O mango da espada atopado en Ribadumia.

O mango da espada atopado en Ribadumia.

Atopan unha espada do século II antes de Cristo en Ribadumia

A peza ten o mango de ferro, algo raro en época castrexa, e os arqueólogos saben que este castro foi arrasado polo lume

Un equipo de Arqueoloxía da Deputación de Pontevedra vén de achar o mango dunha espada, tamén chamada puñal de antena, no xacemento galaico-romano do Monte do Castro, no concello de Ribadumia.

A peza ten como característica máis salientable o uso de ferro na empuñadura, un material que non é habitual, xa que adoitaban fabricar os mangos en bronce. Descoñécese de que metal estaba feita a folla, que podía ser construida con ferro ou con bronce.

A peza está datada “entre os séculos II ou I a.C.”, segundo asegurou na presentación do achado a presidenta da Deputación, Carmela Silva. “Podemos situar a súa cronoloxía por dúas razóns. Poruque se atoparon pezas similares desta época noutros xacementos como o de Santa Trega, no propio Monte do Castro –aínda que neste caso si que era do material habitual, o bronce– e tamén en escavacións antigas na Lanzada, nos anos 70, ou Castro Alobre, nos anos 50″. A segunda desas razóns, polo tanto, sería “o contexto no que se atopou esta espada, xa que estaba pegada ao muro dunha cabana”.

O descubrimento fíxose na parte alta do xacemento, chamada ‘croa’ ou ‘acrópole’, por un equipo de 15 persoas da Deputación de Pontevedra, xunto aos restos dunha antiga muralla deste castro de Ribadumia.

O Monte do Castro foi arrasado no século I d.C., non se sabe se por unha guerra

Estas actuacións forman parte do protocolo asinado entre a institución provincial e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia. En canto á musealización do Monte do Castro de Ribadumia, competencia única de Fomento, Carmela Silva informou de que a temática escollida pola empresa adxudicataria foi “A fin dunha cultura”, que contempla que “coa chegada de Roma ao noroeste aparecen novos costumes, novos recursos económicos, a sociedade transfórmase e a cultura galaica modifícase. No caso de Monte do Castro, esa chegada parece ademais que non foi pacífica, xa que un incendio levou por diante o xacemento a comezos do século I d.C. Non sabemos se foi o pobo romano quen o queimou, pero si que supón o final do lugar e posiblemente a fin desta cultura na zona”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.