foro economico

Santiago Lago, a esquerda, e Xoaquín Fernández Leiceaga, na presentación do informe.

A independencia de Cataluña restaríalle a Galicia 1.000 millóns de euros

Un informe elaborado por Santiago Lago e Fernández Leiceaga analiza o impacto fiscal dos cambios no modelo territorial

A independencia de Cataluña detraería entre 11.000 e 15.000 millóns de euros das contas públicas españolas. Para Galicia significaría aproximadamente reducir as entradas de fondos entre 800 e 1.100 millóns de euros. O Foro Económico de Galicia vén de analizar no seu último estudo o impacto fiscal na comunidade dos cambios no modelo territorial. “A singularidade no financiamento dun territorio de tanto peso feriría de morte o conxunto do modelo territorial español, ao introducir unha lóxica de territorialización dos recursos contraria aos principios do modelo constitucional vixente”, advirte o documento.

A presentación do décimo primeiro documento do Foro Económico de Galicia, titulado O impacto fiscal en Galicia dos cambios no modelo territorial, tivo lugar este xoves no Hostal dos Reis Católicos en Santiago de Compostela coas intervencións dos seus autores, Xoaquín Fernández Leiceaga, doutor en Economía na Universidade de Santiago de Compostela, e Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo. Segundo recolle o documento, o sistema territorial español amosa uns resultados globalmente razoables, aínda que con excepcións singulares como as das comunidades forais. Neste sistema, indican os firmantes do estudo, Cataluña e Galicia están nas posicións fiscais que se derivan das súas características económicas.

O estudo sinala que un pacto fiscal reduciría o impacto financieiro

“Cataluña amosa un saldo fiscal desfavorable. Con neutralidade financeira e en función do método de cálculo o déficit situaríase en 2011 entre o 5 e o 7% do seu PIB. Este déficit fiscal é xerado na súa meirande parte pola aplicación dun sistema fiscal progresivo a unha base de maior renda e riqueza por habitante. Galicia amosa un saldo fiscal positivo, tamén da orde do 5-6 % do seu PIB. Unha boa parte débese ás contas da Seguridade Social e o resto aos efectos da progresividade do sistema fiscal”, recolle o documento.

A proposta de pacto fiscal, subliñan, reduciría sensiblemente o impacto financeiro da independencia de Cataluña, nun 30% aproximadamente, porque quedaría fóra o sistema de seguridade social e Cataluña seguiría contribuíndo ao financiamento das cargas comúns, aínda que na estimación feita polo Foro Económico de Galicia partiron do suposto de que non á nivelación interterritorial.

Con estes datos e estimacións, Lago e Leiceaga pregúntanse no documento se existe un camiño para un acordo territorial estable. De existir, sinalan, tería que pasar por un financiamento público máis equitativo, con regras iguais para todos e no que, xa que logo, País Vasco, Navarra e Canarias asumen progresivamente os resultados do modelo común. Tamén pasaría, indican, por máis transparencia nas contas públicas, incluíndo balanzas fiscais e sistema de contas públicas territorializado; a reforma en profundidade da administración xeral do estado para adecuala ao reparto territorial de competencias; evitar a centralización innecesaria e garantir políticas respectuosas coa diversidade cultural e lingüística.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.