Instalacións de envasado dentro da Aula de Produtos Lácteos de Lugo.

Instalacións de envasado dentro da Aula de Produtos Lácteos de Lugo.

Leite de alta tecnoloxía

Lugo acolle a nova Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC cun equipamento de vangarda

A posta en marcha das novas instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC, a planta piloto do sector lácteo mellor dotada de España e de Latinoamérica que conta con dotacións e equipamentos tecnolóxicos de vangarda entre os que están practicamente todas as tecnoloxías para a elaboración de produtos lácteos a escala semi-industrial, constitúe un novo impulso a través do que a Universidade de Santiago colaborará coas industrias agrarias e alimentarias no desenvolvemento de innovacións tecnolóxicas.

O reitor Juan Viaño acompaña ás autoridades na inauguración do centro.

O reitor Juan Viaño acompaña ás autoridades na inauguración do centro.

A inauguración das novas instalacións coincide tamén co comezo dunha nova etapa dun centro universitario de I+D+i nado hai preto dun cuarto de século con vocación docente e de servizos, segundo indicou este luns o reitor da USC. Juan Viaño sinalou que esta nova etapa trae un cambio de denominación da estrutura organizativa da primitiva Aula de Produtos Lácteos.

A denominación de Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias denota a pretensión da USC por ampliar as liñas de traballo deste centro, alén do sector lácteo, a outros ámbitos do sector agroalimentairo, a fin de facer así máis competitivas ás empresas e tamén aos sectores produtivos relacionados, en aras de favorecer o progreso social e económico do país, explicou Viaño.

A USC asume a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias como un proxecto singular que vai gozar dun decidido apoio institucional para facer desta plataforma tecnolóxica un dos faros que iluminen o futuro do Campus Terra, sinalou Viaño. O reitor da USC engadiu que o proxecto de especialización para campus de Lugo denominado Campus Terra e desenvolvido en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, aspira a facer de Lugo un referente do coñecemento do sector agroalimentario.

A aula quere desenvolver novos produtos de lácteos e derivados

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, salientou no acto de inauguración das novas instalacións universitarias que a “Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC está chamada a ser un eslabón importante no futuro do sector lácteo galego, tanto no desenvolvemento de novos produtos que satisfagan a demanda da sociedade como para o abastecemento de lácteos e derivados no mercado nacional e a conquista de novos mercados con alta demanda de produtos lácteos, como o son China, Asia e o Magreb”.

A desaparición do sistema de cotas de produción no ámbito europeo abre novas oportunidades para o sector lácteo, un contexto diferente no que a APLTA está chamada a ser unha peza clave, sinalou Quintana, para logo precisar que Galicia lidera a produción de leite en España, onde se consumen nove millóns de toneladas de leite e derivados, mentres só se producen seis. Estes datos indican que hai marxe para poder traballar e tamén temos potencial tecnolóxico para facelo, dixo.

A apertura das novas instalacións da APLTA da USC, cuxa superficie triplica as existente no anterior emprazamento, coincide cunha reforma da estrutura organizativa do centro e coa ampliación das potenciais liñas de traballo, segundo indicou o director da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Agroalimentarias. Enrique Arbones, que sucede no cargo a Juan Méndez Dónega, sinalou docencia, investigación, desenvolvemento de novos produtos, asistencia a empresas e institucións e formación como campos de traballo da APLTA.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.