CIT Esteiro

O premio ten as modalidades de mellor traballo e éxito empresarial.

A Academia de Ciencias premia a transferencia de tecnoloxía

A RAGC e a Axencia Galega de Innovación poñen en marcha un certamen de i+D+i dotado con 22.000 euros

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, convoca a primeira edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia, dotados con 22.000 euros en dúas modalidades: mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada e mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. O prazo de presentación de candidaturas queda aberto ata o 29 de outubro.

Estas dúas entidades, representantes do Sistema Galego de I+D+I, colaboran na posta en marcha deste certame baixo a premisa de que a axeitada transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo está considerada unha estratexia prioritaria a nivel global para incrementar o desenvolvemento socioeconómico de calquera territorio. No caso de Galicia, estes procesos veñen sendo impulsados con resultados que convén recoñecer a través de casos de éxito que sexan difundidos á cidadanía e sirvan como referencia inspiradora para investigadores e empresarios.

A iniciativa pretende difundir casos de éxito e expoñelos como referencia

A primeira modalidade dos premios está dirixida a grupos científicos que desenvolvan investigación aplicada e que estean adscritos a centros tecnolóxicos ou de investigación ubicados en Galicia. Entre as candidaturas presentadas seleccionarase a que mellor represente a contribución dun traballo de investigación ao desenvolvemento socioeconómico de Galicia a través da transferencia dos seus resultados ao mercado. A dotación do premio ascenderá a 6.000 euros netos, aos que se sumará unha axuda de 4.000 euros para a formación dun membro do equipo gañador, durante unha estancia de entre dous e tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia.

A modalidade empresarial busca o caso de éxito máis representantivo de innovación acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Concederaselle á peme galega (incluíndo as micropemes) que acredite a mellor innovación procedente da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. Neste caso, a dotación do galardón ascenderá a 12.000 euros netos.

O detalle das bases e da documentación a entregar pode consultarse nas webs da RAGC (ragc.cesga.es) e da GAIN (gain.xunta.es).

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.