Xoves 18 Abril 2024

Un bebé de hai dous mil anos abre novas liñas de investigación na Lanzada

Cincuenta anos despois da aparición dos últimos restos humanos que se atoparon no castro da Lanzada, en Sanxenxo, o equipo de arqueólogos que traballa no lugar atopou en só dous días dous esqueletos separados por apenas seis metros de distancia e lonxe da zona da necrópole onde se concentraban ata o momento os anteriores achados.

Á espera de confirmación, os restos poderían datar do século I d.C.

Na mañá do luns deuse a coñecer a aparición dos restos dunha muller nova, que os encargados da escavación bautizaron como Cornelia. Segundo o responsable dos traballos, Rafael Rodríguez, o achado deste corpo “supón a confirmación da extensión da necrópole galaico-romana ata a área de ocupación, ao carón das vivendas”.  Está pendente agora o estudo dos restos para confirmar a súa antigüidade, para “determinar se pertence á etapa prerromana ou romana”, comenta Rodríguez. Os primeiros indicios apuntan, á espera da confirmación, a que os restos datan do século I despois de Cristo.

Publicidade

E case sen tempo para valorar a magnitude do primeiro descubrimento, a Deputación de Pontevedra anunciou esta mañá o descubrimento do esqueleto dun bebé duns catro meses de idade. Segundo a doutora Olalla López, da Universidade de Santiago, que tamén participa nos traballos que se están levando a cabo na Lanzada, o achado da criatura supón unha novidade desde o punto de vista antropolóxico, xa que se pensa que naquela época non se enterraban os menores dun ano.

Restos do bebé de catro meses atopado no xacemento. Foto: Depo.es.
Restos do bebé de catro meses atopado no xacemento. Foto: Depo.es.

Estes dous descubrimentos supoñen un importante pulo para a intervención arqueolóxica no Campo da Lanzada, un asentamento clave para coñecer a Idade de Ferro no noroeste peninsular. Os traballos comezaron o 20 de xullo e continuarán ata novembro, no marco dun acordo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento, que pretende triplicar a zona accesible da escavación e poñer en valor a área romana do recinto para datar con máis exactitude os restos atopados. Ata o momento xa se atoparon máis de 3.000 pezas da época romana, amais de desenterrar e consolidar estruturas romanas e castrexas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas