Presentación en Pontevedra da iniciativa Pont-Up Store.

Presentación en Pontevedra da iniciativa Pont-Up Store.

Pont-Up Store: os emprendedores saen á rúa

Recta final para a inscrición neste evento que vai converter Pontevedra nun escaparate de proxectos innovadores

Ducias de proxectos impulsados por emprendedores e emprendedoras de diferentes puntos de España formalizaron a súa inscrición no Pont-Up Store, o encontro de emprendemento impulsado pola Universidade de Vigo, que os días 25 e 26 de setembro encherá as rúas de Pontevedra de ideas innovadoras. A inscrición aínda se mantén aberta ata o 9 de setembro , aínda que o número de solicitudes xa desbordou as previsións, inicialmente fixadas en 32 stands na rúa.

Deseño, moda, complementos e decoración, comunicación, novas tecnoloxías xestión e servizos a empresas ou agricultura ecolóxica son algunhas das áreas temáticas nas que se enmarcan nos proxectos empresariais, presentados por candidatos e candidatas das catro provincias galegas e doutros puntos do Estado como Madrid ou Salamanca. De aí que Pedro Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e director do grupo de investigación G4-Plus, impulsor do evento, faga énfase na “excelente resposta dos emprendedores” a esta iniciativa, así como na “gran variedade de propostas e a importante base tecnolóxica da maioría dos proxectos” presentados a unha convocatoria que conta co patrocinio principal do Concello de Pontevedra e o apoio do Consello Social da Universidade, Zona Franca, Abanca, Deputación de Pontevedra ou Igape.

As novas tecnoloxías están presentes entre as propostas de Pont-Up Store

Dirixido a dar visibilidade a novos proxectos empresariais, o Pont-Up Store acolle iniciativas con menos de 42 meses, tres anos e medio, de traxectoria, que deberán superar un proceso de selección no que un comité organizador valorará aspectos como o grao de innovación, a sustentabilidade e valor social ou a creatividade da proposta de actividades e de dinamización do evento. Ademais, darase prioridade a candidaturas que non participaran o pasado ano na primeira edición desta feira e buscarase a diversidade de participantes en canto a produtos, servizos ou sectores.

Os emprendedores seleccionados poderán escoller entre tres modalidades de participación neste evento. Por unha banda, poderán dispor de xeito gratuíto dun stand no que dar a coñecer os seus proxectos durante os dous días do encontro. Pero tamén poderán optar por participar no apartado 10 minutos de gloria, presentando a súa idea nun formato de “dez minutos, dez imaxes” ou propoñer actividades para a súa inclusión dentro do programa do evento.

O encontro contará ademais cunhas xornadas previas entre o 22 e o 24 de setembro, nas que se desenvolverá un extenso programa de charlas, mesas redondas, obradoiros ou demostracións e nas que unha serie de relatores compartirán as súas experiencias e coñecementos cos participantes.

Nacido en 2014 no seo da IV Conferencia Ibérica de Emprendemento, o Pont-Up Store busca facilitar aos novos emprendedores e emprendedoras un espazo no que visibilizar os seus proxectos, así como a promover a cultura do emprendemento con novos formatos e espazos de integración entre os novos emprendedores e a sociedade.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.