Xoves 28 Marzo 2024

Dixitalizan o primeiro texto impreso en galego como obra independente

O Instituto da Lingua Galega (ILG), dependente da Universidade de Santiago de Compostela, puxo a disposición do público, a través da súa páxina de internet, o novo corpus lingüístico Gondomar, un conxunto de textos galegos da Idade Moderna. Nel reúnese a produción de texto escrito en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII.

Ademais de incluír algúns textos descoñecidos ata o momento, incorpórase como peza destacada o Entremés al feliz y real parto de nuestra Reyna, composto en 1707 por Salvador Francisco Roel, que é o máis antigo texto impreso en lingua galega publicado como obra independente.  O texto, descuberto por Julio Rodríguez Montañés e editado, lematizado e etiquetado por Rosario Álvarez e Ernesto González Seoane, está enmarcado na Guerra de Sucesión española e foi composto para celebrar o nacemento do primoxénito de Filipe V e María Gabriela de Savoia, que reinaría brevemente como Luís I

Publicidade

O proxecto Gondomar, dirixido por Ernesto González Seoane e Rosario Álvarez, ofrece unha multiedición de todos os textos que forman parte do corpus, que inclúe sempre dúas versións, unha transcrición paleográfica ou moi conservadora e unha edición interpretativa, con posibilidade de navegar entre unha e outra. Ademais, ofrécese tamén unha reprodución fotográfica dos textos orixinais ou das copias que serviron de base para a edición.

Por outra banda, todos os textos do corpus están lematizados e conteñen anotación morfosintáctica, o que multiplica as súas posibilidades de explotación a través da aplicación de busca. O proceso de edición, lematización e anotación dos textos realizouse a través da plataforma TEITOK, desenvolvida por Maarten Janssen, que é a que proporciona tamén as ferramentas de busca e explotación do corpus.

O proxecto, que contou co financiamento do Ministerio de Economía e Competitividade, seguirá ampliándose proximamente con novas achegas e está aberto á colaboración de cantos investigadores desexen participar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario