Sábado 20 Abril 2024

Alberto de Mónaco axudou a fundar o Instituto Oceanográfico de Vigo

Alberto I de Mónaco.
Alberto I de Mónaco.

Alberto II de Mónaco é a imaxe do perfecto vividor. O seu maior mérito poida que sexa ter saído nas revistas amarrado a Brooke Shields ou a Claudia Schiffer. Tamén representou ó seu país en bobsleigh en cinco Olimpíadas de Inverno consecutivas. Pouco máis de certo mérito podemos dicir do actual príncipe monegasco.

Pero a casa Grimaldi non sempre foi así. Bo exemplo diso é un antecesor seu no Pazo de Mónaco. E que levaba o seu mesmo nome. Era Alberto I de Mónaco, cuxo reinado vai de 1889 a 1922. Este príncipe foi un dos grandes pioneiros da oceanografía no mundo. Pagou do seu peto incontables investigacións. Foi recoñecido polas academias de ciencias de EUA e Gran Bretaña. Participou en campañas sobre pesquerías en augas de Galicia. E doou materiais para a fundación en Vigo da sede do Instituto Español de Oceanografía, en 1917.

Publicidade

En 1899, Alberto I inaugura en Mónaco un dos primeiros laboratorios de oceanografía do mundo. O mar é a súa gran paixón, que coñecera con 17 anos ao ingresar na Escola Naval de Cádiz, onde obtivo o grao de oficial. Por esta mesma razón, falaba un perfecto castelán. De regreso a Mónaco, utilizou os seus propios barcos para a investigación oceanográfica. El mesmo capitaneaba o Hirondelle, o Pricesse Alice, o Princesse Alice II e o Hirondelle II, cos que chegou a dirixir 28 campañas. Entre outras cousas, demostrou, xa en 1855, a existencia do xiro do Atlántico Norte, empregando botellas con mensaxes.

A súa relación con Galicia iníciase en 1866, despois de que se producise unha gran caída da pesca da sardiña en Bretaña. Coñecendo que en Vigo as capturas se mantiñan, navegou ata estas augas a bordo do Hirondelle, para estudar as diferenzas nas condicións do mar con respecto á costa francesa- Nesta campaña, entrevistouse con armadores e mariñeiros galegos, que lle permitiron escribir estudos sobre as artes de pesca en Galicia, as condicións laborais dos pescadores ou o alcance da industria transformadora. Alberto I regresaría a Galicia en varias ocasións e no Museo Oceanográfico de Mónaco consérvanse fotografías destas estanzas, datadas en 1894, 1896, 1908 e 1909.

En 1896, veu acompañado pola pintora Jeanne le Roux, que se converte nunha das primeiras mulleres en participar nunha expedición oceanográfica, se ben que non como científica. Como sinalan Alberto González-Garcés, Santiago Lens e Uxía Tenreiro na súa “Historia do Centro Oceanográfico de Vigo”, “ao príncipe Alberto I gustáballe que lle acompañase algún pintor nas súas campañas para tomar apuntamentos da cor real dos peixes inmediatamente despois de ser capturados”.

O canoneiro ‘Hernán Cortés’

Ademais das súas campañas, Alberto I de Mónaco foi determinante para que se fundase en España o Instituto Español de Oceanografía, que este ano cumpre un século. O propio Odón de Buen, o científico que fundou o instituto, recoñeceríao tras unha intervención do príncipe en Madrid: “deu unha memorable conferencia ante os Reis, a Corte, os altos dignatarios e as máis conspicuas personalidades do mundo político e da Ciencia española. Pode afirmarse que daquel acto importante arranca a constitución en España do Instituto Español de Oceanografía”. Como curiosidade, hai que sinalar que Odón de Buen, a quen os seus biógrafos definen como boa persoa, grande científico e pragmático, era republicano. E que iso non foi óbice para a súa grande amizade co príncipe de Mónaco.

Dende a fundación do IEO, realizaríanse campañas en Galicia, a bordo do canoneiro “Hernán Cortés“, como a que estuda nas Rías Baixas “a frecuente tonalidade vermella das augas”, que non é senón a célebre marea vermella coa súa toxina que hoxe pecha cada tanto tempo a comercialización das nosas bateas.

Equipamento científico

Finalmente, o 2 de setembro de 1917 inaugúrase oficialmente o Laboratorio Oceanográfico de Vigo, co apoio do Concello e da Xunta de Obras do Porto. Inicialmente, instalouse nuns salóns portuarios onde diariamente se facían análises das augas da ría, para determinar a súa osixenación, temperatura e salinidade. Tamén se creou un pequeno museo de animais mariños capturados. E o primeiro equipamento científico foron microscopios, centrifugadoras ou un depósito de material de pesca. Estes equipos foron doados directamente polo propio Alberto de Mónaco. Así o asegura o investigador Antonio Calvo, biógrafo de Odón de Buen: “Sen dúbida, o laboratorio de Vigo fíxose en boa medida con material que doou o propio príncipe monegasco”.

Así que, aínda que hoxe Alberto de Mónaco nos soa a gran vida e a revistas do corazón, un antecesor seu, do seu mesmo nome, logrou ser un brillante científico. Que, ademais, tivo unha estreita relación con Galicia a través do seu mar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores