóns similar á fragata Lively que loitou en Vigo.

Dous escoceses na Reconquista de Vigo

Os capitáns George Mckinley e Coutts Crawford, foron decisivos na batalla contra Napoleón coas fragatas Venus e Lively

En 1809, a loita de Galicia contra a ocupación napoleónica contou coa axuda das forzas británicas.  A presenza daquel exército comezou en xaneiro coa evacuación pola Coruña do xeneral Moore e a batalla de Elviña. Pero logo foi Vigo a primeira praza forte de Europa en ser reconquistada tras unha ocupación por forzas de Bonaparte. E dous escoceses foron clave neste episodio que se festexa cada 28 de marzo.

Porque os mariños James Coutts Crawford e George McKinley, comandantes das fragatas ” Venus” e “Lively”, ofreceron unha axuda decisiva para a Reconquista. O de maior rango era McKinley, que daquela contaba 49 anos e mandaba unha fragata xa lendaria, a “Lively“, un prototipo que foi replicado en décadas sucesivas.

Plano de construción da fragata británica Lively.

Plano de construción da fragata británica Lively.

McKinley tivo longa vida na Royal Navy, pois se enrolou por primeira vez aos 13 anos e chegaría a alcanzar o título de vicealmirante en 1841, cando xa era un octoxenario. A fragata, pola súa banda, non sería tan lonxeva. Un ano despois da Reconquista, en 1810, embarrancaría na illa de Malta e remataría por afundir. Só estivera en servizo seis anos. Pero o seu modelo, bautizado “Clase Lively“, continuaría chegando a construirse quince barcos idénticos tras o seu afundimento.

Coutts Crawfor comandou varios buques na Guerra de Independencia dos Estados Unidos

McKinley axudou aos sublevados con armas e víveres, e empregou os canóns do seu buque para disparar contra os franceses no asalto ás murallas de Vigo na noite do 27 de marzo de 1809. Tamén tivo un papel protagonista para mediar entre as forzas viguesas, chegando a evitar que o militar Pablo Morillo fusilase a outro líder rebelde, Joaquín Tenreiro Montenegro, horas antes do episodio da porta da Gamboa no que Cachamuíña logrou abrir unha vía de entrada á vila viguesa. O capitán escocés interpúxose nas disputas entre ambos os dous líderes e logrou evitar a barbarie desembarcando da ” Lively”.

O capitán escocés foi tamén un activo informador de Londres. Consérvanse os seus relatos dirixidos ao Almirantado sobre a Reconquista ou a batalla de Pontesampaio, ademais da Batalla de Lemos, en maio de 1809.

James Coutts Crawford, fillo do capitán escocés.

James Coutts Crawford, fillo do capitán escocés.

Pola súa banda, Coutts Crawford alcanzou menos rango na Royal Navy, pero tivo unha vida máis apaixonante. O noso heroe naceu na localidade escocesa de Dundee. O seu pai chamábase James Crawford, pero el conservou o apelido materno porque a súa nai era dunha familia moi influente. Hellen Coutts era prima dos fundadores da Banca Coutts, entidade financeira que segue existindo na actualidade como banca privada de elite.

Con só 14 anos, James Coutts Crawford comezou navegando na mariña mercante, que comerciaba entre Inglaterra e Virxinia. En 1777, con só 17 anos, enrolouse na Armada e foi destinado a América, onde viña de estourar a Guerra da Independencia dos Estados Unidos. En pouco tempo, tivo barco propio. Comezou no HMS Vigilant, pero deseguido lle deron o mando do HMS Fowley, un modesto 20 canóns, co que participou nos asedios de Savannah e Chesterton. Máis tarde, capitanearía o HMS Providence.

Tras da guerra en América, Coutts Crawford regresou a Inglaterra. Coa súa adquirida boa fama, foi destinado como oficial ao buque insignia británico, o HMS Britannia, un colosal 100 canóns. E foi enviado a combater ao Gran Asedio de Xibraltar de 1782. Era a terceira vez en que España tentaba retomar o Peñón, algo que case lograra tras o segundo asedio, en plena Guerra da Orella de Jenkins.

Pero tampouco nesta ocasión tiveron éxito os españois. E Coutts Crawford encargouse diso, comandando buques como o HMS Repulse ou o HMS Helena.

Tras Xibraltar, o capitán escocés pasa uns anos en terra, ata que é de novo chamado ante o conflito derivado da Revolución Francesa. Primeiro, foi oficial a bordo dos 100 canóns Queen Charlotte. E, logo, capitán do pequeno bergantín HMS Childers, dentro da Frota da Canle da Mancha.

En certa refrega, foi feito prisioneiro polos franceses, e liberado en 1797. A súa valentía levouno a ser nomeado capitán de navío en 1802, sete anos antes da Reconquista de Vigo. En 1808, atopámolo comandando o HMS Campión, na costa de Andalucía. E, finalmente, en 1809 asume o mando da fragata Venus, que chega a Vigo días antes da Reconquista e intervén decisivamente nela.

Asedio de Xibraltar.

Asedio de Xibraltar.

Tras a vitoria en Vigo, que lle valeu importantes mencións e o título de cabaleiro, foi destinado ás Indias Orientais. En 1811, comandando o HMS Húsar, participaría na invasión de Xava.

James Coutts Crawford morreu en Liverpool en 1828, á idade de 67 anos tras unha vida chea de aventuras.

Estes dous escoceses, Coutts Crawford e McKinley, tiveron un papel fundamental na Reconquista de Vigo en 1809. Así o escribía o diario The Times na súa portada do 14 de abril daquel ano: “O noso entusiasmo increméntase ao considerar que unha forza naval británica xogou un honorable papel na rendición de Vigo; e confiáronnos a salvagarda e custodia dos presos da guarnición capturados, que ascendían a mil trescentos homes”.

Así que dous escoceses tiveron un gran protagonismo na Reconquista de Vigo. Coutts Crawford e McKinley, coas súas fragatas ‘Lively‘ e ‘Venus‘ foron determinantes para a victoria sobre o exército e Napoleón.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.