O sultán Haffid, paseando en coche. Foto: BNF.

O sultán Haffid, paseando en coche. Foto: BNF.

Cen anos da estrambótica visita do sultán Haffid

En 1918, Mulay Haffid e o seu séquito percorreron Galicia vivindo a todo trapo e deixando escenas surrealistas

Todo eran nervios en Vigo o luns 26 de agosto de 1918. Porque ese día se presentou na cidade o sultán Mulay Haffid, Gran Comendador dos Crentes de Marrocos. Chegou acompañado do seu séquito, que incluía un doutor persoal, seis axudantes e un paxe saltimbanqui, que facía números acrobáticos cando o seu xefe o requería. Cualificado como “simpático” e mesmo “bromista”, comentábase tamén a súa fama de “mullereiro”. Á que contribuíu a presenza da súa “terapeuta privada”, a “masaxista madrileña Señora Rebolledo”, que non se separaba del.

A Barcelona, pouco antes, chegara cun elefante, como agasallo á cidade. Así que en Vigo había grande expectación coa súa visita.

O sultán Haffid.

O sultán Haffid.

O sultán veu por uns días e quedou máis dun mes. Ao alcalde de Vigo, regaloulle unha daga de ouro e marfil. O Concello ofreceulle unha cea de gala no pazo da Pastora. Visitou Mondariz e a illa de San Simón. E, en resumo, Mulay Haffid, antepasado directo do actual rei de Marrocos, Mohamed VI, converteuse no turista máis buscado durante varias semanas.

En realidade, o sultán xa non era sultán. Polo menos, oficialmente. Seis anos antes, en 1912, renunciara ao seu cargo para vivir no exilio europeo, despois de que Marrocos quedara baixo protectorado francés. O cargo duráralle catro anos, desde que, en 1908, derrocou ao seu irmán, o sultán Abd al-Aziz coa axuda do bajá de Marrakech.

Con todo, o interior do país rebelouse e Mulay Haffid non tivo outro remedio que pedir axuda a Francia. O xeneral Moinier, con 23.000 soldados, liberouno en 1911 cando estaba cercado en Fes. A cambio, o país quedou en mans dos galos, que deixaron a España outro protectorado en Tetuán.

Durante o seu mandato, contábanse do sultán Haffid as máis terribles crueldades. Aos seus inimigos, botábaos aos leóns que criaba nun recinto do seu palacio. É seguro que polo menos o caudillo rifeño Rogí foi devorado polas feras.

Pero, en 1918, cando chega a Galicia, o carácter do sultán semella moi cambiado. Agora é un exótico personaxe da vida social. Que viaxaba sempre acompañado do seu séquito, ocupando varios luxosos automóbiles.

O sultán pasou dúas semanas en Mondariz, onde causou sensación

As revistas marabillábanse coas súas vestimentas: “Leva gorro turco, é alto, recio, corpulento, dunha cor morena moi acentuada e de mirada dura e dominadora”. Era tamén poeta e publicou numerosos libros. Din que quixo modernizar Marrocos, aliándoo co Imperio Otomán. Pero fracasou e foi o último sultán independente, ata que abdicou no seu irmán Yusuf, bisavó do actual rei, Mohamed VI.

A Galicia chegou de turismo. En Vigo, o gobernador militar, o xeneral Fontana, encargouse do recibimento. Foi trasladado ao monte do Castro para contemplar as vistas da baía. E déronlle un paseo pola Alameda, entre os aplausos dos vigueses, vencidos pola curiosidade de ver a un señor tan exótico.

Acompañado do seu séquito, aloxouse no hotel Moderno, na Porta do Sol. Ao día seguinte, foi recibido na casa consistorial e visitou o Hospital Municipal, onde o corpo médico, presidido polo doutor Pérez Vioque, ofreceulle “un té moruno”.

En correspondencia, Mulay Haffid entregou, como obsequio á cidade, un puñal morisco enteiramente fabricado en ouro e marfil. Descoñécese onde remataría un presente que non se pode atopar no Museo de Castrelos nin nos depósitos municipais.

Pola noite, o sultán participou nunha festa ofrecida polo concello no pazo da Pastora. Alí foi a gran sensación da sociedade elegante viguesa. Nada se conta nos xornais, pero no diario “La Vanguardia” duns meses antes, atopamos unha crónica da súa estadía previa en Barcelona. Que pode retratarnos a impresión que produciu Mulay Haffid en Vigo: “As señoras católicas convidan a Hafid para que asista ás súas festas (e quen sabe se esperan a súa conversión!), sinalándolle sitio de honra entre elas; no teatro enfócanlle os binoculares femininos, agasállanlle os homes notables, festéxanlle con cancións as artistas, e, por último, na prensa —xa o vedes,— todos os cronistas poñémonos dacordo para encomialo, téndoo polo noso amigo, ponderando as súas accións e testemuñándolle a nosa desinteresada e entusiasta adhesión”. Como vemos, os xonralistas da época executan co sultán Haffid unha obra mestra do servilismo.

Na Coruña, o sultán aloxouse no luxoso hotel Palace, nos Cantóns

O díxomedíxome do seu séquito era a “terapeuta privada” que o acompañaba, que o “Diario de Galicia” desa data identifica como “a masaxista madrileña Señora Rebolledo”. Esta muller non se separaba nunca do sultán Haffid.

Tras a gran acollida en Vigo, o sultán Haffid desprazouse ao balneario de Mondariz, para tomar as augas. Alí deixou fonda pegada e as crónicas falan de que os distinguidos clientes do Gran Hotel rifaban por estar preto do exótico ex mandatario.

Dúas semanas máis tarde, o sultán Haffid fai unha visita turística á illa de San Simón, acompañado das autoridades locais. E, finalmente, desprázase coa súa comitiva de automóbiles cara ó Norte, para coñecer o resto de Galicia. Así sabemos que fixo escala en Pontevedra, onde tamén lle dispensaron un grande recibimento. Máis tarde, recalou en Compostela e, finalmente, na Coruña, onde se aloxou no hotel Palace, un soberbio establecemento situado nos Cantóns, que contaba con 50 luxosas habitacións dotadas con cuarto de baño. Na súa sempre animada terraza, diante do obelisco, o sultán Haffid veía pasar a vida coruñesa, mentres os próceres da cidade acudían a festexalo.

Agás a daga de ouro e pedras preciosas que deixou en Vigo, non sabemos doutros agasallo do sultán Haffid en Galicia. Cando menos, non trouxo un elefante, que foi o agasallo que entregou en Barcelona. E coñecemos que logo seguiu o seu camiño cara a Covadonga, Santander e Donosti. Hai agora un século da singular visita do sultán, antepasado do actual rei de Marrocos Mohamed VI.

2 respostas a “Cen anos da estrambótica visita do sultán Haffid”

  1. Gondisalvo

    La desaparición de la daga. Quizás el alcalde? El jefe de la policía? Un concejal avispado…y ladron? Quizá Leri ? Caballero?,Lenoir o, que bajó de Coruña a expoliar, o el otro… Vázquez? . O posiblemente Caballero, el Gran y Único Lider?

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.