Xoves 25 Abril 2024

Cando os dromedarios chegaban á muralla de Lugo

No tempo dos romanos, había dromedarios en Galicia. Chegaban en caravanas dende o Sur con mercadorías ata as propias murallas de Lugo. E, aínda que hoxe pensamos nos camélidos coma animais propios do deserto, hai dezaoito séculos era posible ver as súas xibas polas leiras e fragas da Gallaecia.

O asombroso descubrimento chega grazas as escavacións realizadas en Lugo na Domus do Mitreo, unha gran casa romana cun templo dedicado ao deus Mitra. Alí pareceron dúas vértebras dun camélido, moi probablemente un dromedario, no que constitúe o achado máis ao Norte destes animais realizado na península Ibérica.

Publicidade

Vértebras de dromedario atopadas en Lugo, do estudo de Fernández Rodríguez.
Vértebras de dromedario atopadas en Lugo, do estudo de Fernández Rodríguez.

Agora, o historiador Carlos Fernández Rodríguez, da Universidade de León, ultima un traballo para explicar a presenza de dromedarios en Galicia. E conclúe que estes animais chegaban coas caravanas dos mercaderes africanos.

O xacemento da Domus do Mitreo está datado entre os séculos II e III despois de Cristo. A casa estaba situada xunto á muralla, e no seu tempo practicábanse nela os ritos do mitraísmo, relixión oriental na que se facían comidas pantagruélicas, bebíase viño sen mesura e se sacrificaban animais, normalmente touros. Non se sabe se, nalgún destes ritos, alguén decidiu matar tamén un dromedario. Aínda que o investigador rexeita esta hipótese.

Na Domus do Mitreo facíanse sacrificios de animais nos ritos do mitraísmo

Fernández Rodríguez presentará o seu estudo no mes de febreiro, no campus de Lugo da Universidade de Santiago. O artigo científico aínda non está publicado. Na Domus do Mitreo atopouse a inscrición dun militar romano que semella o dono da casa e do templo: “Ao nunca conquistado divos Mitra, Gaio  Victor  Victorino,  centurión da Lexión VII  Gémina  Antoniana, devoto e leal, con moito gusto erixiu este altar en honra do posto de control militar de  Lucus  Augusti”.

O uso de camélidos polas tropas romanas non era nada raro. As lexións -como a cultura romana en xeral- tiñan unha formidable capacidade de adaptación ao medio. E cando avanzaron por África e por Oriente, incorporaron aos dromedarios como animais de carga.

Sabemos que Traxano, na súa campaña de 114 d.C contra os partos, tivo unha unidade formada por camélidos. E no 135 d.C. existía a I Ulpia Dromedarium, unha unidade con mil homes, con base en Siria, e dotada de dromedarios.

As lexións romanas movíanse con frecuencia e, nas súas viaxes, adoitaban levar as súas pertenzas consigo. Non é raro, polo tanto, que empregasen os dromedarios para transportar os seus enseres e mercadorías. A pegada destas caravanas de camélidos está moi estendida polo territorio do antigo imperio, ata o punto de que se teñen atopado restos de dromedarios na conca do Rin, na actual Alemaña.

Tamén na península Ibérica houbo outros achados, con restos similares en Alcalá de Henares (Madrid), Cartaxena (Murcia), Linares (Xaén), Astorga (León) e Xaén.

Ademais dos restos de  dromedarios, no solar da Domus de  Mitreo —ocupado, actualmente, polo edificio do Vicerreitorado da USC— tamén foron achados restos óseos doutras especies como coello, lebre, perdiz, galo, galiña,  ganso, gando vacún e xabaril así como de varios cabalos,  machos e burros.

Agora, o Campus Terra da Universidade de Santiago prepara a presentación en febreiro do completo estudo realizado polo profesor Fernández Rodríguez. Que nos axudará a saber dun tempo no que os dromedarios campaban tamén por Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Lugo será refuxio climático para as ‘árbores dinosauro’

O xardín botánico Arboretum participa nun proxecto internacional de conservación do coñecido 'piñeiro wollemi'