As xoias do legado de Domingo Fontán

Orixinal da Carta Xeométrica, custodiado pola Fundación Domingo Fontán. Fotos: R. Pan.
Orixinal da Carta Xeométrica, custodiado pola Fundación Domingo Fontán. Fotos: R. Pan.

Orixinal da Carta Xeométrica, custodiado pola Fundación Domingo Fontán. Fotos: R. Pan.

Minuta orixinal da Carta Xeométrica, custodiada pola Fundación Domingo Fontán. Fotos: R. Pan.

Hai agora 230 anos que Domingo Fontán naceu en Porta do Conde, no Concello de Portas. E hai agora 201 anos que o insigne matemático puxo a andar unha obra inxente, pola que hoxe é recordado: a Carta Xeométrica de Galicia. Ao longo deste 2018, Fontán será homenaxeado pola Real Academia Galega de Ciencias, que acordou dedicarlle o Día da Ciencia en Galicia.

Publicidade

Para desenvolver o gran mapa de Galicia, que admiraron Cunqueiro, Castelao ou Otero Pedrayo, Fontán valeuse de diversos instrumentos cos que acadou unha enorme precisión técnica e científica. Milleiros de follas de anotacións nos seus cadernos de campo, esbozos, anteollos, barómetros ou alidadas forman parte dese tesouro que hoxe en día conserva e custodia a Fundación Domingo Fontán, constituída polos seus descendentes directos. O seu vicepresidente, César Camargo, recibiu en Madrid a GCiencia, que puido ver e retratar algunhas das xoias máis destacadas do legado do matemático galego.

A Carta Xeométrica orixinal

Desde 1817 ata 1834, con numerosos obstáculos e dificultades por medio, Fontán percorreu a cabalo Galicia, lugar a lugar, monte a monte, para triangular o país. Unha vez encaixadas todas as pezas das medicións que realizou, alumeou a obra magna da Carta Xeométrica. E ese é o borrador orixinal que presentou á rexente María Cristina en Madrid no ano 1834 e que encabeza esta información.

Este borrador é 11 anos anterior aos centos de gravados orixinais que hoxe en día están espallados polo país, en lugares como o Parlamento de Galicia, a Facultade de Xeografía da USC ou a sede da Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. E incorpora pequenos matices que o diferencian destes gravados. O perfil da costa, como se pode ver á dereita da fotografía que aparece ao comezo da reportaxe, aparece coloreado nun tono azul.

Inscripción da minuta orixinal da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán.
Inscripción da minuta orixinal da Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán.

Outra das pezas reseñables é a copia enteada da Carta que se amosou na Exposición Compostelana de 1858, celebrada en San Martiño Pinario, e visitada pola raíña Isabel II. Alí, a monarca puido ver o mapa que xa contemplara a súa nai María Cristina máis de vinte anos atrás.

César Camargo amosa a copia enteada da Carta que foi amosada na Exposición Compostelana de 1858.
César Camargo amosa a copia enteada da Carta que foi amosada na Exposición Compostelana de 1858.

Cadernos de campo e esbozos

Tal e como explica César Camargo, a Fundación Domingo Fontán conserva en decenas de arquivos todos os cadernos de campo que empregou o autor do primeiro rostro de Galicia. Despois de calcular as distancias, os ángulos e as condicións atmosféricas mediante aparellos como a alidada, o barómetro e os anteollos, Fontán tomaba nota dos accidentes xeográficos para comezar a triangular a paisaxe. Estes son algúns dos exemplos.

Anotacións na contorna do Pico Busbeirón, nos Ancares.
Anotacións na contorna do Pico Busbeirón, nos Ancares.

Estes cadernos de campo complementábanse coas anotacións realizadas nas pranchetas. Axudándose da alidada, Fontán reproducía cada unha das referencias espaciais que vía. Baixo estas liñas está unha das primeiras pranchetas que debuxou Fontán. Tomou como base un pombal situado a carón do pazo de Sobrecarreira, en Cambre, propiedade do seu amigo Antonio Loriga. Son documentos do ano 1816.

Prancheta realizada no pombal de Antonio Loriga, unha das primeiras medicións do que sería a Carta Xeométrica de Galicia.
Prancheta realizada no pombal de Antonio Loriga, unha das primeiras medicións do que sería a Carta Xeométrica de Galicia.

Porén, a Fundación só conserva unha parte ínfima dos bosquexos que Fontán fixo ao longo do país para dar forma ao mapa. A maioría deles perdéronse despois de que o Instituto Geográfico Nacional se fixera coa maior parte deste material. Pero aínda se pode acceder a varios deles. Son esbozos da Serra de Outes, da triangulación de Noia e da zona do río Avia, O Carballiño, A Lama e Soutelo de Montes.

Esbozo da zona da Serra de Outes.
Esbozo da zona da Serra de Outes.

As ferramentas

César Camargo, vicepresidente da Fundación, vai amosando as ferramentas que un día Domingo Fontán comezou a manexar para desenvolver a Carta. A alidada, coa que medía os ángulos e anotaba a ubicación dos diferentes lugares desde cada unha das estacións xeodésicas nas que baseou a triangulación do territorio; o barómetro co que calculaba a presión atmosférica, ou as pesas coas que nivelaba os seus aparellos de medición.

Alidada e prancheta; así levantaba Fontán os seus planos.
Alidada e prancheta; así levantaba Fontán os seus planos.
César Camargo, con varias das ferramentas orixinais coas que traballou Domingo Fontán.
César Camargo, con varias das ferramentas orixinais coas que traballou Domingo Fontán.
Alidada, en primeiro plano, e unha das follas da Carta Xeométrica.
Alidada, en primeiro plano, e unha das follas da Carta Xeométrica.

A esquela de Domingo Fontán

O matemático galego faleceu o 24 de outubro de 1866 no balneario de Cuntis, onde acudira tomar as augas para tratar unha cistite. A súa esquela, na que se enumeran os seus cargos e títulos, figura tamén no arquivo da Fundación.

Esquela de Domnigo Fontán.
Esquela de Domnigo Fontán.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.