Unha das laudas, pertencente a María Socare, que foi atopada no convento coruñés de San Francisco.

Unha das laudas, pertencente a María Socare, que foi atopada no convento coruñés de San Francisco.

A moda tamén serve para datar laudas medievais

Unha investigadora galega descobre a época de lápidas a través dos peiteados das mulleres xacentes

Até o de agora sabíase que a moda era un reflexo das sociedades nas distintas épocas da historia da humanidade. Sabemos como vestían os gregos ou os romanos, cómo se peiteaban e cómo coidaban a súa imaxe. Pero tamén se sabe que a moda pode ser unha ferramenta moi valiosa para datar laudas da Idade Media. A investigadora da USC Mónica Rey Cabezudo conseguiu situar entre 1450 e 1480 sete lápidas diseminadas por diversas vilas de Galicia.

“O artigo xurdiu a raíz dun traballo de final de mestrado que se prolongou nunha tese centrada no conxunto medieval de San Antón. Ao buscar información, atopeime con estas laudas, e cando lin e investiguei sobre moda medieval, vin que había cousas que non cadraban”, relata Mónica Rey. Ata o momento do descubrimento de Mónica Rey, as laudas estaban datadas entre finais do século XIV e comezos do XV. En todo caso, unhas datas bastante anteriores ás que estableceu Mónica.

Os peiteados eran dunha época posterior á datación que se fixera nun primeiro momento

As conclusións do seu traballo publicáronse no Cuaderno de Estudios Gallegos do CSIC nun artigo titulado “Moda en piedra en el siglo XV: análisis iconográfico de las laudas gallegas con ‘tocado de rollo’”. Este peiteado, habitual na Galicia de finais do século XV, é a chave para datar estas lápidas. Consiste nunha rosca rechea e forrada con teas que se encaixaba na cabeza e deixaba a coroa ao descuberto. A autora tomou como referencia os estudos de Carmen Bernís, a investigadora que máis estudou a moda española ao longo da historia. Coa colaboración de dúas profesoras de Historia da Arte, Mónica comezou a profundar no tema, traballando con tres pezas que actualmente se atopan no castelo de San Antón, na Coruña. “O que máis me chamou á atención foi o tocado. Non hai outra representación igual noutras zonas da península Ibérica”, conta a investigadora.

Detalle doutra das laudas estudadas por Mónica Rey.

Detalle doutra das laudas estudadas por Mónica Rey.

Este tipo de peiteados foron moi comúns entre as clases altas en España desde comezos do século XV. Pero non foi ata 1480, segundo conta Mónica no seu artigo, cando estes rollos adquiren formas diversas, elevándose sobre a fronte para alargar a silueta. Este tipo de tocado denominábase hennin. Por iso, a Mónica non lle cadrou que as pezas da Coruña estiveran datadas a comezos de século, xa que nesa época, os tocados colocábanse máis ben en horizontal sobre a fronte ou verticais sobre a coroa da cabeza. “En base á sinuosidade e á forma na que se dispón o tocado, as pezas tiñan que ser posteriores”, conta Rey. A través da documentación que atopou, Mónica contrastou as laudas coas descricións de Carmen Bernís e cos documentos de investigadores franceses coñecedores da moda do ducado de Borgoña en Francia, o lugar de referencia en canto a moda naquela época.

Sobre estes detalles afonda Mónica Rey no seu artigo cando di que “se o elemento que cobre as cabezas das damas é un tocado de rollo, é probable que se trate de un rollo partido debido ao seu perfil apuntado. (…) Sería posible plantear de que se trate dun tocado hennin, que podería adquirir o mesmo perfil. De calquera xeito (…) retrasaríase a cronoloxía ata polo menos 1450-1480”.

Estas figuras pertencían a mulleres da nobreza ou alta burguesía da Coruña. “Encargar unha lauda con figura xacente non estaba ao alcance de todo o mundo”, aclara a historiadora. Actualmente, tres destas lápidas pódense atopar no museo de San Antón, na Coruña. O resto esparéxense pola xeografía galega. Están divididas entre Betanzos, Melide, Noia, Fisterra e Tui, mentres que outra se atopa en paradoiro descoñecido.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.