Venres 29 Marzo 2024

Un estudo en 3D das moas de Atapuerca constata as semellanzas cos neandertais

O equipo de Antropoloxía Dental do Cenieh (Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana), centro que dirixe a galega María Martinón, particpou nun estudo internacional que analizou os molares inferiores da poboación do xacemento de Sima de los Huesos, en Atapuerca, atopando novos datos das súas semellanzas cos neandertais. A investigación, na que tamén traballaron científicos da University College de Londres, analizou 85 molares a través de microtomografía axial computarizada, o que permitiu obter seccións virtuais de gran resolución en tres dimensións.

Os resultados do traballo foron publicados na revista American Journal of Physical AnthropologyAta o de agora, as análises deste tipo baseábanse no uso de imaxes bidimensionais. Pero a aplicación de novas tecnoloxías, como micro TAC e programas de reconstrucción 3D como Amira, fixeron posible este primeiro traballo de morfometría xeométrica en tres dimensións.

Publicidade

María Martinón Torres é doutora en Medicina e Cirurxía pola USC e especialista en Antropoloxía. Imaxe: CENIEH.
María Martinón Torres é doutora en Medicina e Cirurxía pola USC e especialista en Antropoloxía. Imaxe: CENIEH.

“Cos resultados obtidos puidemos ratificar unha vez máis as semellanzas existentes entre a poboación da Sima de los Huesos e os neandertais e as diferenzas entre estes con respecto a Homo Sapiens“, explica María Martinón Torres. Con todo, aínda coas notables afinidades co Homo neanderthalensis, a poboación desta Sima presenta unha menor variabilidade intrapoboacional e exhibe algúns trazos aínda máis derivados que os propios neandertais.

O principal obxectivo dos autores, alén de revisar as hipóteses actuais que explican a orixe dos neandertais, foi comprobar a fiabilidade do modelo de acreción neandertal, que suxire que as características desta especie non se desenvolveron de xeito lineal e continuado, senón, pola contra, en diferentes épocas e ‘a saltos’.

“Os resultados favorecen a teoría dun escenario evolutivo máis complexo para o continente europeo durante o Pleistoceno Medio, coa coexistencia de diferentes poboacións e sen descartar a posible hibridación entre eles”, conclúe a galega María Martinón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os neandertais usaban ‘pegamento’ para fabricar as súas ferramentas

O descubrimento deste adhesivo, que supón unha solución técnica complexa, implica un alto nivel de cognición

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos