Participantes na primeira edición de 3Day Startup en Vigo.

Participantes na primeira edición de 3Day Startup en Vigo.

‘3Day Startup’ formará estudantes para crear unha empresa en 3 días

O programa da UVigo reunirá a estudantes na illa de San Simón para crear unha start up de base tecnolóxica relacionada co mar

Alumnas e alumnos con actitude emprendedora dispostos a pasar 72 horas dedicados en corpo e alma a aprender a emprender e a facelo nunha contorna tan particular como a illa de San Simón. Este mércores presentouse no campus a segunda edición de 3 Day Startup Vigo, unha actividade gratuíta que convida ao alumnado universitario a converterse en emprendedores e recorrer en tan só tres días de intensa convivencia o camiño necesario para crear unha start-up de base tecnolóxica centrada na explotación e uso dos recursos mariños en todas as súas vertentes: turismo, saúde, alimentación, medios de comunicación…

3ds

“Esta actividade, que está a acadar un éxito notable en todo o mundo, encadra perfectamente coa aposta pola cultura do emprendemento que estamos a facer dende a Universidade de Vigo e con ese ánimo decidimos unirnos a ela a través do noso campus de excelencia, o Campus do Mar”, subliñou o reitor vigués, Salustiano Mato. Fixo fincapé no “elevado interese” dunha metodoloxía “que crea cultura de emprendemento e se aliña moi ben co resto de iniciativas que impulsamos nesta liña, coma os premios Incuvi-Emprende ou a Escola de Emprendedores do propio Campus do Mar”, recalcou Mato, que estivo acompañado na presentación aos medios pola docente da Facultade de Bioloxía Maruxa Álvarez, responsable local da organización do evento; Ángeles Pariente, responsable de comunicación de 3DS a nivel nacional, e a técnica de Campus do Mar Cristina Quelle.

O formato 3 Day Startup naceu nos Estados Unidos e triunfa no mundo

O formato intensivo do 3 Day Startup, unha iniciativa que botou a andar nos Estados Unidos e que se estendeu xa aos cinco continentes, condensa nunha fin de semana todo o proceso de xeración dun proxecto empresarial, desde o nacemento da idea ata o desenvolvemento dos primeiros prototipos, o deseño dun modelo de negocio e a presentación ante os posibles investidores. “É un evento co que axudamos a que os estudantes sexan capaces de trasladar a súa idea a un proxecto empresarial viable”, explicou Álvarez, principal responsable de que este evento chegase a Vigo, pois ata 2014 as únicas edicións en España celebrábanse en universidades privadas de Madrid e Barcelona. “Cando ti solicitas traer a unha universidade o 3DS analizan en detalle o perfil da institución solicitante e no noso caso non houbo problema e enseguida deron o seu visto e bo”, recalcou a docente, “moi satisfeita” tamén con como se desenvolveu a primeira edición, na que houbo máis de 200 solicitudes de participación, entre os que foron seleccionados os 38 finalistas.

Tras o éxito acadado nesa primeira edición en Galicia, 3DS aterra de novo en Vigo, nesta ocasión cunha versión centrada exclusivamente no mundo mariño, “un paraugas que nos permite tamén difundilo dunha maneira moi activa en todas as universidades parceiras”, apuntou Mato, recalcando o feito de que a participación nesta experiencia está aberta a todo o alumnado universitario, non só ao da Universidade de Vigo. “De feito, na anterior edición houbo inscritos de todas as provincias galegas, algúns doutras comunidades autónomas e tamén de Portugal”, explicou Álvarez, que aclarou tamén que está aberto tanto a alumnado de grao, como mestrado ou doutoramento.

Os estudantes pasarán 3 días internos na illa de San Simón 

En total ofértanse 40 prazas e a cita será nesta ocasión a fin de semana do 6 ao 8 de novembro e non suporá para os finalistas ningún tipo de gasto. Todas as persoas interesadas deben inscribirse na web do evento e despois será a propia organización a que se encargue de facer a selección dos finalistas. “Buscamos persoas entusiastas, non só con habilidades técnicas, senón tamén sociais e mesmo emocionais”, explicou a responsable local, que fixo fincapé no elevado grao de “enerxía” que van ter que pór no proxecto os participantes.

As actividades iniciaranse o venres 6 ao mediodía, cando un barco levará aos 40 participantes e aos seus mentores ata a illa de San Simón, onde convivirán e traballarán ao longo de toda a fin de semana. Unha vez instalados, o primeiro paso será a posta en común de ideas relacionadas co mar para a creación dunha ‘startup’, de entre as que seleccionarán cinco ou seis sobre as que traballar o resto da fin de semana. Formados os equipos terán ata o domingo pola tarde, que será cando presenten un prototipo ante un xurado composto por profesionais do mundo do emprendemento e investidores para crear e desenvolver o proxecto.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.