Castelao

Castelao construíu a súa identidade icónica a través da caricatura

Lentes redondos, traxe, sombreiro de ala ancha, paxarela e cigarro, os elementos da súa icona

Lentes redondos tralos que non se poden ver os ollos, sombreiro de ala ancha, traxe, paxarela e cigarro. Estes elementos definen unha icónica imaxe de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao que continúa a ser amplamente recoñecida na actualidade. Unha “identidade icónica” que el mesmo construíu coas súas autocaricaturas de xeito intencionado. “Castelao era consciente de que a utilización recorrente duns cantos símbolos facilmente identificables posibilitaba un recoñecemento instantáneo da súa persoa, facéndoa se cabe máis popular”, sinala a profesora da Facultade de Belas Artes Susana Cendán nun artigo que vén de publicar na revista Quintana, que edita a Universidade de Santiago de Compostela, e no que vincula este proceso de construción dunha “imaxe pública recoñecible” por parte do político, escritor e artista, “cun compromiso de carácter ético”. O seu obxectivo, sinala, “era amosarse non só como un intelectual responsable, senón como un home de acción cuxa imaxe, ao ser recoñecida, reactivase a unha poboación aletargada”.

Susana Cendán.

Susana Cendán.

Autor de abondosas caricaturas, Castelao “gozaba na Galicia dos anos 20 dunha extraordinaria popularidade”, que el mesmo contribuíu a acrecentar co uso reiterativo nos seus autorretratos dunha “serie de adornos” que, ao tempo que o identificaban como parte dunha “elite creativa e intelectual”, tamén contribuían a facelo unha figura recoñecible por un amplo espectro da poboación. De aí que Cendán conclúa que este “proceso de construción dunha imaxe pública recoñecible” non debe ser entendido “como unha simple estratexia de marketing”, xa que o seu propósito era utilizar ese recoñecemento da súa figura “para transmitir valores”, como conclúe nun estudo que formou parte do proxecto de investigación, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad, Castelao, obra gráfica. La construcción de un discurso estético, político y social transoceánico (1910-1950), que dirixiu a catedrática María Victoria Carballo Calero, que propuña traballar sobre textos, imaxes e outras serie de materiais que fan de Castelao “un autor fundamental no marco do debuxo e da caricatura, así como do humorismo gráfico a nivel europeo”, así como afondar nas achegas que este material supuña como “fonte de información sobre a estrutura social galega e a linguaxe popular“, fundamentais, segundo explica a coordinadora do proxecto, “á hora de elaborar un discurso político e social”.

“Castelao gozaba na Galicia dos anos 20 dunha extraordinaria popularidade”

“Castelao foi estudado desde múltiples puntos de vista, pero tal vez nunca dende a construción da súa propia identidade utilizando como punto de partida símbolos relacionados coa súa indumentaria e un certa actitude que se manifesta de xeito explícito nas autocaricaturas”, sinala Cendán, que, despois de analizar diferentes publicacións sobre a traxectoria deste “creador polifacético” e entrevistarse con “persoas que o coñeceron indirectamente”, centrou a análise recollida no artigo Auto caricaturas de Castelao. La construcción de una identidad icónica en 13 caricaturas que lle permitisen estruturar unha secuencia.

Castelao 3

Trátase, como sinala “dun material gráfico moi valioso que nos permite achegarnos a el dun xeito próximo” e que ao mesmo tempo fixo posible “a creación dunha icona” que perdura no tempo. “O seu legado é incuestionable, pero tamén o é que a imaxe que creou de si mesmo facilitou a difusión dese legado entre un público maioritario”, salienta Cendán, que ve nesta construción dunha identidade icónica “un xeito de amosarse publicamente que, en certa maneira,conecta con estratexias utilizadas por certos artistas contemporáneos”.

“Penso que, nun comezo, Castelao divertíase auto caricaturizándose. De feito,hai unha grande diferenza entre as primeiras caricaturas e as seguintes”, sostén Cendán, que recolle neste estudo as diferenzas entre as primeiras caricaturas e as que o autor realiza na década de 1930, nas que a súa propia pose “transmútase, facéndonos partícipes dun estado de ánimo caracterizado pola desmoralización e o desalento”.

Así, os primeiros retratos “desvelan a un artista incipiente cuxo estilo está aínda por definir e cuxa temática roza a inxenuidade, polo anecdótico dos contidos”, ao tempo que xa se observa neles “o xerme do futuro Castelao”, a través de elementos como o traxe ou as súas características gafas. Será o retrato que realiza para o diario madrileño La Tribuna, en 1912, o que marque “o punto de inflexión dunha imaxe persoal contundente e sen concesións ao anecdótico”. Castelao “sintetiza a súa apariencia, reducíndoa case ao esencial”, renunciando desde entón “a todo aquilo que provoque a risa espontánea, para amosarse non só como un creador con estilo propio, senón como un observador crítico da realidade”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.