Xoves 25 Abril 2024

O Informe Ardán revela que a actividade económica se acelera

“Na evolución das 16.240 empresas con sede en Galicia analizadas por ARDÁN puidemos ver que, en conxunto, se rexistrou un avance significativo na creación de riqueza, xa que en 2013 estas empresas alcanzaron unha taxa de crecemento do valor engadido agregado do 6%, o que inviste a tendencia respecto ao ano anterior onde a taxa negativa foi de case un menos 7% “. Este é o dato que máis destacou a Delegada da Zona Franca, Teresa Pedrosa, durante a presentación do “Informe Económico e de Competitividade de Galicia” que todos os anos realizan os técnicos do servizo de información empresarial Ardán coa colaboración de destacados economistas e profesores da Universidade de Vigo. “A análise macro da conxuntura económica e dos principais factores competitivos estudados dannos unha grande esperanza xa que constatan a saída dunha prolongada recesión” dixo Pedrosa.

Acto de presentación do Ardán, de Zona Franca, e o informe elaborado xunto á UVigo.
Acto de presentación do Ardán, de Zona Franca, e o informe elaborado xunto á UVigo.

Esta percepción foi corroborada polo profesor Santiago Lago quen dixo que “se percibe unha clara aceleración da actividade económica”. “Seguimos recuperándonos a ritmo crecente” engadiu. Pola súa banda, Albino Prada matizou dicindo que “se ben a recesión do ano 2013 foi menos fonda en Galicia, a recuperación do ano 2014 será entre nós menos intensa polo menor dinamismo tanto da demanda interna coma das exportacións”. Avanzado as tendencias, na introdución do estudo os expertos din que “as positivas noticias de actividade con que iniciamos 2015 en automoción e compoñentes poderían cambiar o balance negativo de 2014” ao que Pedrosa engadiu que “polos datos dos que xa dispoñemos, non parece que a saída da recesión de Galicia vaia verse truncada como sucedeu coa falsa saída de 2010″.
Este Informe Económico e de Competitividade de Galicia, ARDÁN2015 está dispoñible dende hoxe -e en descarga gratuíta– na páxina web www.ardán.es La base de datos das 20.000 maiores empresas galegas, con datos económicos do exercicio 2013, tamén está dispoñible on-line dende o mes de marzo pasado. Como é habitual, en setembro editaranse en papel ambas as dúas seccións, base de datos e informe económico, nun libro que dende hai 20 anos publica o Consorcio da Zona Franca e que xa é un referente no estudo e análise da economía de Galicia.

O informe Ardán, de Zona Franca, analiza a evolución de 16.240 empresas galegas

Esta edición 2015 do Informe ARDÁN céntrase no período 2011-2013 e no que se analiza a evolución de 16.240 empresas con sede social en Galicia reflexa que estas empresas xeran uns ingresos de máis de 62.500 millóns de euros e un valor engadido bruto de 13.600 millóns. Respecto aos índices de eficiencia, medidos en termos de rendibilidade económica, o informe reflicte que as medianas empresas conseguen mellorar a súa rendibilidade media alcanzando un 4,6%, non obstante as pequenas empresas parecen estancarse en cotas en torno ao 1,5%.
Respecto aos sistemas produtivos sectoriais, Ardán destaca un dato moi interesante que é que os sistemas produtivos sectoriais máis rendibles en Galicia son: Electricidade, Enerxía, Auga e Saúde e asistencia social; sectores que rexistran unhas taxas medias de rendibilidade superiores ao 4,5%.
No informe deste ano vese que seis Sistemas Produtivos presentaron, en 2013, xeración neta de emprego (na edición anterior fixérono tan só 3 dos 18 sistemas analizados) e nunha análise máis detallado por actividades algúns sectores como Depósito, almacenamento e manipulación de mercadorías, Transporte de mercadorías por estrada, Fabricación de compoñentes, pezas e accesorios e Detallistas de pezas de vestir e complementos conseguiron xerar postos de traballo a un ritmo superior ao 1,5%.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

CESGA e Fujitsu crean un centro en Galicia para desenvolver e impulsar a tecnoloxía cuántica

O obxectivo é promover a investigación neste campo e atraer investimento para abordar os retos que afronta a sociedade actual

Internacionalización 21-25, a folla de ruta para a saída ao exterior do tecido empresarial

A aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores, principais claves da nova estratexia galega

Galicia segue por baixo do 1% de investimento en I+D respecto ao PIB

Os Reis de España presentaron este luns o Informe Cotec 2020,...

Galicia cumpre 10 anos de estancamento no gasto en I+D

Os datos publicados este mércores polo Instituto Galego de Estatística volven situar á comunidade por debaixo da media española e europea