Xoves 25 Abril 2024

Arqueólogos atopan o suposto embarcadoiro da lenda do Apóstolo

Tras a súa morte no ano 44, decapitado por orde do rei Herodes Agripa I, o corpo do Apóstolo Santiago foi trasladado nunha barca de pedra, coa que os seus discípulos Atanasio e Teodoro percorreron os cinco mil quilómetros de Mediterráneo e de Atlántico que separan por mar Galicia de Xudea.

Por suposto, esta historia é científicamente insostible. E tampouco se pretende soster dende a relixión, porque esta parte referida a viaxes en embarcacións de pedra non aparece no libro dos Feitos dos Apóstolos, no Novo Testamento. Trátase dunha tradición moi posterior, creada na Idade Media para dar maior relevo á historia do Zebedeo e da súa relación con Compostela.

Publicidade

A lenda medieval deu lugar á tumba e catedral de Santiago.
A lenda medieval deu lugar á tumba e catedral de Santiago.

Porque deberían pasar case mil anos para que aparecese a historia da relación de Galicia con Santiago. Sería no século IX cando o bispo Teodomiro proclamou que se tiñan atopado en Iria Flavia os restos do Apóstolo. E propagouse polo orbe cristián a historia da barca, amarrada a unha santa pedra no actual lugar de Padrón. Agora, arqueólogos teñen atopado as escaleiras dese porto, o Portus Apostoli. Aínda que, por suposto, non estamos a falar dunha construción do século I (cando a lenda da traslatio), senón medieval, seica feita para dar máis relevo a lenda que aparecía nesas datas.

Un equipo de expertos en prospección atopou agora indicios dunha pedra de grandes dimensións enterrada, similar á descrita en documentos medievais, nun lugar no que se dicía que fora depositado o corpo do apóstolo Santiago na vila de Padrón.

Tras rastrexar cun xeorradar o lugar coñecido como A Barca para buscar indicios da pedra, os especialistas lograron detectar “unha estrutura que polas súas dimensións e morfoloxía encaixa coa descrita nos arquivos documentais do século XV e XVI”, que corresponde ao dunhas escaleiras que conducían á pedra na que din que foi posto o apóstolo.

Os investigadores atoparon con xeorradar unha escaleiras de cinco metros

A rocha detectada a máis dun metro de profundidade ten unhas escaleiras de cinco metros de longo e foi achada no subsolo da zona de prospección, un terreo municipal que hai medio século formaba parte do meandro do río Sar e que actualmente é un aparcadoiro público de vehículos asfaltado.

Preto desta rocha foi construído na Idade Media un embarcadoiro dotado dunhas escaleiras. No século XVI as autoridades locais decidiron botar a roca ao río para evitar que os peregrinos arrincasen pedazos e na década de 1960 a zona foi recheada e nivelada con áridos para canalizar o río Sar.

O equipo investigador prevé estudar agora con técnicas de “prospección xeofísica e tomografía eléctrica” o antigo meandro do Sar para “ampliar a sondaxe na zona de aparición do achado e ver se aparecen restos de estruturas asociadas a estas escaleiras e a propia roca”, cuxa localización é precisamente o obxectivo desa iniciativa, segundo o arqueólogo Andrés Bonilla, que lidera o traballo, que conta coa colaboración do Concello de Padrón e da Direción Xeral de Patrimonio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O Xardín botánico de Padrón, novo destino Observer de Turismo Científico

O selo destaca as súas numerosas especies botánicas singulares e a organización de actividades periódicas para enxalzar a ciencia

Óscar Vidal, nova estrela Michelin: “Queremos que o cliente sinta que come Galicia”

Galicia suma 18 estrelas Michelin en 16 restaurantes, con dúas novas incorporacións e unha retirada, e tamén gaña presenza na lista Bib Gourmand

Un médico impulsor de balnearios

Manuel Jacobo Fernández Mariño foi director en Cuntis e Caldas de Reis e promoveu a hidroloxía en Galicia a comezos do século XIX

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

A Unión Astronómica Internacional anuncia que a HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar