Venres 29 Marzo 2024

A xeografía galega do narcotráfico

Desde a punta do paseo de Aguiño, en Ribeira, ata a praia do Carreiro, no Grove, hai arredor de sete quilómetros e medio de distancia por mar. A viaxe pódese cubrir en menos dun cuarto de hora cun bo piloto e unha boa lancha. En coche, percorrer esta distancia leva, no mellor dos casos, unha hora e cuarto de traxecto e noventa e cinco quilómetros, bordeando toda a ría de Arousa. Esta é unha clara evidencia do labirinto de recunchos que agocha o que é o esteiro máis grande de Galicia, fonte de grandes riquezas, pero tamén de episodios escuros. Moitas son as teorías e poucas as certezas sobre por que o contrabando primeiro, e o narcotráfico despois, colocaron tristemente á ría de Arousa no mapa. Non en tanto, as peculiares características xeográficas da zona son, sen dúbida, un piar clave para comprendelo, sen esquecer outros factores, como a incomparecencia do Estado.

Aguiño, na beira norte, e O Carreiro, no sur, dan a benvida aos visitantes que entran na boca da ría, que ten 33 quilómetros de longo, máis de 230 km2 de superficie e unha anchura que chega a acadar os 15 quilómetros. No medio, un labirinto recortado de illotes, calas, praias e furnas, cada unha co seu nome, despois de milleiros de anos de convivencia, día a día, xeración tras xeración, entre o mar e a súa xente.

Publicidade

A xeografía de Arousa foi  unha fonte de riqueza, para o marisqueo, pero tamén para o contrabando

Lóxicamente, a xeografía non influíu só nos aspectos negativos. Alén da lacra da droga, Arousa é, grazas a súa situación, aos seus fluxos de auga e nutrientes e ao traballo da súa xente, unha das rías máis ricas do mundo. Abonda con ver desde o aire os milleiros de bateas que salpican as augas. Pero cabe preguntarse tamén: por que floreceu aquí, e non noutro lugar, un fenómeno tan prexudicial e peculiar como o narcotráfico?

Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Compostela, alude a tres grupos de factores: “Por un lado, a tradición pesqueira de Arousa e o apego ao mar dos seus habitantes. Por outro, un contexto histórico previo, na ditadura franquista, vinculado ao contrabando e, por outra parte, un illamento respecto ao resto do Estado que permitiu que os narcotraficantes se converteran en líderes de referencia para a comunidade”.

Nos últimos meses, o interese por este escuro mundo reavivouse en Galicia e no resto do estado. Parte da ‘culpa’ tena Fariña, un libro do xornalista Nacho Carretero que relata a historia dos principais clans galegos da droga. Carretero soubo, a través dos relatos de axentes de policía, contrabandistas e veciños, da importancia da xeografía nese triste éxito. “En Arousa é moi fácil agocharse, e polo contrario, para as forzas de seguridade era materialmente imposible cubrir toda a costa. Hai illas, furnas, calas, montes, que o narco coñecía como a palma da súa man”, conta o autor do libro.

Panorámica da ría dende o monte da Curota, na beira norte.
Panorámica da ría dende o monte da Curota, na beira norte.

Nesta especie de mimetización entre paisaxe e paisanaxe afonda Rubén Lois. “Cando falamos de xeografía non estamos a falar só de relevo ou do clima, hai que ter en conta tamén a relación que se establece entre a paisaxe e os seus habitantes, cómo coñecen o seu territorio e como se adaptan a el. E isto foi clave neste asunto”. Engade o catedrático da USC que “a xente do mar ten unha percepción distinta do territorio mariño. Durante as sucesivas xeracións foise herdando un coñecemento exhaustivo do mar: cales son as correntes, onde están os bancos de peixe, onde hai baixos rochosos, etc. E son quen de situarse por medio de referencias que a xente da terra apenas é capaz de percibir. Por moito que se esforce, un garda civil que chega de fóra nunca vai poder ter nivel de coñecemento que un mariñeiro posúe da costa. O que para uns é o espazo central da súa actividade, para outros é periférico”.

‘A relación da paisaxe e dos seus habitantes foi clave neste asunto’, di Rubén Lois

Nacho Carretero reforza esta visión que aporta Lois: “Moitos contrabandistas tiñan perfectamente estudado onde colocarse, cales eran os mellores puntos para seguir as descargas, por onde podían escapar… Había unha enorme infraestrutura de información que lles dicía a cada momento desde onde os podía ver os gardacostas, onde se tiñan que situar para agocharse. Era un traballo moi minucioso”.

A práctica ausencia do Estado foi, tanto para Lois como para Carretero, outro dos factores clave para a consolidación do tráfico ilegal. “Había máis contacto co mar que co resto do Estado. Entre Galicia e o resto da península hai unha fronteira natural montañosa. Se o resto do país che dá as costas, veste obrigado a mirar cara o mar”, explica Carretero. E aquí, como engade Rubén Lois, había terreno gañado: “Os fluxos do tráfico marítimo polo Atlántico cara Europa pasaban necesariamente por estas costas. E os mariñeiros galegos controlaban todo este arco, desde o Gran Sol ata Namibia. Sabían situarse e dominaban os sistemas de navegación, polo que tiñan unha gran vantaxe”.

Xa fóra do estritamente xeográfico, hai que engadir que a falta de control estatal posibilitou o ascenso social dos líderes dos clans. Segundo Lois, “a necesidade que houbo posguerra creou unhas redes ilícitas moi sólidas, que se fan, pouco a pouco, co favor da sociedade”. Deste xeito, inhabilitouse en gran medida a actuación das forzas de seguridade, a cotío corrompidas, e reforzouse a rede de protección tecida polos propios veciños da zona.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un parasito infecta o 30 % dos berberechos do pulmón marisqueiro da Ría de Arousa

O CIMA recomenda pechar Os Lombos de Ulla para recuperar a produción e protexer as especies que non medraron

Gael e Prior: as candorcas que entraron na ría de Arousa nunca interaccionaron con barcos

Son dous exemplares irmáns de dez e seis anos de idade que, segundo os expertos, teñen "un carácter tranquilo e pacífico"

As candorcas Gladis atacan a un veleiro arousano: “Sácanse dentes dos timóns”

O barco que viaxaba para participar na Copa do Rey de vela sufriu danos no timón, quedou sen piloto automático e tivo que ser remolcada

Un misterioso animal aparece nas praias de Arousa: que é e por que non se viu antes?

A investigadora da UVigo Elsa Vázquez afirma que non é "inusual" atopar a estas criaturas en Galicia xa que habitan nas costas