Venres 29 Marzo 2024

Encontran o tesouro dos viquingos que arrasaron Galicia no século X

Harald Blåtand foi rei de Noruega e Dinamarca a finais do século X. E o seu tesouro, formado por máis de 600 pezas de prata, foi atopado mil anos máis tarde, o pasado mes de abril. O que resulta menos coñecido é que estamos a falar do caudillo dunha familia que arrasou Galicia na segunda gran ondada viquinga, na que os invasores saquearon Jakobsland (o nome que lle daban a esta terra) dende as rías galegas ata chegar aos montes do Courel.

Un rapaz de 13 anos deu coa pista do tesouro do rei Harald, atopando unhas antigas moedas na illa de Rügen, en Alemaña. Agora, un equipo de arqueólogos fixo o achado do tesouro. Rescatáronse máis de 600 pezas de prata do século X despois de Cristo, entre as que se atopan 100 moedas de Blåtand. Algunhas das pezas amosan gravadas cruces cristiás posto que este rei foi unha figura clave na conversión do pobo nórdico ao cristianismo.

Publicidade

Drakkar viquingo. Foto: H. Pereira. Galipedia.
Drakkar viquingo. Foto: H. Pereira. Galipedia.

Tamén entre as pezas atópase un dos símbolos máis representativos da fe viquinga, un Mjolnir ou martelo de Thor. Segundo os arqueólogos alemáns o achado en Rügen pode estar relacionado coa fuxida do rei Harald tras perder unha batalla fronte ao seu fillo Svend Tveskæg (barba partida).

Como curiosidade, o rei Harald Blåtand daría nome á tecnoloxía Bluetooth, cando a compañía Ericsson lle deu este nome en homenaxe ao antigo caudillo viquingo. Blåtand significa ‘dente azul’, ao igual que ‘Bluetooth’ en inglés.

Ata aquí a historia máis coñecida. O que resulta menos popular é que este tesouro, e esta familia viquinga, están íntimamente relacionados con Galicia. Porque foron eles os que protagonizaron a segunda grande ondada que arrasou o país a finais do século X.

Gunrod morreu cando embarcaba coas súas naves co tesouro saqueado en Galicia

A primeira incursión data dun século antes, cando en agosto de 844 unha primeira expedición, cando os nórdicos atacaron o Farum Brecantium, que adoita identificarse coa Torre de Hércules. A lenda di que o bispo Gonzalo conseguiu rexeitar aos invasores, desatando unha tempestade coas súas oracións.

Máis tarde, en 858, regresarían os viquingos, desta volta arrasando a ría de Arousa, Iria Flavia e poñendo sitio a Compostela, onde os veciños pagaron para que se levantase o cerco.

Volverían en 951 e 964. Nesta última visita atacarían Mondoñedo, sendo rexeitados polo bispo Rosendo de Celanova.

E así chegaríamos a segunda grande ondada viquinga, xa a finais do século X. Na que está implicada a familia de Harald Blatand. Porque, en 968, chega a Galicia un seu sobriño, chamado Gudrød ou Gunrod. Nas crónicas galegas aparece como Gunderedo.

viking

Desta volta, os viquingos estaban en Normandía e recibiron a suxerencia de conquistar Galicia, “esa terra tan rica da que tanto falan os peregrinos”. Gunderedo era sobriño de Harald Blatand e irmán de Harald Eirikson, alcumado ‘pel gris’, que chegaría a ser rei de Noruega ata ser sucedido polo seu tío Blatand, que unificou este reino co de Dinamarca.

Gunderedo chegou a Galicia con duascentas naves e do seu carácter temible fala o feito de ser fillo do rei Erico I, alcumado ‘Machada Sanguenta’. Parte dos invasores viquingos saquearon a ría de Arousa, mentres outros atacaban a diócese de Bretoña. En Santiago, o bispo Sisnando saíu ao seu encontro, pero non conseguiu detelos, morrendo na terrible batalla de Fornelos o 29 de marzo de 968 .

Co país rendido á ferocidade viquinga, os invasores saquearon Galicia enteira, chegando ata o Courel. Só en Lugo o bispo Hermexildo conseguiu contelos. Cando Gunderedo xa regresaba á súa terra, cargado cos tesouros saqueados, saíu ao seu encontro o conde Gonzalo Sánchez, que os derrotou, deu morte a Gunrod e conseguiu queimar parte das súas naves.

Non correría mellor sorte o irmán de Gunrod, o rei de Noruega Harald Eirikson, que morrería un ano máis tarde, en 970, nunha batalla en Jutlandia. O seu sucesor no trono noruegués sería o tío de ambos caudillos, Harald Blatand, que unificaría esta coroa coa de Dinamarca. Blatand é o famoso rei ‘Dente Azul’ que deu nome ao dispositivo Bluetooth e do que agora se ven de atopar o seu tesouro.

 

Máis información. Antes do tesouro de Harald Blatand, foi atopada a tumba doutro caudillo viquingo que arrasou Galicia: Ulf Galiciefarer (Ulf ‘O Galego’), dunha ondada posterior de ataques a Jakobsland.

cg17/atopan-tumba-ulf-o-galego-caudillo-viquingo-arrasou-galicia/

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.