Inscrición no monte Pindo. Foto: Asociación Monte Pindo Parque Natural.

Inscrición no monte Pindo. Foto: Asociación Monte Pindo Parque Natural.

A enigmática inscrición do monte Pindo podería estar escrita ó revés

Sinala o ano 1102 da nosa era e a construción dunha vella ermida dedicada a San Pedro

Unha inscrición case milenaria agacha un segredo. A Asociación Monte Pindo Parque Natural atopou este gravado a carón dos restos arqueolóxicos da ermida do Monte Pindo. E o seu maior interese é que podería ser única por estar escrita ao revés, sinalando o ano 1102.

“Esta é a primeira hipótese sobre a transcrición deste gravado granítico, que desde o principio pensamos que debía corresponderse coa data fundacional ou refundacional da ignota capela”, explican na asociación. Helena Gimeno, experta epigrafista da Universidad de Alcalá, sinalou que a lectura do texto podería indicar “† ERA 1140”, é dicir, ano 1102 da nosa era.

Petroglifo monte pindo

Petroglifo no Monte Pindo, no acceso ó Olimpo Celta.

Sobre o feito de que a inscrición se atope ao revés, coma se fixese falta un espello para podela ler correctamente, o que acrecenta o misterio en torno ao gravado, a experta da Universidade de Alcalá amosouse desconcertada. Asegura que é a primeira vez que ve unha inscrición similar e que a única explicación que se lle ocurre é que se deba a un erro da persoa encargada de gravar o texto.

“Se a lectura é correcta -afirman na asociación- a ermida tería cando menos nove séculos de historia e situaríase co auxe do Monte Pindo e do Condado de Carnota na Idade Media, e nomeadamente coas primeiras referencias ao Castelo de San Xurxo“.

En 1109, só sete anos despois da inscrición, Pedro Froilaz de Traba, patriarca da Casa de Traba, testifica coma Conde de San Xurxo e Marítima. Existe consenso de que San Xurxo sería o castelo sito no veciño pico do Pedrullo, mandado erixir por orde de Sisnando II no seu proxecto de fortificación das costas galegas das continuas incursións piratas. Asi pois, se este doou o castelo ao nobre Pedro Froilaz, é lóxico pensar que dedicara ao seu propio santo, San Pedro, unha ermida nas proximidades. “De feito, San Pedro da nome aínda hoxe á praia da localidade”, sinalan na Asociación Monte Pindo Parque Natural. Outro dato que podería confirmar esta hipótese é un mapa de 1623 no que aparece unha igrexa de “San Pedro” situada ben separada da costa, e que podería sinalar esta ermida.

A ermida tería nove séculos e a asociación reclama un estudo arqueolóxico exhaustivo

Pola contra, un dato que parece sinalar que a ermida foi construída moito antes é cando no ano 830 aparece na relación de igrexas de Abade Tructinio do reino de Afonso II: “in Carnota ecclesia Pintani in Sentes”. De tratarse da mesma edificación, a inscrición de 1102 podería sinalar máis ben unha reconstrución da ermida.

“En calquera caso, son boas novas para os amantes do Monte Pindo e da Historia galega“, explican. A Asociación Monte Pindo Parque Natural “celebra esta nova pista sobre unha ermida da que pouco ou nada se sabía, toda vez que nunca foi investigada desde un punto de vista arqueolóxico nin histórico, o que agardamos que aconteza axiña pois non se comprende que desde as administracións que todos financiamos para velar polo noso patrimonio sigan impasíbeis ante o seu abandono e que teña que ser a sociedade civil quen supla o que debería facer persoal especializado que está cobrando un soldo público para isto”.

Podes atopar máis información e fotografías na web da Asociación Monte Pindo Parque Natural:

Asociación Monte Pindo Parque Natural

Páxina oficial da Asociación Monte Pindo Parque Natural

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.