Sábado 20 Abril 2024

A Xunta investirá 4 millóns en proxectos de fábricas intelixentes

A Xunta investirá 4 millóns de euros ata 2017 no concurso de ideas ‘Fabricación Avanzada 4.0’, que servirá para escoller e financiar os mellores proxectos piloto de fábrica intelixente levados a cabo por organismos intermedios e pemes galegas. O conselleiro Francisco Conde resaltou que o concurso de ideas se activará nas próximas semanas e poderán participar nel consorcios formados por un organismo intermedio e polo menos 3 pemes, que presenten proxectos conxuntos para aplicar tecnoloxías da Industria 4.0 ás empresas participantes. De entre todos os que se presenten, a Xunta escollerá catro proxectos para que sexan levados a cabo “e convertan aos seus protagonistas en pioneiras na industria 4.0 en Galicia”, resaltou.
“A Industria 4.0 é unha oportunidade única para incrementar a competitividade do noso tecido empresarial”, dixo Conde, “pero para alcanzar esas metas, necesitamos que se xere entre o empresariado galego unha masa crítica de compañías concienciadas coa necesidade de adaptarse á nova revolución” industrial. Neste senso, lembrou que é unha visión que está a ser asumida en todo o mundo, con exemplos como Alemaña, que xa conta coas primeiras fábricas piloto de firmas como Siemens ou Basf; Corea do Sur, que está a vivir grandes cambios lexislativos para adaptarse a ela; ou a Unión Europea, que puxo en marcha estratexias como a iniciativa Vanguard -na que se atopa Galicia-.

A industria 4.0 integrará as novas tecnoloxías nunha nova revolución industrial

No eido español, resaltou que o Estado lanzou o programa Industria Conectada 4.0, que traballa de forma paralela á galega Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, que pivotando sobre a fábrica intelixente busca que a industria galega pase do 13,5% ao 20% sobre o PIB, creando 50.000 empregos ata 2020. “Trátase dunha estratexia centrada no talento, no emprendimiento industrial e especialmente na innovación, poñendo o foco precisamente sobre a fábrica intelixente”, dixo Conde.
A estratexia, resaltou, aborda os catro grandes retos que trae consigo a Industria 4.0: en primeiro lugar, á integración vertical de sistemas de produción intelixentes, impulsada polo internet das cousas, dos servizos, dos datos e da xente. En segundo lugar, sinalou Conde, a Industria 4.0 supón a integración horizontal dunha nova xeración de redes globais de creación de valor, marcada pola transparencia integrada, a flexibilidade, a optimización e coordinación, a trazabilidade, e a capacidade de adaptarse ás especificacións do consumidor non só no deseño e produción, senón ata na distribución, abrindo a porta a novos modelos de cooperación interempresarial.

Publicidade

Alemaña xa conta con plantas piloto intelixentes de marcas como Siemens ou Basf

Como terceira clave desta revolución, defendeu, destaca a “reenxeñería de toda a cadea de valor, de punta a punta”, introducindo cambios que afectan a todo o ciclo de vida dun produto. “Pronto, algúns produtos imprimiranse en 3D directamente no fogar dos consumidores, que se limitarán a comprar en internet un arquivo co seu deseño”, sinalou Conde, que destacou que esta nova modalidade de negocio obrigará a repensar os sistemas de protección de copia, as leis de propiedade intelectual, o imposto de aduanas e mesmo o IVE.
E por último, o panorama da Industria 4.0, salientou o conselleiro, complétase coa aceleración de tecnoloxías novas ou que xa existían, pero que “só recentemente fomos capaces de producilas en masa e de forma barata”, como os avances en intelixencia artificial e robótica avanzada que permitan a convivencia en espazos reducidos de robots e persoas; os novos sensores, máis baratos e avanzados, que se integran nos produtos; os vehículos sen condutor para o transporte intrafabril, e os drones de mantemento para facer inventorio e loxística dentro do almacén; os sistemas de produción e análise do chamado Big Data; e a produción aditiva ou impresión 3D.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A RAGC e a Xunta convocan os X Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

Cada categoría está dotada con 5.000 euros e o prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

As análises da Xunta revelan a presenza de ata un 10% de aditivos químicos nos granulados

Un informe da UVigo comproba que os compostos das bólas plásticas non teñen "toxicidade relevante" nun modelo moi usado no medio mariño

Un equipo da UVigo constata que o granulado ten aditivos con "toxicidade crónica" e irritantes para os ollos

O grupo liderado por Ricardo Beiras analiza un dos informes encargados pola Xunta para coñecer a composición das bólas plásticas