Os traballos deixaron ao descuberto o basamento da fortaleza.

Os traballos deixaron ao descuberto o basamento da fortaleza.

Arqueólogos da UVigo atopan o torreón do castelo de Malpaso

Os traballos no concello de Allariz permitiron tamén achados sobre a vida diaria dos habitantes da fortaleza

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat) pechou a súa campaña no xacemento de San Salvador dos Penedos, no Concello de Allariz. E as sondaxes realizadas permitiron localizar o torreón e a torre da porta norte do castelo de Malpaso. O numeroso material atopado, entre o que destacan restos óseos de animais empregados na alimentación, permitirán aos investigadores avanzar no coñecemento e datación deste enclave altomedieval, que foi abandonado na segunda metade do século XIII.

Ruinas dos basamentos do castelo de Malpaso.

Ruinas dos basamentos do castelo de Malpaso.

A intervención arqueolóxica en San Salvador dos Penedos contou cun equipo formado por sete persoas baixo a dirección científica de Patricia Valle e Adolfo Fernández, estando Alba Antía Rodríguez como responsable do traballo de campo. En total, sinalan os responsables do proxecto, leváronse a cabo catro sondaxes arqueolóxicas, dúas na plataforma inferior, xunto á necrópole do xacemento, e outras dúas na plataforma superior, na zona do Castelo de Malpaso ou Castelo de Mouresiños. “As dúas realizadas na plataforma inferior, destinadas a contextualizar as dúas tumbas escavadas na rocha que localizamos o pasado ano e ou localizar estruturas anexas, resultaron negativas, recuperándose escaso material moble, principalmente cerámica”, explican os arqueólogos.

Os traballos realizados na zona do castelo, á que se habilitou un camiño de subida, centráronse na coñecida como porta norte e unha estrutura anexa á mesma xa localizada en 2016. “Nesta zona recuperouse gran cantidade de material (ósos, metais, cerámica, carbóns, etc.) así como información relativa á distribución e funcionamento do castelo”, sinalan os responsables da intervención. Entre este material, Adolfo Fernández destaca unha gran cantidade de restos de madeira “moi ben conservada”, útiles como coitelos e fouces e sobre todo unha gran colección de ósos de animais como cabras, ovellas, porcos e vacas, que formaron parte da dieta alimenticia das persoas que habitaban o castelo na época altomedieval. A segunda sondaxe na zona do castelo realizouse no segundo nivel, o máis elevado, onde se puxeron ao descuberto novos rebaixes nas rochas e restos de muros que conformarían unha estrutura cadrada e que correspondería cos cimentos do torreón do castelo. Este torreón, de catro por catro metros, contaría cunha estancia anterior e unha porta de entrada da que foron localizados os rebaixes na rocha.

Os ósos de animais permiten coñecer a dieta dos moradores do castelo

“A intervención de 2017 achegou importante información e materiais relativos ao funcionamento da fortaleza, así como dos costumes, ferramentas e alimentación dos seus habitantes. Os traballos centraranse a partir de agora no procesado e estudo dos materiais exhumados, para o que se contará coa colaboración de especialistas en distintas materias”, indica Patricia Valle. Ademais do traballo de laboratorio levaranse a cabo tarefas de restauración leves, de reforzo de zonas e de recheo, para facilitar a conservación do xacemento e se instalarán paneis que informarán aos visitantes deste enclave dos primeiros datos obtidos dun castelo que ata o pasado ano non fora estudado nin escavado.

O xacemento, comentan os responsables da intervención arqueolóxica, trataríase dunha especie de “castellum”, fortalezas pequenas non habitacionais cunha función militar, non relixiosa, e de control do territorio, neste caso da vía de paso entre o val do Limia e o de Arnoia. Feitas en lugares de altura e fortificadas, estas construcións responderían a un momento de inestabilidade no territorio. A localización do Castelo de Mouresiños ou Castelo de Malpaso en San Salvador dos Penedos, engaden, non é casual, xa que nas ladeiras do val de Arnoia, lembran, “concéntrase a maior cantidade de restos da época altamedieval de Galicia”. A datación do castelo obxecto deste estudo indican que estaría entre os séculos VIII e XI, período de “séculos escuros“, agardando poder concretar esta datación co estudo dos materiais atopados nesta segunda intervención.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.