Xoves 18 Abril 2024

Revolución no estudo da conquista romana: atopan tres novos campamentos

Unha avalancha de descubrimentos que podería revolucionar a visión sobre a conquista romana do noroeste peninsular, despois dos traballos arqueolóxicos que sacaron á luz o campamento de Penaparda (A Fonsagrada), os asentamentos descubertos entre Galicia e Asturias, e outros anteriores entre as localidades de Sarria e Láncara. Agora, a revista Gallaecia da USC publica esta semana o achado de novos enclaves: ademais do de Penaparda, amosan tres campamentos en Pol, Manzaneda e Petín, segundo informa o grupo de investigación Romanarmy.

O artigo, titulado Hallazgos arqueológicos recientes para el estudio de la presencia militar romana en el oriente gallego e asinado polos investigadores José Manuel Costa-García, João Fonte, Manuel Gago Mariño, Andrés Menéndez Blanco e Valentín Álvarez Martínez, remarca que con estes descubrimentos “confírmase a activa presenza militar romana no territorio da actual Galicia, e o seu achado permite afondar no proceso de conquista por Roma destes territorios”. Engaden que desde 2011, cando se coñeceu a existencia do campamento da Recacha, en Navia de Suarna, documentáronse, de forma total ou parcial, ata 17 asentamentos militares. A estes habería que engadir, segundo sinala, os xa coñecidos fortes altoimperiais da Cidadela, en Sobrado dos Monxes, e Aquis Querquennis, en Bande.

Publicidade

Segundo informan os investigadores de Romanarmy, estes novos campamentos revelan a dispersión das operacións militares romanas por todo o territorio e o movemento das tropas, “aínda que non sexa posible determinar aínda as direccións de marcha nin as misións que afrontaban”.

Estes son os tres novos asentamentos dos que se dá conta no artigo publicado na revista Gallaecia.

Monte de Ventín

O recinto de Monte de Ventín. Visualización LiDAR. Fonte: romaarmy.eu.
O recinto de Monte de Ventín. Visualización LiDAR. Fonte: romaarmy.eu.

O enclave situado no municipio de Pol ten 13,55 hectáreas e puido chegar a acoller máis de 8.000 soldados, polo que sería un dos máis grandes do noroeste da Península. Está preto do castro de Viladonga e ten forma de naipe irregular.

Penedo dos Lobos

O recinto de Penedo dos Lobos. Fotografía aérea. Fonte: romanarmy.eu.
O recinto de Penedo dos Lobos. Fotografía aérea. Fonte: romanarmy.eu.

Localizado no concello de Manzaneda, podería ser un dos recintos militares romanos mellor conservados na Península Ibérica ata a data. Está a máis de 1.500 metros de altitude, moi preto da estación de esquí. Ten unhas 2,4 hectáreas de superficie, polo que caberían arredor de 1.500 homes. Conserva as catro portas de entrada e está construído cun parapeto pétreo, un dos poucos exemplos deste tipo na Península.

Cabeza do Pau

O recinto de Cabeza de Pau. Visualización LiDAR. Fonte: romanarmy.eu.
O recinto de Cabeza de Pau. Visualización LiDAR. Fonte: romanarmy.eu.

Destaca tamén pola súa altitude (a máis de 1.200 metros). Está no concello de Petín, entre as parroquias de Mones e Santoalla do Monte, e dispón tamén dun parapeto de pedra, na cima dun monte e dominando todo o entorno. O antepeito delimita un área de 11 hectáreas, pero apúntase a que a superficie útil de acampada podería ser moito menor.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña