Venres 29 Marzo 2024

A historia da industria conserveira, a través da publicidade

Nuns tempos ben distintos da actual sociedade de consumo, a industria conserveira española apostaba forte pola publicidade, por dar forma a unha serie de anuncios con identidade propia, marcados por argumentos e elementos gráficos comúns, como o uso do corpo como metáfora do saudable ou a presenza gráfica do produto. Así o comprobou o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Román Pereiro na investigación que para a súa tese de doutoramento realizou sobre a publicidade deste sector entre 1920 e 1950, período que abrangue desde “a idade de ouro do cartelismo español ata que sociedade de consumo en España é xa un feito”. Tres décadas nas que unha serie de empresas “tiveron a audacia” de anunciarse de maneira habitual e nas que se a industria conserveira xerou “unha publicidade con identidade propia”, de tal xeito que “aínda que cada marca ten a súa historia e a súa personalidade, podemos falar dun estilo propio”, destaca este docente e publicista.

O profesor Román Pereiro, autor da tese.
O profesor Román Pereiro, autor da tese.

A través da análise dunha mostra de 120 anuncios, seleccionados co propósito de que “fosen representativos de todo o período analizado, de que a mostra fose diversa en marcas, estilos e formatos e de que ponderase as marcas de maior actividade publicitaria”, Pereiro constrúe na súa tese ‘La publicidad de la industria conservera en España (1920-1950)’, que dirixiu o profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Alberto Pena, unha análise do discurso publicitario do sector desde diferentes perspectivas. “Propúxenme demostrar a existencia dunha publicidade con particularidades e cuns sinais de identidade propios, que evoluciona desde unha práctica basicamente intuitiva na súa orixe cara un tratamento cada vez máis técnico e organizado, tanto no relativo á construción de mensaxes como á planificación e organización de accións e campañas”, sinala o investigador, que engade que se ben os estudos da historia da publicidade en ámbitos sectoriais “non son algo novo”, o ámbito concreto das conservas era ata o de agora “unha materia pendente, que nunca se tratara monograficamente en profundidade”.

Publicidade

Anuncio de Albo no ano 1925.
Anuncio de Albo no ano 1925.

“A industria conserveira supuxo un novo modelo de organización industrial e empresarial e un novo concepto de entender a alimentación, abrindo as portas a novas formas e hábitos de consumo”, sinala Pereiro, que subliña que, en termos publicitarios, o sector destacou pola súa temperá aposta pola publicidade, “desde moi cedo unha práctica valorada e recoñecida polo sector”. Marcas como Albo, Massó, Cerqueira ou Rivas foron nese senso “particularmente activas durante todo o período e fixeron seu o hábito de anunciarse, dando cada vez máis relevancia as súas mensaxes comerciais”.

De feito, ao longo do período analizado, os anuncios foron evolucionando dun “claro predominio da imaxe a unha publicidade cada vez máis razoada e argumentada, que conxuga texto e imaxe” e na que destacan os argumentos “relacionados cos beneficios do produto”. Neste senso, Pereiro explica que se ben na década de 1920 as conservas de peixe eran presentadas como un produto “delicatessen, dirixido ás clases máis podentes e asociando o seu consumo a un estilo de vida moderno e sofisticado”, as mensaxes mudan “radicalmente” a partires dos anos 30. “Coa intención de popularizar o seu consumo”, explica, os argumentos de venda céntranse desde entón en presentar as conservas como un “alimento práctico e saudable”.

O uso do corpo como sinal de identidade

Da análise realizada, Pereiro destaca unha serie de sinais de identidade, comúns ás diferentes empresas, como o papel preponderante que outorgan á imaxe na composición dos anuncios “case sempre co produto, en todas as súas formas e manifestacións, como protagonista”. Tamén cobra especial relevancia a representación do corpo humano, recurso que a industria emprega para destacar tanto as “propiedades saudables e nutricionais” do produto como o seu sabor.

Cartel de Conservas Pita no ano 1929.
Cartel de Conservas Pita no ano 1929.

No tocante ás temáticas máis recorrentes nos textos dos anuncios, destacan as ideas do mar “como provedor de produtos saudables”, a hixiene e salubridade, o emprazamento próximo ao litoral das fábricas, a calidade e o “saber e a experiencia que esixe unha boa elaboración”. Mais, ao mesmo tempo, Pereiro subliña que “a combinación dos sistemas verbal e non verbal non se aplicou con suficiente persistencia nas campañas da industria conserveira” durante esta época. De feito, só 20% dos anuncios analizados recollen esta práctica de combinar “unha imaxe co uso de titulares ou frases enxeñosas que potencien a capacidade persuasiva da mensaxe”.

Por outra banda, Pereiro tamén constatou a influencia da moda, cuxa linguaxe contribúe a que “a publicidade debuxe un novo mundo no que ao consumidor lle gusta recoñecerse”, e dos movementos artísticos na publicidade deste período, no que “correntes como o modernismo, o cubismo, a escola da Bauhaus, o surrealismo ou o expresionismo serviron de inspiración a moitos creativos”.

Desde os primeiros anos do período analizado “obsérvase nos anunciantes unha inquedanza” por dotarse de símbolos identificadores gráficos que “acheguen distinción e notoriedade as súas marcas”, a pesares de que por aquel entón “nin sequera se intuía a práctica do libre servizo como modelo de distribución”. Así, Pereiro destaca como exemplos destes intentos o símbolo de Conservas Coma, de 1923, “realmente revolucionario para época”, ou aqueles que contaban cunha tipografía propia, como Baltar e Pay-Pay, e que á súa vez convivían con logotipos sinxelos “nos que a principal habilidade está na elección do nome”. De feito, xa entón se observaba a práctica “bastante xeneralizada” de comercializar os produtos a través de máis dunha marca, “para poder optar a distintos públicos obxectivos ou simplemente posicionar os seus produtos por niveis de calidade”.

Cartaz das Pesquerías Asturianas en 1930.
Cartaz das Pesquerías Asturianas en 1930.

En conclusión, engade, “a publicidade da industria conserveira durante o período analizado responde a un estilo particular de facer e entender un negocio que revolucionou o sector da alimentación no noso país e cuxas mensaxes comerciais forman parte por dereito propio da historia da publicidade en España”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%