Tesouro de Recouso. Foto: Incipit / CSIC.

Tesouro de Recouso. Foto: Incipit / CSIC.

Atopan algas no interior das arracadas milenarias do Tesouro de Recouso

Científicos do CSIC documentan por primeira vez a utilización de algas como recheo nestas pezas de ouro prehistóricas

Un equipo de investigadores do Incipit de Santiago, adscrito ao CSIC, descubriu por primeira vez a utilización de algas como recheo para pezas de ourivería na prehistoria da Europa Atlántica. O grupo, dirixido por Xosé Lois Armada, conseguiu o fito mentres analizaba as pezas do coñecido como Tesouro de Recouso, unha colección de xoias atopada nos anos 20 do século pasado en San Martiño de Marzoa, no concello de Oroso. Actualmente consérvase no Museo das Peregrinacións de Compostela.

Desde o 2011, este equipo do Incipit estuda o tesouro. Xa conseguiran caracterizar as súas 15 arracadas, a través de diversas técnicas con raios X e microscopía electrónica, e puideron datalas a través de Carbono 14.

Estudo das pezas do tesouro mediante micro-fluorescencia de raios X. Foto: Incipit / CSIC.

Estudo das pezas do tesouro mediante micro-fluorescencia de raios X. Foto: Incipit / CSIC.

“Posteriormente decidimos dar un paso máis nas investigacións sobre estas pezas e abordar un eido completamente inexplorado nos traballos sobre ourivería protohistórica na península Ibérica, debido ás dificultades para levalo a cabo: o estudo do interior das arracadas, que, de feito, resulta esencial para comprender o proceso de elaboración”, explica Xosé Lois Armada. O Tesouro de Recouso é un dos conxuntos de ourivería máis importantes desta etapa histórica na Península.

Recentemente realizáronse novas análises a través de micro-fluorescencia de raios X, nos que participaron os investigadores Simona Scrivano e Óscar García Vuelta, vinculados ao Incipit e ao Centro de Ciencias Humanas e Sociais do CSIC, respectivamente.

As arracadas contan cun recheo interior non metálico que contén diatomeas, algas unicelulares presentes en augas doces e salgadas. Para caracterizar este recheo, tomáronse dous itinerarios complementarios, con observacións a través dun microscopio electrónico de varrido e, por outra banda, con análises a través de pirólise combinada con Cromatografía de gases e Espectrometría de masas.

Incógnitas

“A interpretación que facemos do achado é que se empregou como material de recheo o sedimento dun entorno húmido, como unha poza ou unha lagoa, que contiña estas diatomeas. Xorden, agora, novas preguntas de investigación ás que intentaremos dar resposta nos vindeiros meses, como a de determinar se o resto das arracadas teñen o mesmo recheo”, explica Armada. Engade que, “ao ser un recheo tan particular, podería apuntar cara que todas as pezas foron elaboradas pola mesma persoa ou nun único obradoiro“.

Desde o ano pasado, os investigadores traballan no marco do proxecto “Innovación tecnolóxica, circulación do metal e artefactos metálicos de prestixio na Europa Atlántica (séculos XIII-I a. C.), financiado pola Xunta de Galicia. A iniciativa, que durará ata o 2020, ten como obxecto estudar os procesos de innovación e interacción tecnolóxica daquela época e completar a compilación, sistematización e reavalación crítica da información analítica existente.

Ata o de agora, o equipo estudou coleccións de ourivería que se conservan no Museo das Peregrinacións de Santiago, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, o Museo do Castelo de San Antón, na Coruña, o Museo Provincial de Lugo, o Museo das Mariñas de Betanzos e a USC. O vindeiro 30 de novembro, no Consello da Cultura Galego, avanzaranse varios resultados importantes do proxecto.

8 respostas a “Atopan algas no interior das arracadas milenarias do Tesouro de Recouso”

  1. José María Bello

    As fotos non teñen que ver nin coas arracadas de Recouso nin co Museo de Pontevedra. Son do colar do chamado Tesouro de Elviña, no concello da Coruña, e están no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.