A luz do Sol tarda 8 minutos en chegar á Terra. A súa velocidade é de case 300.000 quilómetros por segundo, unha constante universal que definiu Albert Einstein na súa Teoría da Relatividade Especial, publicada en 1905.
Vinte anos despois daquela revolucionaria teoría, o luns 9 de marzo de 1925, un transatlántico está amarrado ao porto de Vigo. Un home en cuberta contempla o solpor nas illas Cíes. E escribe máis tarde no seu diario: “Riqueza de cores e posta de sol en Vigo, incomparable”. Ese home é o propio Albert Einstein. A luz, que foi protagonista dos seus estudos científicos, a mesma que escorrega pola curvatura do espazo-tempo, é agora para el un espectáculo: o do empardecer na ría de Vigo.
Porque, en efecto, Albert Einstein estivo en Galicia. Fixo escala en Vigo en dúas ocasións, en marzo e en maio daquel ano 1925 en que realizou unha xira científica por Sudamérica. E ademais deixou unhas notas manuscritas con loubanzas cara á paisaxe da ría viguesa.
Einstein xa estivera en España con anterioridade. En 1923, foi todo un fenómeno de masas a súa xira de conferencias por Barcelona, Madrid e Zaragoza. Viña de gañar en 1921 o premio Nobel de Física e era xa unha celebridade mundial. Pero moi poucos entendían a magnitude da súa obra. “Viva o inventor do automóbil!”, espetoulle unha castañeira en Madrid ao se cruzar pola rúa con Einstein e toda a súa comitiva. Recolle a anécdota nunha monografía o historiador estadounidense Thomas Glick, que engade que non só a señora estaba bastante perdida. A inmensa maioría dos científicos que asistían ás súas conferencias non comprendían case nada.
“Riqueza de cores e solpor en Vigo: incomparable”, anotou Einstein
Dous anos máis tarde, a súa segunda escala foi moito máis fugaz. De feito, apenas estivo unhas horas cada vez en dous transatlánticos, á ida e á volta de América, nos portos de Tenerife, Vigo e Bilbao.
Einstein parte de Hamburgo no Cap Polonio, un luxoso transatlántico de 20.600 toneladas. E, tras dunha primeira escala en Boulogne sur Mer, recala en Bilbao o domingo 8 de marzo de 1925: “Primeira vez que brilla o sol. Arredor das 11h achegámonos a Bilbao. Mar turquesa, beiras con outeiros, primeiro prateada logo baixo un sol coruscante”, anota o premio Nobel no seu diario.
O investigador Santiago Rementería, nun traballo sobre estas escalas, relata que a visita non pasou inadvertida. Un comité de recepción subiu ao barco para cumprimentar ao científico. O diario La Gaceta del Norte describe a charla que mantivo co alcalde e os concelleiros: “O profesor Einstein sostivo longa e animada conversación sobre os profundos temas da teoría da relatividade”. Resulta altamente improbable tal conversación para as autoridades da época, aínda sendo de Bilbao.
Pola tarde, o Cap Polonio segue viaxe a Vigo, onde chega o luns 9 de marzo. Aquí ninguén se decata da visita e non hai comité de recepción. Einstein permanecerá a bordo, tomando o sol, segundo conta no seu diario. E tamén gozando das vistas: “Vigo, baía rodeada de illas montañosas con fascinante cidadela con forma de pintoresca azotea“, escribe referíndose á fortaleza do Castro. Esa tarde ten con outros pasaxeiros unha charla “sobre lóxica”. E, antes de que parta o transatlántico, queda marabillado co ocaso nas illas Cíes: “Riqueza de cores no solpor en Vigo, incomparable. O sol do sur embriaga”, escribe.
O Cap Polonio chegará a Lisboa ao día seguinte. Aquí Einstein si baixará do barco e fará unha excursión ata o castelo de Sao Jorge. Finalmente, chegará a Bos Aires o 25 de marzo, iniciando case dous meses de xira americana, recibido como a eminencia mundial que xa é.
Na viaxe de regreso, o pai da Relatividade volverá facer escala en Vigo. Desta volta parte de Río de Janeiro o 12 de maio, a bordo do vapor Cap Norte, de 13.600 toneladas. A Vigo chega o 26 de maio. Desembárcanse 25 sacas de correspondencia e case douscentos viaxeiros. E embarca un pasaxeiro que terá unha interesante conversa con Einstein. Trátase do enxeñeiro de minas Karl Lehmann, con quen departe sobre un compás xiroscópico que está a desenvolver. O invento pretende marcar o Norte con independencia do campo magnético. E pode ser moi útil para orientarse en minas subterráneas ou para prospeccións mineiras de todo tipo.
Einstein: “Vigo, baía rodeada de illas montañosas con fascinante cidadela”
Tanto interesa o invento a Einstein que escribe unha carta esa mesma noite, que franquea en Bilbao ao día seguinte, dirixida ao propietario da empresa de enxeñería Anschütz & Co, con quen mantén unha amizade de moitos anos. E suxírelle algunhas melloras no xiroscopio, que considera que non funcionará tal e como está concibido.
Santiago Rementería destaca que esta carta nos amosa a un Einstein non só interesado nos problemas da física teórica, senón tamén apaixonado pola tecnoloxía. A carta, que mesmo acompaña cun pequeno esbozo debuxado, rompe “a imaxe tradicional do teórico illado dos detalles mundanos e centrado en abstraccións físico-matemáticas”. Non en balde Einstein fora na súa mocidade inspector de patentes e colaborara como técnico da empresa Telefunken. Polo que a enxeñería tamén formaba parte das súas paixóns.
Finalmente, Einstein chega a Hamburgo o 31 de maio de 1925. No seu diario recolle o seu cansazo pola viaxe (“por fin libre, pero máis morto que vivo”) e valora especialmente poder gozar de “algunhas semanas de descanso durante a travesía”. Tamén queda na súa memoria a ‘incomparable’ posta de sol na ría de Vigo. E réndese así a un dos eixos da súa obra científica: a luz. Como onda, como partícula e como espectáculo.
Penso que o home andaba bastante perdido, ou abondo embriagado coas súas teorías e elucubracions: “baía rodeada de illas montañosas”?! “Cidadela con forma de azotea”?! “O sol do sul embriaga”?! … Non lle coarían unha botella de licor café para o almorzo mentres debatía de física cos convidados galegos?
As Cies son illas montañosas e para un alemán Galicia está ó sul.
Humano, Cercano, Sencillo, Humilde, Grato, Genio, Creativo, Solidario, Sensato, EJEMPLAR…..