Se seguen aparecendo novos restos ao ritmo actual, Adro Vello podería ser unha das necrópoles máis grandes de Galicia. Así o asegura Olalla López, antropóloga da USC, que traballa xunto aos investigadores do Geaat da UVigo, dirixidos por Adolfo Fernández, neste xacemento situado no Grove. O equipo acaba de atopar numerosos restos de peixe, cunha idade aproximada de 1.700 anos, ademais de restos de ostras e outros moluscos. “Pode ser un achado único” pola súa dimensión e o seu estado de conservación, sostén Adolfo Fernández.
“É peixe pequeno, aínda que non sabemos as especies, que se utilizaba para elaborar salsa“, conta Fernández. O investigador da UVigo engade que estes restos permitirán estudar o tamaño, o tipo das especies, o seu ADN e a súa evolución.
Do mesmo xeito, os investigadores tamén atoparon restos óseos de cando menos sete persoas: un recén nacido, tres nenos e tres adultos, que viviron entre os séculos V ou VI ata o XVII. “Queremos coñecer cómo eran as persoas de Adro Vello, cómo vivían, qué comían e cómo os enterraron e os achados de esqueletos infantís son especialmente importantes porque os nenos representan o sector da poboación máis fráxil”, sinala Olalla López.
A intervención enmárcase no proxecto Galtfish, Salt and fish salting in Ancient Gallaecia, que forma parte da iniciativa de I+D Marie Curie Talent, financiada pola UE.
A salsa chamabase Garum e era empregada en tempos romanos en todo o imperio non so como aderezo as comidas senon como manxar culinario por si so.