Os documentos desclasificados da CIA informaban sobre a guerrilla en Galicia.

Os documentos desclasificados da CIA informaban sobre a guerrilla en Galicia.

Así espiaba a CIA aos maquis do Exército Guerrilleiro de Galicia

Documentos desclasificados pola intelixencia dos Estados Unidos revelan informes sobre os 'fuxidos' galegos na posguerra franquista

A CIA contra o maquis. Informes desclasificados revelan que a axencia de intelixencia controlaba as actividades do Exército Guerrilleiro de Galicia (‘Guerrilla Army of Galicia’), ata o punto de identificar aos seus mandos, a súa organización territorial, operacións e o seu apoio exterior. Os documentos foron feitos públicos a comezos de 2017, a través do seu portal CREST (CIA Records Search Tool), entre outros miles de arquivos, nos que tamén hai outras referencias a Galicia como informes sobre as actividades políticas de Castelao tras a Guerra Civil ou as de Manuel Fraga durante a Transición.

Documento da CIA sobre Galicia.

Documento da CIA sobre Galicia.

O caso da guerrilla demostra que a intelixencia estadounidense estaba infiltrada ou tiña un bo acceso aos grupos de resistencia contra Franco. E que a loita nos montes galegos dos ‘fuxidos’ era espreitada polas autoridades.

A nota máis significativa titúlase ‘Instrucións do Partido Comunista á Guerrilla de Galicia‘ e está datada o 18 de xaneiro de 1949. Ao longo de tres folios, o informante da CIA comunica que o 5 de decembro de 1948 pasaron a Galicia desde Francia varios membros do PC para reorganizar ao maquis galego. Traen a directiva ‘106B’, pola que haberá un só xefe da ‘Guerrilla Army of Galicia’, asistido por tres axudantes. Ademais, para ‘maior efectividade’, formaranse sete grupos guerrilleiros, repartidos polo país. O Grupo Guerrilleiro 1 estará na provincia de Ourense; o 2, Pontevedra; o 3, cubrirá a costa norte de Pontevedra ata a Costa da Morte; o cuarto, o resto da Coruña e o quinto, Lugo. Haberá un sexto grupo nas montañas de Ancares e Asturias e un sétimo desde o Courel ao Padornelo, alcanzando ata o Bierzo.

En 1949, a CIA intercepta unha operación para reorganizar a guerrilla galega

Tamén se comina aos maquis ‘á eliminación dos elementos hostís ou perigosos á actividade da guerrilla”. E decídese intensificar os contactos coa poboación, para conseguir ‘axuda financeira para as familias dos guerrilleiros” ou ‘a custodia de armas, municións e alimentos’.

Outro informe da CIA, datado en xuño de 1949, revela como o Partido Comunista no exilio tiña desde Francia unha visión seica excesivamente optimista sobre a situación dos maquis en Galicia, que desde 1947 estaban a ser esmagados polo incremento das ‘batidas’ no monte e da represión franquista. Os axentes estadounidenses interceptan un documento con ordes do PC para que contacten con outras forzas republicanas de toda ideoloxía, incluíndo aos socialistas e ao ‘Galician Bloc’, para crear institucións clandestinas no país que desemboquen ‘no restablecemento da autonomía de Galicia, simultaneamente coa restauración da República e do Estado Democrático”. Era un obxectivo demasiado afastado da realidade.

Noutro documento de 1949, a CIA afirma que entrou clandestinamente en España armamento semipesado procedente de Checoslovaquia. “En Galicia é esperada con paixón a organización do Exército de Galicia”, conclúe a nota.

A situación das guerrillas antifranquistas nesa época estaba moi lonxe de tales obxectivos. Moi activas aínda durante a II Guerra Mundial, mesmo sabotando instalacións mineiras de wolframio controladas polo consorcio nazi Sofindus, tras o fin da contenda moitos caeron e a verdadeira misión da maioría dos guerrilleiros nos montes galegos non era outra que fuxir ou sobrevivir.

Guerrilleiros do maquis.

Guerrilleiros do maquis.

O máximo apoxeo guerrilleiro produciuse entre 1945 e 1947. Cando a CIA elabora estes informes, o maquis está en decadencia, vítima dunha auténtica cazaría nos montes galegos, ata que se cortan as súas liñas de comunicación e subministración, infíltranse axentes do franquismo e, en 1952, o PCE dá por liquidada a guerrilla en toda España. En Galicia, con todo, pervivirán algúns emboscados, como Benigno Andrade García ‘Foucellas, que se botou ao monte en 1936 e sobreviviu 16 anos ata ser detido en 1952 e executado na Coruña. O episodio final da resistencia, xa dun xeito case anecdótico, foron as mortes de Ramón Vila, en 1963, e de Xosé Castro en 1965.

No seu momento de mellor organización, en Galicia había dous movementos: a Federación de Guerrillas de León-Galicia e o Exército Guerrilleiro de Galicia. Calcúlase que ata mil persoas chegaron a integrar ambas as forzas, aínda que hai que contar aquí cos colaboradores en vilas e aldeas. O número de galegos procesados por colaboración coa guerrilla chegou a sumar os nove mil, segundo algunhas fontes, antes da desaparición total do fenómeno maquis.

Agora, grazas aos documentos desclasificados pola CIA, sabemos que a infiltración na guerrilla permitía aos servizos secretos controlar os seus movementos. Un factor máis que contribuíu ao seu fracaso. Aínda que o principal foi outro de natureza xeopolítica: tras a derrota de Hitler, os aliados remataron apoiando a ditadura de Franco. E a intervención internacional que os ‘fuxidos’ esperaban nunca chegou a producirse.

Unha resposta a “Así espiaba a CIA aos maquis do Exército Guerrilleiro de Galicia”

  1. Javier

    Sobrevivieron tres por las comarcas de Betanzos. Dos hermanos de apellido fanjul regresaron a Asturias en 1963 y otros no fueron ejecutados, aunque encarcelados por colaborar; antes para la guerrilla y después para el régimen

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.