Nova de primeira páxina de El Pueblo Gallego do 29 de abril de 1963.

Nova de primeira páxina de El Pueblo Gallego do 29 de abril de 1963.

Caso metílico: o licor café que provocou unha matanza

Ata 5.000 persoas morreron ou quedaron cegas en España pola fraude do alcohol de Vigo e Ourense en 1963

O metílico foi a licor café, herbas, ron...

O metílico foi a licor café, herbas, ron…

Unha soa copa de licor café mataba ou deixaba cega a unha persoa. A cifra oficial foi de 51 mortos. Pero a realidade é que houbo centos, seica milleiros de envelenados. O chamado “caso do metílico” converteuse, en 1963, na maior crise por intoxicación pública do franquismo. Un distribuidor de Ourense e as adegas Rosol, da Coruña, e Lago, de Vigo, repartiron por España 75.000 litros de alcohol metílico, un veleno para o ser humano que tiña como finalidade real ser combustible para avións. Convertido en ron, augardente ou vinagre, a pezoña chegou mesmo a Nova York, onde aquel ano morreron 31 vagabundos intoxicados. As penas para os implicados alcanzaron os 17 anos de cadea. Pero non cumpriron máis de seis. E, ao declararse insolventes, ningunha das súas vítimas cobrou unha indemnización. Medio século máis tarde, o “caso do metílico” amosa como unha mestura de ignorancia e cobiza desencadeou unha traxedia.

É posible que Rogelio Aguiar Fernández, empresario do alcohol ourensán, non soubese diferenciar C2H6O (etanol) de CH4O (metanol). Pero os 70.000 litros en garrafas que adquiriu nun almacén en Madrid non daban lugar a erro: caveiras, tibias cruzadas e un rótulo ben claro: “Tóxico. Non apto para consumo humano”. Non obstante, o veleno custaba 9 pesetas por litro e o alcohol etílico, 30. Así que decidiu rebaixalo con auga, confiando en lucrarse sen prever os seus efectos. Co líquido engadido, rematou distribuíndo 120.000 litros de pezoña letal.

Para distribuílo, Aguiar Fernández contou coa colaboración da adega viguesa Lago e Hijos, dirixida por Román Rafael Saturno Lago Cabral e o seu fillo Román Gerardo Lago Álvarez. Como quedou demostrado no xuízo, ambos os dous coñecían que estaban a vender metílico. Pero distribuírono sen dúbidas por toda España.

Houbo mortos en Galicia, Canarias, Sáhara e mesmo mendigos en Nova York

As primeiras mortes rexistráronse moi lonxe de Galicia: en Lanzarote. Esteban Barreto Barreto morreu na mañanciña do 18 de febreiro de 1963, tras tomar unhas copas de ron nun bar, entre fortes dores abdominais, vómitos e unha súbita cegueira. Quince días despois, falecía María Dolores Zerpa, cos mesmos síntomas. Pouco despois, os pescadores Santiago Betancor e Tomás Pereda.

Estas catro persoas quedaron cegas e logo morreron. A farmacéutica da vila, Elisa Álvarez, alarmada polas mortes, sospeitou que todas estaban relacionadas cunha adega do pobo, onde todos acudían regularmente. Por iniciativa propia, analizou os licores que consumiran e determinou que o veleno era o alcohol metílico.

A fórmula do metílico.

A fórmula do metílico.

Aínda que a farmacéutica deu a voz de alarma, as mortes sucedéronse. Contabilizáronse oficialmente 18 falecidos en La Gomera e Tenerife. Todos, polo alcohol que lles vendera a adega viguesa Lago e Fillos.

En Galicia, as primeiras mortes atribuíronse a un brote de meninxite. Noia, Laxe, ou Carballiño… durante meses houbo un goteo incesante de falecidos por envelenamento. O franquismo silenciou os casos.

“Trataron de ocultalo, explica o director Emilio Ruiz Barrachina, que asinou o documental “Metílico, a bebida da morte”, con guion do xornalista Fernando Méndez.

O número real de mortes foi manipulado, como denunciou o fiscal do caso durante o xuízo. Considérase imposible que tanta cantidade de alcohol metílico só matase a 51 persoas. Fálase de centos ou miles de afectados, se inclúen os que quedaron cegos. O fiscal calculou que deberon superar os cinco mil.

“O metanol absórbese e metabolízase no fígado creando ácido fórmico e formaldehido. O primeiro provoca problemas dixestivos e síntomas de embriaguez, como unha intoxicación etílica, e o formaldehido ataca á retina e causa a cegueira. A morte sobrevén porque unha vez absorbido pasa rapidamente aos órganos e pode provocar un coma”, explicou en recente entrevista á axencia SINC Rosario Moyano, catedrática de toxicoloxía da Universidade de Córdoba.

Hai libros, un guion de cine, un documental e unha novela de Gloria Lago

Os culpables foron condenados a 17 anos de cadea. Pero non cumpriron nin seis. Procesóuselles por un delito contra a saúde pública, en lugar de por homicidio imprudente. O xornalista Fernando Méndez cre que a cualificación foi outra forma de agochar o caso.

Méndez publicou en Galaxia o libro “Historia dun crime: O caso metílico” (1998). Ademais, o cineasta Ignacio Vilar quixo facer unha película baseada no seu libro. O título era “Metílico, a bebida da morte” e tería como actores a Juanjo Puigcorbé e María Pujalte. Pero o proxecto non foi adiante.

O documentalista Emilio Ruiz Barrachina fixo logo un documental. E, en marzo de 2013, Méndez publicou unha nova versión sobre o caso, con “Metílico, 50 anos envelenados” (Sotelo Blanco).

Unha achega dende outra perspectiva foi a novela asinada en 2009 por Gloria Lago, entón presidenta da asociación Galicia Bilingüe. Neta dos bodegueiros Lago que distribuíron o alcohol velenoso, quixo con “El reloj de cuco” reivindicar a imaxe da súa familia.

Dende a outra parte da traxedia, familiares dos afectados intentaron en 2013 que se reabrise o caso. Pero os seus intentos fracasaron. O caso metílico, unha das maiores traxedias alimentarias da historia de España, caeu no esquecemento. C2H6O fronte a CH4O. Un episodio de ignorancia, cobiza e falta de escrúpulos que rematou nunha matanza.

Nova sobre o metílico en El Pueblo Gallego.

Nova sobre o metílico en El Pueblo Gallego.

4 respostas a “Caso metílico: o licor café que provocou unha matanza”

  1. Xosé María

    Un par d precisións
    1. “A farmacéutica da vila…” De q vila? Lanzarote é unha illa! Un pouco d rigor. Elena Álvarez era farmacéutica TITULAR ou Inspectora Farmacéutica Municipal (funcionaria, por tanto, ademais d boticaria propiamente) da localidade de Haría, no norte d Lanzarote

  2. André

    O primeiro ataque da familia de Gloria Lago foi máis mortífero que o que fai hoxe en día vía Galicia Bilingüe ao galego:

    “Para distribuílo, Aguiar Fernández contou coa colaboración da adega viguesa Lago e Hijos, dirixida por Román Rafael Saturno Lago Cabral e o seu fillo Román Gerardo Lago Álvarez. Como quedou demostrado no xuízo, ambos os dous coñecían que estaban a vender metílico. Pero distribuírono sen dúbidas por toda España.”

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.