Cartaz da campaña 'Para estudar Lugo', da USC e a Deputación Provincial de Lugo.

Cartaz da campaña 'Para estudar Lugo', da USC e a Deputación Provincial de Lugo.

USC e Deputación captan alumnos e talento para o campus de Lugo

O programa de bolsas 'Para estudar, Lugo' que subvenciona matrículas e premia os mellores expedientes académicos

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Deputación Provincial de Lugo veñen de poñer en marcha a segunda edición do programa ‘Para estudar Lugo’, a través do que a institución provincial financia o 50% do custe da matrícula de primeiro curso naquelas titulacións de grao impartidas no campus de Lugo nas que a demanda de alumnado non cubre as prazas ofertadas, ademais de lanzar o plan de captación de talento ‘O teu esforzo ten premio en Lugo’.

Esta nova convocatoria, que está aberta ata o 30 de xullo, ofrece 90 matrículas de balde (seis en cada un dos 15 títulos de grao existentes) para os mellores expedientes académicos preuniversitarios (BAC e FP) de Galicia e 45 bolsas para que os graduados/as (tres por titulación) no campus lugués con mellores cualificacións poidan inscribise de balde no curso 2015-16 en calquera dos másteres oficiais impartidos pola USC na cidade amurallada.

Campus de Lugo da USC.

Campus de Lugo da USC.

O programa ‘Para estudar Lugo’ contempla o desconto do 50% do custe da matrícula para estudantes que no curso 2015-16 comecen os seus estudos no campus de Lugo da USC nalgún dos seguintes títulos de grao: Grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais; Grao en Enxeñaría Civil; Grao en Xeomática e Topografía; Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria; Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural; Grao en Lingua e Literaturas Españolas; Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural; Grao en Administración e Dirección de Empresas; Grao en Xestión e Dirección de Pemes; Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

O número de bolsas financiadas será o mesmo que o das prazas de novo ingreso cubertas en cada título. A concesión das axudas é automática sempre que os solicitantes sinalen no web da USC no que formalizan a matrícula que se acollen a este programa de bolsas da Deputación. Os que soliciten tamén bolsa do Ministerio, que cubra os custes de matrícula, non pagarán taxa algunha ata que se resolva a súa concesión ou non. En caso de non ter a bolsa do Ministerio si gozarían da bonificación do 50% por parte da Deputación Provincial de Lugo.

Hai axudas para os mellores expedientes de Bacharelato e de FP

Os seis mellores expedientes preuniversitarios (BAC e FP) de Galicia que se se inscriban para o curso 2015-16 no primeiro curso de calquera dos 15 títulos de grao (as bolsas outorgadas a matrículas nos dobres títulos de grao en Enxeñaría Civil, Xeomática e Topografía, e en Enxeñaría Agrícola Agroalimentaria, Forestal e do Medio Natural xa se deducen das titulacións matrices) ofertados pola USC no campus de Lugo terán a súa matrícula de balde. Catro destas bolsas están dirixidas a estudantes de Bacharelato e dúas para alumnos que acceden a estudos universitarios logo de completar ciclos formativos ou programas de Formación Profesional.

Poderán optar a estas achegas alumnos que teñan superado en centros docentes na comunidade galega os dous cursos que conforman calquera das modalidades de Bacharelato e Formación Profesional, e que remataran os seus estudos de Bacharelato ou FP no curso académico 2013-2014 ou 2014-2015 (convocatoria de xuño). Para participar nesta convocatoria de axudas é necesario que a nota media das cualificacións obtidas en Formación Profesional ou nos dous cursos de calquera das modalidades de Bacharelato sexa igual ou superior a 8,75 puntos.

Os tres mellores expedientes de cada título de grao impartido pola USC en Lugo que soliciten no curso 2015-16 cursar algún dos másteres oficiais ofertados pola USC na sede universitaria luguesa tamén terán matrícula de balde. Poderán optar a estes axudas os graduados egresados do campus de Lugo nos cursos 2013-2014 ou 2014-2015 (convocatoria de xuño).

O prazo de presentación de solicitudes conclúe o vindeiro 30 de xullo

Os candidatos/as deben ter superada a titulación nos anos previstos no plan de estudos en función da dedicación ao estudo que tivesen recoñecida. Para estes efectos, ao número de anos que figure no expediente do titulado sumaráselle un ano máis por cada 60 créditos validados ou recoñecidos en estudos de Grao e por cada 75 créditos validados ou recoñecidos en estudos anteriores.

A media do expediente académico dos graduados/as que aspiren a ser beneficiarios desta liñas de axudas deberá ser igual ou superior a 8 puntos en estudos vinculados ás ramas de coñecemento de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas, e de 7 puntos, en estudos pertencentes ás ramas de coñecemento de Ciencias, Ciencias da Saúde e Enxeñaría e Arquitectura.

O prazo de presentación de solicitudes para a presente convocatoria rematará o 30 de xullo de 2015. Os modelos de solicitude e as bases das citadas convocatorias poden consultarse no BOP da Deputación de Lugo do sábado 30 de maio de 2015.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.