Un furacán visto desde o espazo. O 'Hortensia' chegou a Europa en 1984.
Un furacán visto desde o espazo. O 'Hortensia' chegou a Europa en 1984.

O ano que visitou Galicia o ciclón ‘Hortensia’

Primeira páxina de La Voz de Galicia coa nova do 'Hortensia' en 1984.
Primeira páxina de La Voz de Galicia coa nova do ‘Hortensia’ en 1984.

Na madrugada do 3 de outubro de 1984, Galicia foi azoutada polo rastro do furacán Hortensia. Aínda que a cicloxénese Klaus, en 2009, superou a forza dos seus refachos de vento, o Hortensia foi a primeira grande crise meteorolóxica que mobilizou ás autoridades do país. E deixou un recordo na mente de todos, ademáis de graves danos materiais e humanos.

Nunca antes se alertou á poboación con tanta intensidade como naquela cicloxénese de fai trinta anos. Horas antes da chegada do Hortensia, a xente estaba morta de medo. A véspera da tormenta, o mércores 3 de outubro, xa chovera con forza. En Vigo, chegaron a recollerse case 80 litros por metro cadrado. Pero as mensaxes de Protección Civil xeraron unha auténtica psicose. A través das emisoras de radio falábase de «alarma de ventos tempestuosos» e aconsellábase non utilizar o teléfono, manterse no interior das vivendas, e en caso de viaxar en coche, «refuxiarse en calquera depresión do terreo».

Á primeira hora da tarde, decidiuse evacuar todos os colexios e suspender as clases ata novo aviso. En varios puntos de Galicia, os veciños temían que os encoros se desbordasen ou fosen destruídos. Así aconteceu en Vigo coa poboación de Zamáns, que pediu ser evacuada.

A Delegación do Goberno declarou a «situación de urxencia ata que teña desaparecido o perigo». E, aínda que as informacións usaban o eufemismo «a cola do Hortensia» para falar da cicloxénese e rebaixar a alarma, os meteorólogos agoiraban a chegada dun furacán desviado cara a Europa cun ollo que se situaría a só 200 quilómetros de Fisterra.

Os obreiros do naval de Ferrol mantiveron a súa manifestación diaria malia o furacán

A frota pesqueira refuxiouse en porto. E nas rías, como por exemplo nas augas interiores das illas Cíes, comezaron a aparecer grandes mercantes, buscando o abrigo da ría de Vigo. Con todo, a xente, pegada á radio, escoitaba como varios iates estaban desaparecidos. Máis tarde saberíase que o británico Blue Shift, tras dar a alarma na Costa da Morte, lograría entrar en porto, despois de recibir a axuda do pesqueiro coruñés Navegante Magallanes, que se atopaba na zona. Outro iate, o belga Geisha, era auxiliado polo cargueiro soviético Nicolai Vikov.

Os únicos galegos que non semellaban alarmados polo Hortensia foron os obreiros do naval de Ferrol, que ás cinco da tarde, baixo choivas torrenciais, celebraron a súa habitual manifestación pola cidade departamental, para pasmo de todo o país.

Ao remate da tarde do 3 de outubro comezaron a producirse cortes de luz. O tendido eléctrico caera abaixo e houbo cortes da liña telefónica, mentres as autoridades pedían que se restrinxisen as chamadas particulares. Para incrementar o pánico, algunhas emisoras de radio deixaron de emitir.

6 mortos en España

A noite do Hortensia mantivo espertos aos galegos. O núcleo da borrasca entraba no país con ventos de 160 quilómetros por hora. A sensación nas casas era: que quedará en pé mañá aí fóra?

O Hortensia deixou seis mortos en España, un deles na Coruña, un mestre xubilado golpeado ao ser derrubado polo vento. Houbo tamén perdas millonarias con colleitas arrasadas, barcos destruídos nos mesmos portos e a infraestrutura eléctrica de Galicia seriamente danada.

Imaxe meteorolóxica do 25 de setembro de 1984. O 'Hortensia' está a formarse no Caribe.
Imaxe meteorolóxica do 25 de setembro de 1984. O ‘Hortensia’ está a formarse no Caribe.

Nas cidades galegas, foron derrubadas ducias de árbores e farois. En Vigo, voaron os tellados de dous colexios, dunha igrexa e de numerosas vivendas. O aeroporto de Peinador mantívose pechado toda a xornada, aínda que a peor parte a levou Lavacolla, onde racharon os cristais da torre de control.

O expreso de Madrid non puido chegar a Vigo, ao quedar atrapado na estación de Ourense. E, ás 8.50 horas, descarrilaba en Pontevedra un ferrobús que circulaba sen pasaxeiros, resultando ferido un revisor.

Vinte e cinco anos máis tarde, en xaneiro de 2009, a tormenta Klaus, chamada xa entón cicloxénese explosiva, bateu os récords do Hortensia. En Bares rexistráronse ventos de 198 quilómetros por hora, a maior marca galega desde que hai estatísticas.

Pero, no imaxinario de todos, o Hortensia segue sendo sinónimo do gran temporal. Aquel exótico furacán que veu vernos a mediados dos oitenta conseguiu deixar pegada. Agora, o vello Hortensia tan temido xa queda no recordo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.